venres, 20 de decembro de 2024

Os libros da Galicia pequeniña


 Atlas da Galicia pequeniña, Historia da Galicia pequeniña e As Letras da Galicia pequeniña de César Cerqueliños e Jorge Campos están publicadas por Aira editorial.

A presentación editorial de cada un deles adianta o seu contido:

-Vai pola sexta impresión do libro ilustrado pensado para crianzas de todas as idades que percorre moitas áreas da identidade nacional galega: xeografía, historia, lendas, personaxes célebres, festas e celebracións, símbolos… Un percorrido visual útil para aprender a coñecernos mellor como pobo, desenvolvido con mestría por César Cequeliños e por Jorge Campos, premio da Gala do Libro 2017 polo seu cómic Alter·Nativo.

-O pasado de Galicia como nunca cho contaron. Mapas, obxectos, acontecementos e personaxes para que nos coñezamos mellor.

-Letras, palabras, frases, historias… A lingua galega expresa o que sentimos, desexamos e inventamos. Ven coñecela do xeito máis divertido.

 Na última podemos repasar o alfabeto ilustrado, un par de planas de banda deseñada co nacemento e esplendor da lingua galega, palabras polisémicas e homónimas, a presentación dos autores das cantigas, un xogo con encrucillados, un mapa coas variedades dialectais, a resistencia e futuro da lingua, a fonnética, o galgo literario na Idade Moderna, un xogo con sopa de letras, aexplicación da diferenza entre escrita e pronuncia, o Rexurdimento antes de Rosalía, os xéneros literarios, os grandes clásicos do Rexurdimento, Etimoloxía, os latíns e outras xirias, as Irmandades da Fala e a xeración Nós, expresións ilustradas, as regras ortográficas, as vangardas, cen palabras para a chuvia, o Día das Letras, Os dicionarios, aurtores e autoras da segunda metade do século XX, neoloxismos, a literatura actual e dúbidas do galego. Polo tanto o libro atende á literatura e a súa historia, igual que a todo o que ten que ver co estudo da lingua. Unha boa porta de entrada ao universo do galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario