Amosando publicacións coa etiqueta editorial Galaxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta editorial Galaxia. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de xaneiro de 2026

Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025

O Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025 é o resultado dun acordo entre a Fundación Neira Vilas que o convocaba anteriormente (cun destinatario non tan definido) e a editorial Galaxia. A obra ganadora desta primeira convocatoria é Odio de Gabriel Romero de Ávila 

Preséntase así: "Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente. Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente. Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia."

Unha estraña obra, non por distópica, igual por como comeza co uso dun léxico con cantidade de palabras estranxeiras introducidas de forma "natural" que, conforme avanza a obra, semellan desaparecer, como se responderan á busca de distanciamento co lectorado. Unha sociedade futura ou doutra dimensión na que humanos, seres resultado de híbridos con animais e absolutamente artificiais comparten unha Galicia que recoñecemos con cidades como Vigo e Auria ou lugares coma o Museo do Pobo Galego. Droides que confundimos con humanos, cunha gran habelencia para a supervivencia e a recreación de si mesmos.   

O autor descríbese como creador de novelas de aventuras e diso vai a obra, dun droide que volve a Vigo (agora Neo Vigo) para investigar un crime, pero debe enfrontarse a un activista do odio en forma de influencer que estende violencia baixo o nome de Meco. Esa mestura de personaxes que nacen do entroido galego, para aproveitando as redes e ese tempo de disfraces, provocar a loita e a persecución da protagonista. Un personaxe que volve ao lugar do crime porque foi ela quen apretou o botón da bomba que destruiu a cidade, a colaboración da irmá adoptiva (un ente sen presenza física) que lle axuda introducíndose no ordenador central e achegándolle toda a información que precisa... pero máis alá de cuestións persoais, os exércitos privados nos que se vai privatizando (redundancia precisa) a seguridade, o poder dos "influenciadores" a través das redes  e da súa omnipresenza, os supremacistas que ccontinúan existindo, agora en relación a outras criaturas. Pelexas a morte disfrazadas de competicións deportivas, a maldade de matar por distración, a mentira como moeda de cambio 

Replicantes que se realizan cirurxías xenéticas para ter, por exemplo, a cabeza dalgún animal, seguros de reencarnación para poder volver á vida, axentes de pacificación, programas de adopción de droides. De todo hai... pero tamén é certo que todo continúa igual "xente anónima que morre porque outros o deciden así e sobrevivintes que escalan por encima", a web profunda con matanzas programadas a modo de campionatos. Esa mestura de referencias (as luces de Vigo, Jules Verne e Nemo, o tesouro de Rande, as irmás Touza, o nubeiro, o gólem...), de cousas dun futuro afastado xunto cun presente absoluto lembran a ciencia ficción nun escenario de billas de auga coma as do meu fregadeiro.  

A protagonista, unha droide militar, inspectora da División de Seguridade da Fundación Omnia, da que esquecemos sexo ao longo da novela, é a voz narradora. A música que escoita son os versos de García Lorca escritos en galego ou a música de Andrés Dobarro nos salóns. Pandora, a primeira muller autómata é a antecedente desta droide. Porque a presenza da mitoloxía vaille dando sentido á ciencia ficción.

Atopamos situacións que rachan ante o dilema irresoluble de Hofstadter-Moebius e tamén afirmacións que nbos asustan: unha mentalidade pura e virxe é o caldo de cultivo para o odio, a radicalización e o desprezo. ç

Por veces, a maneira de ganar é deixar de xogar, abandonando para demostrar a contradición, porque todo enfrontamento xa ocorreu antes, porque o sangue non se lava con sangue senón con perdón, porque hai que rachar o círculo do odio. As masas matan o Meco e a protagonista, como todo policía pensa nos papeis que terá que cubrir...   

Un anexo coa cronoloxía das Terras de Ponente achega información dende os comezos mitolóxicos ata as guerras das máquinas transcurridas dez anos antes cando Pandora, Talos e o gólem de Ribadavia son feitos prisioneiros e ela consegue activar o lanzamento dunha bolba sobre o estadio de Balaídos destruíndo a cidade enteira. Unha presuela en forma de pequenas notas que percorren o tempo. 

mércores, 21 de agosto de 2024

"Fóra de xogo" non é só unha colección

 

"Fóra de xogo" non é só o nome da colección de literatura xuvenil de Xerais. Aparece agora como o título dunha obra de José Luis Baños de Cos que ganou o VI premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e está publicado pola editorial Galaxia con ilustracións de Agustina Shuan.

Así se presenta: "En Kabul, Zainab, unha nena de dez anos, ten un gran segredo: xoga ao fútbol ás agachadas nun recanto do patio despois das clases. Alí coñece a Sahraa, coa que compartirá a súa gran paixón e á que lle ensinará as regras do xogo. Pero teñen que ter moito coidado, as aguias e os señores corvos poden descubrilas. Fóra de xogo narra a historia dunha amizade, reivindica o dereito das nenas a través do deporte e os soños compartidos nunha situación discriminatoria e de desesperanza."

Dúas nenas que se coñecen nun campo a onde escapan para xogar fútbol sen que ninguén as vexa. A máis vellas ensínalle á outra, no xogo vaise mesturando a realidade, unha alegoría entre o xogo das pombas e a aguia, o temor ante os corvos e as aguias que pelexan entre si pero ambos as someten a elas. A pequena admira a Messi, a grande a Shamila Koestani a capitá do primeiro equipo nacional feminino de fútbol de Afganistán, aínda que ao final, Sahraa só quere ser ela mesma, a amiga de Zainab, porque por riba das gerras e as situacións de perigo, por riba das prohibicións están os afectos. Por iso, aínda que xa non pode vela nin saber dela, está contenta de que conseguise escapar e poda ser libre, aínda que ela xa non poderá volver xogar ao fútbol nun campo que está cheo de buratos das bombas.  Uns diálogos intelixentes e sensibles entre as dúas, nas que a relación entre as normas do xogo, a situación, os soños e os pensamentos da pequena abren a obra á reflexión ante a opresión da muller, a guerra, as prohibicións e a dor a que se somete a parte máis débil da sociedade nos lugares máis duros do mundo. Ese sector sempre perdedor que, a pesar de todo, busca a ocasión de sorrir e divertirse, confórmase con alegrías momentáneas e alimenta a resiliencia.

Unhas ilustracións tan simbólicas como o texto, que teñen en conta as cores e as figuras afgás das dúas rapazas protagonistas. Esquemáticas, con cores quentes, elementos xeométricos, repeticións e case simetrías.  

Non sei se é porque coñezo ao autor pola súa obra dramática e me deixo influenciar, ou simplemente porque hai unha obra teatral detrás desta noveliña.

venres, 3 de novembro de 2023

Primeiras lecturas (I)

Laura e a randeeira espacial de Rocío Ovalle con ilustracións de Nuria Díaz publicado en Galaxia

Laura é un pouco vaga, de feito comeza a historia cando ela lle pide á nai que a empuxe na randeeira, pero a nai dille que ela sabe como empuxarse a si mesma, faino e consegue voar chegando á lúa e de aí sibida a unha estrela fugaz cruza a Vía Láctea chegando aos aneis de Saturno, sobe a un asteroide e alí métese por un crácter e a través dese burato atopa un pasadizo secreto que a leva á arbore da súa horta; un pasadizo poloque seguramente viaxaron todos os seus antepasados. Unha historia interesante que leva con ela os valores de autonomía, autoestima e viaxes polo universo, algo relacionado co lixo interestelar e a valentía. As ilustracións dialogan marabillosamente ben co texto.

Marceliña na cociña de Gracia Iglesias e Sara Sánchez, traducido por Vanessa López,  está publicado por Miau.

Da presentación editorial: "A jirafa Marceliña, que non sabe de cociña, quere facer unha gran cea que lle guste á súa sobriña. Xa podedes imaxinarvos a lea que se vai a armar! Os seus amigos aconséllanlle mil cosas disparatadas e a cea convértese nunha festa aloucada. Ai, querida Marceliña! Que desastre de cociña! Como o vas a arranxar? E que imos cear?!" Ela quere coidar da sobriña, como on sabe cociñar, cada animal que chega dáun consello e un ingrediente que se vai sumando á pota cunha onomatopea: glu, chop, puah, psss, plas... ata que se desborda o guiso noxento, daquela a sobriña vai buscar unha ensalada que con froita, pan e queixo a todo o mundo gustou. Un álbum ilustrado. Unha historia rimada.

domingo, 15 de outubro de 2023

Novela xuvenil de Félix Caballero e conto rimado de Ramón Romero

O tesouro do casqueiriño de Félix Caballero está ilustrado por Evaristo Pereira e publicado na colección Árbore de Galaxia. 

Da presentación editorial: "A procura dun tesouro agochado polos mouros na praia ribeirense do Baluarte, levará a un feixe de rapaces a descubriren a historia e a paisaxe da zona e, sobre todo, o valor da amizade. Guiados por O Ciprianillo, un vello libro que se tiña por máxico, explorarán algúns dos lugares máis misteriosos da contorna."

Unha familia monoparental de profesora e fillo adoptado, unhas vacacións en Palmeira, o grupiño de amigos e O Ciprianillo que se pon a man para facelos ricos. O libro dos tesouros fala dun tesouro que está agachado perto, só hai que conseguir as catro chaves que o poden abrir, unha está na congostra da Carballa, outra na Pedra das Cabras, outra na Pedra da Ra e a última no castro da Cidade. Unha busca fatigosa que os distrae e un tesouro que, terán que interpretar porque non só é rico quen ten moitos cartos.

Unha novela infantil coa que viaxar pola zona do Barbanza, o territorio dos mouros e a prehistoria, as lendas e mitos dunha comarca.

O seu autor é un xornalista experto en humor que te realizado a súa tese sobre Xaquín Marín. 


A abelliña que perdeu as ás é un conto rimado de Ramón Romero Nogueira está ilustrado por Uxía Pin e publicado na colección Merlín de Xerais.

Que disgustazo ten a abella!!! Perdeu as ás. Anda na súa busca por toda a casa, polo bosque... pregunta a quen atopa: unha vermiña que lle manda que pregunte á ra, esta diríxea ao can e este ao gato, este mándaa xunta o xabarín e este á loba, ata que a araña lle di que lle pregunte á nai "Miña naiciña querida, / non sabes que me pasou! / Teño as miñas ás perdidas / e ninguén as atopou." A nai ben sabía onde estaban...

O autor iniciou o proxecto de audiolibros en liña Léocho. Audiolibros en galego.