Papá. Un heroe, un mito, unha lenda de Mifflin Lowe e Dani Torrent está traducido por Iolanda Mato e publicado por Triqueta verde.
Así se presenta este libro moi acaído para agasallar, poño por caso, a un pai: "Este pai é a persoa máis xenial do planeta. Cambia cueiros por gusto, é capaz de contar ata o infinito máis dunha vez e ademais é o máis forte e intelixente da historia. E sabes que? Inventou unha receita xenial para alegrar os días máis tristes: espaguetes con lambetadas. Heroica, absurda e conmovedora, “Papá, un heroe, un mito, unha lenda” é unha historia sobre a relación entre pais e fillos nos que a protección e a amizade están por riba de todo. Os nenos adoitan pensar que os seus pais poden facer calquera cousa: salvarlles das serpes, voar á lúa, converterse en detectives, etc. Esta obra reproduce as fantasías de todo o bo que un pai pode ser para un neno. Ao final do libro inclúese unha páxina para que os nenos escriban que fai que o seu propio pai sexa especial".
Magníficas ilustracións que levan a historia moito máis alá do que conta o escritor. Cando un pequeno adora ao seu pai e nos conta as razóns polas que non hai ninguén coma seu pai, que o salva de todos os perigos, que está disposto a competir con quen faga falla (de ser necesario), que pode facer o parvo... porque non sempre queda en moi bo lugar pero todo se resolve cando se ten interese en facelo (porque os humanos temos esas grandezas e miserias, capaces do máis grande e do máis ridículo); a nai semella o punto de sentido común necesario nesa casa (polo tanto tamén se lle pode agasallar á nai aínda que sexa actriz secundaria). Un pai que pode facer o que sexa para que o fillo non se sinta mal cun horrible corte de pelo (ou coas uñas pintadas de cores), que apoia cando é preciso... pois si, "cun pai coma el está seguro de ser quen de facer todo o que se propoña". E diso se trata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario