Quen pode recibir ese nome de suicidante? Que é o que fai para chamarse así?
Os suicidantes de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero está publicado por Xerais. Preséntase así: "
Ambientada en Compostela, mirala, lela supón ir percorrendo as rúas. Por iso remata cun roteiro pola cidade, xunto cun texto de cada un dos autores ("A morte que no obriga a vivir" de Ameixeiras e "Chámenme despois de ler esta banda deseñada" de Guerrero) que vai seguido do apartado "Bosquexos, rarezas e caras B".
A sinopse: "Nunha cidade do futuro, devastada por un réxime económico fóra de control, os individuos son arrastrados cara ao abismo. Un camiño que ninguén querería percorrer: o camiño da morte autoproducida, executada coas propias mans. As mentes están atravesadas por unha angustia indefinible e centos de vidas causan baixa definitiva cada día para un sistema que só busca a supervivencia da produción. Pero Marion, a pesar de todo, é unha resistente. E non só porque estea evitando inflixirse a morte, senón porque nela comeza a nacer unha resposta a esa tiranía que alimenta, contra os seus propios intereses, a propagación dunha doenza chamada «A gran dor». Aínda que non está orgullosa do seu traballo, Marion leva tempo sendo unha suicidante. Unha operaria da destrución. Aplaca o suplicio mental dos seus clientes a cambio de diñeiro. Mata, elimina, liquida. Pertence a unha banda armada que opera contra o réxime, pero sen cuestionar a súa brutalidade. Ata que chegue o día en que quizais mude o vento da traxedia."
En branco e negro, cun debuxo duro, cunha historia distópica que nace na mente do escritor a partir dun conto de Quiroga (Los buques suicidantes) e da novela de McCarthy (A estrada). Define "a gran dor" (nas súas palabras) como o encontro entre os medos que todos levamos dentro e unha sorte de virus mental inoculado pola maquinaria do poder para manternos insatisfeitos e podemos recoñecer o seu xermolo no cotián, nos medicamentos para a alma e nos suicidios invisibilizados. Recoñecemos, tamén, como en 1984, a perversidade do poder, esa capacidade para sacar proveito ata do suicidio do outro, esa competencia para infrinxirlle máis dor ao deixar máis vulnerables aos seus, ao non poder legarlles nada.
