martes, 10 de decembro de 2024

Unha novela que se ergue dende o TDAH e o bullying

 
Unha novela que se ergue dende o TDAH e o bullying para construírse como literatura xuvenil que doe pero cura, que podería ser un bodrio de "problemática actual" pero resulta crible e dá na diana. O último premio Jules Verne de Literatura Xuvenil está escrito por unha muller que traballa como chef pero ama a escrita. 

I´m Obelix de Raquel Fernández Fernández está publicado na colección Fora de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Isma, un mozo de 13 anos, afronta un novo curso do instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas -e mesmo de certo alivio-, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade dun sector do profesorado e do alumnado. Con certos toques de humor e unha chea de referencias ao mundo adolescente actual, «I'm Obélix« achéganos á crúa realidade do día a día nun instituto calquera, onde ser diferente é un desafío e, demasiadas veces, constitúe unha traxedia para a vítima e a súa familia. XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil"

O título de cada capítulo leva o nome do personaxe que o narra e nalgún caso unha frase significativa como Caramelos de pau (que Isma lle dá ao abusón Alex pensando que así o deixará tranquilo), Unha pedra no zapato (algo molesto que debes quitar pero non o das feito) ou Xeado de doce de leite (que van tomar ao final para celebrar que todo rematou, polo meos por agora). Porque o abuso é algo que continúa e continuará presente sempre que haxa quen se sinta necesitado de mancar aos demais pe¡ara sentirse máis, porque na banalidade do mal está incluído ese personaxe que fai mal, os que os secundan  e os que calan, tanto dende o grupo de alumnado como de profesorado (ai! dos que queren fuxir de problemas e din que non ven ou incluso entenden que o ensino é como a mili e aí deben facerse homes e mulleres, dos que ven claramente pero non actúan porque non é a súa titoría u porque van cheos de traballo). Mentres tanto, do outro lado os machacados para os que non existe razón nin física nin psíquica, poden facerlle bullying por listos ou por torpes, por altos ou por baixos... é cuestión case de azar e eles/elas sábeno por iso buscan a sombra dos ganadores porque se non hai un "estado" que os defenda están ao dispor do peor da sociedade.

Resistir sen contar para non disgustar ou porque dubidan de que os crean, chegar a facerse daño a si mesmos de mil maneiras, sentir ganas de desaparecer (o suicidio como unha nube negra sobre a cabeza). Non atreverse a acusar (están ameazados), non querer acusar (son compañeiros, sempre tes a esperanza de que mañá amañeza doutra maneira e non queres facerllles mal). Denunciar é imprescindible por el pero tamén polos demais, para que non continúen facéndollo a ninguén máis, por iso quen o fai é un superheroe (Obelix ou non). As familias, ese retrato da nai que cre que a súa filla nunca fai mal, que sempre son os demais os que van a por ela. Os que pensan que son rapazadas, boberías que hai que superar... Todos está descrito, paseniñamente e ben vemos cal é o que pode salvar: o afecto e a comprensión da familia, os apoios que busca, o profesorado comprometido, as asociacións... e, sobre todo, que existan estruturas de seguridade coma os equipos directivos ou consellos escolares, a cosellería de educación (o Estado) que coida da xustiza social, que evita que o mundo sexa unha selva na que os fortes atacan aos débiles e os dereitos non están á man de todos e todas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario