martes, 3 de decembro de 2024

"Cousiña linda" de Anthony Browne en gran formato

Cousiña linda de Anthony Browne en gran formato, traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez, publicado por Kalandraka na colección Tras os montes.

Da presentación editorial: 

"Unha das obras imprescindibles de Anthony Browne, un álbum tenro e con doses de humor sobre o valor da amizade e a solidariedade. 
En 1974, Koko, unha gorila adestrada na Universidade de Standford para usar a lingua de sinais, pediulles un gato aos científicos que a observaban e coidou del coma se fose o seu fillo. Uns meses despois o gato desapareceu e durante varios días Koko expresou a súa tristura a través de sinais. Este feito, que provocou a discusión sobre se outras especies poden sentir emocións humanas, serviulle de inspiración a Anthony Browne para a creación dunha das súas obras máis coñecidas.
En Cousiña Linda, coma no caso real, un gorila que sabe comunicarse por sinais, e ten todo o que desexa, séntese só e decide pedirlles aos seus coidadores un pouco de compañía. Así coñece a Linda, unha gatiña coa que toma leite e mel, pasea, xoga... Xuntos son felices, mais unha noite, mentres ven unha película, o gorila ponse moi nervioso, enfurécese, e os seus coidadores deciden separalos. Nese momento, Linda mira para o gorila e na súa reacción revélase o verdadeiro valor da amizade.
Anthony Browne sente unha gran paixón polos gorilas, e esa fascinación, que xorde do contraste entre a forza e a tenrura destes animais, reflíctese en boa parte da súa obra. Nas coloridas ilustracións deste álbum, combina elementos realistas cun toque de fantasía e humor, dando vida a dous entrañables personaxes."

Máis tenrura non é posible, nin nas ilustracións cheas de expresión nin nos textos, escasos e xustos.  As gardas a modo de papel pintado nunha soa cor con motivos vexetais achegan unha sobria elegancia. A cuberta co inmenso gorila portando na cabeza o gatiño , ambos cunha expresión plácida abren a porta da dozura. A rosa é esa flor perfecta que non admite aditivos "déixaa que así é a rosa", e o autor ingroduce o volume cunha branca que leva dentro a cabeciña do gato e outra vermella que leva a do gorila. E... empeza a historia co gorila nunha sala de estar elegante e convencional, con todas as comodidades pero só, as-í se sente e pide compañía... A bela e a besta, o afecto entre especies diferentes, o grande e o pequeno, os coidados, a delixadeza coa que se tratan, a rabia do gorila que esperta cando ve King Kon, a película, e esa maneira tan marabillosa sde resolvero conflito, cando vai ser castigado por romper a televisión, a gatiña decide asumir a culpa para que non os separen. Porque xuntos son felices! Cousiña linda... pensará o gorila e pensamos nós cando os vemos aos dous.

Un issu para facerse idea.

Ningún comentario:

Publicar un comentario