domingo, 21 de outubro de 2018

Os Xerais no Museo do Mar

Onte, 20 de outubro entregábanse os premios Xerais
Non se facía na illa de San Simón, (ese  iceberg vexetal como a definiu Fran Alonso) pero seguiamos á beira do mar, mar de Vigo, de Mendiño.
Cambiou a cerimonia, tivo o seu papel o vídeo e as entrevistas ás lectoras, tamén as entrevistas en directo aos ganadores, e cada unha das persoas convidadas levabamos os libros nas mans. Xa houbera tempo para editalos e entregárnolos. Ese era un dos cambios, a entrega dos premios acompañábase da presentación dos libros mentres a tarde caía e arredor das Cíes o ceo cambiaba de cor.
Tres premios para ler devagar:
O Merlín: Kusuma de Héctor Cajaraville.
O Jules Verne: Aplicación instantánea de Carlos Negro.
O Xerais: Besta do meu sangue de Emma Pedreira.
Tres premiados seguros, con carreiras asentadas e recollendo o froito do seu traballo. Cajaraville xa quedara finalista do Merlín con Quen dá a quenda no ano que ganara o Xerais con De remate.
Carlos Negro acaba de recibir o premio dos Clubs de lectura polas obras en verso para adolescentes, era a primeira vez que se producía, o premio a un poeta, igual que sucede agora co Jules Verne. El vai inaugurando camiños para a poesía.
Emma Pedreira acaba de ganar o premio da Crítica española en galego por un libro de narrativa e premio Fiz Vergara Vilariño do mesmo ano por As voces ágrafas. Este é tamén o seu momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario