sábado, 24 de agosto de 2024

De mouras e namoramentos

A árbore dos namorados de Buenaventura Aparicio Casado está publicado por AB ORIGINE Edicións.

Da presentación editorial: "Unha aldea galega hai cen anos. Un castro no que aínda viven os mouros gardando os seus tesouros. Martiño, un mozo que arela ser mestre canteiro, namórase de Alda, unha moura encantada que soña coa liberdade e con vivir un gran amor. Unha historia, baseada na mitoloxía popular, dunha paixón de dous personaxes decididos a enfrontarse co seu destino." Unha historia de amor baseada na mitoloxía das mouras pero con todos os ingredientes dunha aldea cos personaxes do indiano ao que lle envían o xornal cada día e el comparte ao día seguinte con toda a aldea na taberna, os diferentes oficios, o capador, o sacristán, o crego, a costureira, o mestre, o taberneiro do que desconfiaban que se ía da lingoa coa garda civil, as romerías e a xesteira, as seráns... e un mozo que anda aprendendo o oficio de canteiro e se namora dunha moura... o que segue hai que lelo aínda que se adiviña nesa imaxe da cuberta con ela e unha árbore. Ben contado o relato ao xeito dun narrador que leva no sangue un antropólogo. Gústame especialmente o capítulo que leva por título "Os mouros da Cividade" onde se fala desas dúas dimensións nas que viven os habitantes actuais e os mouros, adiviñandose nos ruídos. 

Un petisco: "Segundo Maruxa, os seus vellos testemuñaban unha historia ben fiada que comezaba afirmando que os mouros foran os primeiros poboadores de Galicia. Naqueles tempos tan remotos houbera moitas loitas e, ao cabo, o apóstolo Santiago botou os mouros fóra da nsoa terra. Mais -proseguía- non todos marcharon. Algúns quedaron agochados nos castros, nun estado especial: encantados" 

Acompañan a historia notas aclaratorias, vocabulario, referencias documentais e o apartado "Para saber máis" con bibliografía.

venres, 23 de agosto de 2024

Novela xuvenil coa Coruña como orixe

Ningunha estrela levará o meu nome de Antonio Manuel Fraga aparece en oqueleo de Obradoiro.

Así se presenta: "Rodri parece abocado a pasar só as vacacións de Nadal. Seu irmán Robinson cancelou a visita anual desde Mallorca e súa nai deberá traballar varios días fóra da cidade. Entón, o seu amigo Mario proponlle un disparatado plan.

Mario é un compañeiro da clase obsesionado cos pasteis de merengue, a música de Frank Ocean e o videoxogo Serenity´s Edge. Os dous rapaces son moi diferentes entre si, mais comparten o feito de ser uns marxinados no instituto.

Cando marchan xuntos da cidade, comezan unha viaxe chea de aventuras a través de estacións de tren, estradas xeadas e cidades descoñecidas nas que Rodri descubrirá o valor da amizade.

Ningunha estrela levará o meu nome é unha homenaxe aos heroes e ás heroínas que viven entre nós."

Rodri vaille contando a alguén o relato da súa vida, tardaremos en saber quen é o receptor desas palabras que lemos nós, pero todo chega e tamén ese momento. Nun continuo flash back de ida e volta o mozo vai desamalloando a historia: a súa (unha vida entre a nai e o irmán que lembran Brasil e ao pai),  a da escola no grupo dos marxinais que semellan recollidos dun inventario de pezas raras entre as que destaca Mario cunha chea de cualidades e a viaxe dende A Coruña ás Baleares, chea de dificultades pero tamén estraños encontros. 

Unha voz persoal mantén a nosa atención mentres retumba esa frase que sitúa a quen a di no anonimato dos non vencedores, a pesar de que as estrelas son moitas e non sabemos cal é definitivamente o criterio para nomealas. Sentirse fracasado, saberse distinto, atopar un amigo disposto a facelo todo por ti ou polo que sexa, un ser especial que entende o que che pasa e pode embarcar nos xogos que lle propoñas. O mundo do cómic e os videoxogos, da rapazada á que todo lle vai resultar menos doado e das viaxes que non só se fan pola xeografía. Ata onde é mellor desconfiar como fai Rodri ou ser inocente como Mario? A valentía de defender ao amigo, o positivismo de dicir algo agradable a quen nunca recibiu un afago, a intelixencia natural, esa capacidade para entenderse cos bebés, a xenerosidade ampla e gratuíta... fan do rapaz xitano un personaxe moi atraínte. 

mércores, 21 de agosto de 2024

"Fóra de xogo" non é só unha colección

 

"Fóra de xogo" non é só o nome da colección de literatura xuvenil de Xerais. Aparece agora como o título dunha obra de José Luis Baños de Cos que ganou o VI premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e está publicado pola editorial Galaxia con ilustracións de Agustina Shuan.

Así se presenta: "En Kabul, Zainab, unha nena de dez anos, ten un gran segredo: xoga ao fútbol ás agachadas nun recanto do patio despois das clases. Alí coñece a Sahraa, coa que compartirá a súa gran paixón e á que lle ensinará as regras do xogo. Pero teñen que ter moito coidado, as aguias e os señores corvos poden descubrilas. Fóra de xogo narra a historia dunha amizade, reivindica o dereito das nenas a través do deporte e os soños compartidos nunha situación discriminatoria e de desesperanza."

Dúas nenas que se coñecen nun campo a onde escapan para xogar fútbol sen que ninguén as vexa. A máis vellas ensínalle á outra, no xogo vaise mesturando a realidade, unha alegoría entre o xogo das pombas e a aguia, o temor ante os corvos e as aguias que pelexan entre si pero ambos as someten a elas. A pequena admira a Messi, a grande a Shamila Koestani a capitá do primeiro equipo nacional feminino de fútbol de Afganistán, aínda que ao final, Sahraa só quere ser ela mesma, a amiga de Zainab, porque por riba das gerras e as situacións de perigo, por riba das prohibicións están os afectos. Por iso, aínda que xa non pode vela nin saber dela, está contenta de que conseguise escapar e poda ser libre, aínda que ela xa non poderá volver xogar ao fútbol nun campo que está cheo de buratos das bombas.  Uns diálogos intelixentes e sensibles entre as dúas, nas que a relación entre as normas do xogo, a situación, os soños e os pensamentos da pequena abren a obra á reflexión ante a opresión da muller, a guerra, as prohibicións e a dor a que se somete a parte máis débil da sociedade nos lugares máis duros do mundo. Ese sector sempre perdedor que, a pesar de todo, busca a ocasión de sorrir e divertirse, confórmase con alegrías momentáneas e alimenta a resiliencia.

Unhas ilustracións tan simbólicas como o texto, que teñen en conta as cores e as figuras afgás das dúas rapazas protagonistas. Esquemáticas, con cores quentes, elementos xeométricos, repeticións e case simetrías.  

Non sei se é porque coñezo ao autor pola súa obra dramática e me deixo influenciar, ou simplemente porque hai unha obra teatral detrás desta noveliña.

luns, 19 de agosto de 2024

Libro de artista

Da presentación editorial;

"Noites confinadas mestura fotografa, pintura e poesía. É un canto á natureza, un recordatorio do valioso do noso planeta, da súa enorme fraxilidade, pero tamén da súa formidable forza e da súa capacidade de rexeneración. É un chamamento á responsabilidade e á conciencia colectiva e individual da cidadanía en relación ao medioambiente; unha invitación á reflexión crítica sobre a sociedade actual e o seu enorme poder destrutivo. É unha apelación a que un mundo máis sostible é posible. 

Os seus autores: 

Chema Mesía. Profesor Titular de Artes Visuais e Educación e director do grupo de investigación Arte-Facto na Universidade da Coruña. Doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada. O seu traballo artístico é multidisciplinar, movéndose entre o comisariado, a ilustración, o deseño gráfico e a fotografía contemporánea.
Ilduara Penas. Mestra de Educación Infantil, Técnico Superior en Educación Infantil e Diplomada en Educación Social. Vinculada ao ámbito educativo desde os inicios da súa carreira, exerce como docente no primeiro ciclo da educación infantil. 

David Catá Artista contemporáneo, compaxinou os seus estudos de música co Grao en Belas Artes (2010) pola Universidade de Vigo. Continuou os seus estudos artísticos en Madrid cursando o máster “Concepto e Creación” no Centro Internacional de Fotografía e Cinema, en EFTI (2011), obtendo o premio fin de estudos. Traballa a fotografía, a videocreación, a pintura e a música e o seu traballo ten recoñecemento nacional e internacional."

Esta é a súa ficha bibliográfica

Un fermoso álbum con fiestras de lúa, coa noite e o confinamento como protagonista: cidades silenciosas, rúas baleiras. Fronte a lúa planta do dente de león, si esa que se soplas vai botando as sementes polo aire. Un ceo estrelado que observa como a natureza se rexenera: o mundo vexetal esténdese e o animal ocupa espazos dos que levaba moito tempo afastado, ata á lúa chegan as hedras... a vida ábrese paso mentres a humanidade fica pechada. Esa humanidade que precisa apoios para sosterse como esa cadeira de rodas debuxada no chan.

Unha obra fermosa na que aparece o papel vexetal dando esa outra pátina ás  páxinas. Un xogo de artista no que se ve moi claramente a man de David Catá, ese creador que nunca deixa de sorprendernos e do que xa coñeciamos os dentes de león voando ou a pel das mans cosida nunha reivindicación da infancia persistente.  

Habería que ver o que se agacha detrás do código QR que no meu caso non fun quen de abrir...

Novela xuvenil con desaparición de adolescente

Mururoa é sobre todo iso, unha novela xuvenil que narra a desaparición dunha adolescente. Un tema que doe e se conta, un furado negro que crea unha sensación de desamparo e falta de creto nas estruturas que nos damos para a seguridade cidadá. Unha moza non volve á casa, a nai agarda a que pase a segunda noite antes de dar aviso; a súa situación de separación do home, a falta de relación fluída coa sogra e a filla maior -xa emancipada- faille tragar en soidade o principio do longa noite de desinformación. Como pode desaparecer unha moza e non ter ningún dato que poda servir? como pode ser que os vínculos familiares e sociais sexan tan leves que o sufrimento se converta en algo co que non se pode cargar?

Da presentación editorial: "Mururoa é unha novela que afonda no comportamento humano, tanto a nivel individual como colectivo, diante de noticias que nos afectan no máis profundo do noso ser coma se fosen a explosión dunha bomba atómica. Unha rapaza, Iria, desaparece sen rastro ningún, pero deixa un profundo desacougo na súa familia que, de súpeto, aprende que significa a palabra “amor” logo dunha vida en que cada quen ía ao seu. A desaparición da moza levará a todos a reflexionar sobre os seus sentimentos e a dependencia que temos cos que nos rodean. Ao tempo, algo pasa na vila, que tronza o cotián e que lembra ás xentes do lugar a nosa vulnerabilidade máis absoluta fronte a unha falsa sensación de protección." Esta é a primeira novela do xornalista Miguel Martín e está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

É verán, agosto; un descanso antes de marchar a estudar a Madrid. Adolescencia: con todo o que supón de primeiros amores, relacións sexuais, sentimentos encontrados e segredos inconfesables... ata onde todo isto non dificulta a investigación? A falta de mostras de afecto, a vida de cada un por separado sen pensar demasiado nos demais membros da familia, as amigas que han de cumprir o papel de irmás. 

Ao tempo que sucede esta desgraza familiar (e social, tamén, non?), a vila asiste a un feito insólito: a chamada Pedra do Equilibrio, un gran bolo que se apoia nunha moito máis pequena, nunha especie de  inestabilidade que se mantén dende que hai memoria cae aínda que sin sufrir dano. O xornalismo buscando a noticia caia quen caia, a garda civil con algún punto que pode ser aproveitado polos medios de comunicación de non haber un entendemento, as mentes populares xogando co mito e os políticos aproveitando esa inxenuidade para crear máis vínculos de engano... de fondo os ensaios nucleares en Mururoa que non se aproveitan máis que para darlle nome e citalos de pasada. O autor, un xornalista, céntrase máis no papel da prensa que ten moi sabido e quizás non optimiza outros subtemas que poderían dar xogo. Certamente, no oculta o dos afectos que é algo que debe ser reflexionado.

Mururoa, un atolón na Polinesia francesa, un lugar de triste lembranza para a ecoloxía e que lembra o que as organización empresariais e os países poden facer para desaparecer aquilo que os molesta.

venres, 16 de agosto de 2024

Zahorí en galego

A editorial Zahorí comeza a publicar en galego. Agora tócanos a nós demostrar que teñen que seguir facéndoo mercándooos na nosa lingua e non en español onde xa os tiñamos dispoñibles tempo atrás. Zahorí é unha editorial independente centrada en ofrecer ao público infantil libros de coñecemento de calidade. En galego e en euskera fano en colaboración co CSIC tal como aparece nesta noticia .

Trátase da colección Mentes curiosas Curiosas mentes nas que aparecen os dous primeiros títulos nestas linguas: Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias e Bechos. A xungla na casa.

"A curiosidade é un tesouro. Un motor que nos leva a facernos preguntas, a cuestionar o establecido e a buscar respostas máis aló do evidente. Moitos dos maiores logros científicos foron impulsados pola curiosidade de quen se preguntou "por que?" e "como?". Esta colección ten o propósito de transmitir coñecemento, de entreter e, sobre todo, de inspirar ás mentes curiosas." Así se presenta a colección. 

Botamos de menos que no primeiro deles non se teña en conta esa riqueza que supón salar de arrecender e cheirar cando se fala de olores en galego, nótase que a persoa que traduce non conta con ese valor engadido, pero os libros (ambos) son marabillosos. Moi bos produtos informativos dirixidos á infancia onde a documentación se complementa cun deseño actual e de calidade, onde tamén os adultos aprendemos dende o momentio que collemos o libro, dende as capas que nos poñen c¡encontacto coa cultura ata a dedicatoria e cada unha das páxinas.

As obras son de Berta Páramo con revisión científica, no caso de Cheirar por parte de Laura López-Mascaraque e no de Bechos de Óscar Soriano Hernando, investigadores do CSIC especializados en Rede Olfativa / Academia do Perfume e en moscas e artrópodos.

xoves, 15 de agosto de 2024

Animais fantásticos de José Jorge e André Letría

Animais fantásticos de José Jorge e André Letría, traducido por Xosé Ballesteros, está publicado por Kalandraka na colección MareMar.

Da presentación editorial: "Un percorrido polas iconas da mitoloxía e das crenzas populares, dende o Centauro ao Lobishome, pasando polo Unicornio ou a Esfinxe, entre outros. Soños e medos que perduran a través dos séculos."

A mitoloxía que vai dende a Ave Fénix (renacendo das cinzas e o esquecemento dos séculos) ao Unicornio (con ese corno máxico que ten o po chamado Bezoar cura os males) pasando polo Basilisco (mestura de galo e serpe de mirada perigosa), o Bucéfalo (o cabalo máis famoso da antiguidade que só puido ser montado por Alejandro Magno), o Cérbero (o can de tres cabezas que vixía as portas do inferno), o Centauro (metade home e metade cabalo), o Cíclope (un dos tres fillos de Urano, cun só ollo na frente), o Dragón (paxaro e serpe botando lume pola boca e adorado polos chineses), a Esfinxe (mestura de leoa e faraoa faille preguntas aos camiñantes que percorren o deserto), o Fauno (ou sátiro, home e castrón perseguidor de mozas), o Grifón (cabeza de aguia e corpo de león con ás), a Hidra (con nove cabezas coa que loita Hércules), o Lobishome (home e lobo segundo a lúa), o Minotauro (o touro xigante que vive no labirinto e só é vencido por Teseo coa axuda de Ariadna), o Ogro (que come meniños nos contos), o Pegaso (cabalo con ás que percorre o ceo), a Salamántiga (o espírito do fogo habitando pesadelos), a Serpe Mariña (a gran señora dos mares) e a Serea (metade muller metade peixe atrae aos navegantes con cantos. 

Pintura con restos de textura e colaxe cun papel tan vello coma as súas historias representan a parte visual destes animais.