luns, 2 de decembro de 2024

Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023

 

O Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer do ano 2023 correspondeu a Ignacio Vidal Portabales coa obra Sucos que agora aparece publicada por Galaxia na colección Árbore con ilustracións de Sandra Lodi.

Da presentación editorial: "O avó de Aldara, o vello Moncho, comeza a facer cousas raras.  Preocupada por el, a súa neta vaino acompañar nunha extraordinaria aventura enriba dunha padeadora amarela, coa que percorrerán camiños e leiras. Moncho ten un plan con catro ideas que mudarán para sempre a aldea de Xavestre e os seus veciños e veciñas."

Unha nena e o seu avó manteñen unha relación moi especial, el ensínalle canto ela quere saber, ela acompáñao a onde el queira ir, el chámalle parruliña ou miña ruliña... por iso ela entende que el queira manexar unha padeadora porque quere ter esa experiencia e gardaralle o segredo. Ver a avó e neta percorrendo os campos sobre o aparello, ler as conversas entre os dous ou dela co irmán, observar a actuación do concello por medio do conserxe (que fala cos seus pés: Adolfo e Rodolfo) e a corporación municipal introdúcennos nun mundo onde o realismo acada certa maxia con gotiñas de tenrura e intervención no medio, porque certamente o avó fai cousas: dende unha escultura amoreando pedras no medio dun parque que non acaba de ser, ata desviar os regos para que aí naza herba, cortar os eucaliptos para que no seu lugar podan nacer árbores autóctonas e saudables... igual facían falla máis velkos con alzhéimer para mellorar o medio.

Unha historia ben contada, cunhas ilustracións interesantes especialmente cando a fantasía entre tamén na imaxe ou nese título no que avó e neta camiñan pola O. Novas tipoloxías de texto en letra caligráfica coma os litados nos que tamén introduce a cor ou certas palabras en gran tamaño falan de deseños novidosos que se están incorporando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario