María Reimóndez, neste ano 2018, publica tamén O xeito das froitas, con ilustracións de Alicia Varela, na colección Oqueleo do selo Santillana Obradoiro.
Toca, neste caso, unha tecla que non lle temos escoitado, o mundo visto polos ollos dunha nena que confunde unhas cousas con outras, que non se aclara demasiado co espazo dos adultos e vai producindo no lector ou lectora unha certa comicidade. Ese humor non estivera antes aí.
O que si estaba era a autonomía da nena, esa capacidade para ser ela mesma importe ou non aos demais, de vivir en paralelo á realidade dos outros sen importarlle demasiado cal sexa a impresión que produce. O contexto: complicado; unha familia na que antes o pai e logo a nai van perder o emprego; un irmá adolescente moi preocupado polo corpo e a roupa que ás veces crea os seus problemas... pero todo se vai resolvendo coa axuda da avoa e a casa da aldea. Vivir nesa casa supón poder traballar na xastraría do avó, alí seu pai enténdese ás mil marabillas e o irmá coñecerá a felicidade de facer a propia roupa lonxe de prexuízos. A nai imparte clases de inglés para a rapazada da aldea: uns poderán pagarlle e outros non, porque os tempos so os que son, pero a familia é comprensiva e solidaria, así que a todo se lle busca solución. Porque o afecto todo o pode, case podemos escoitar, porque nas crises podemos agarrarnos a algo... só é cousa de non poñer trabas. Mentres sucede todo isto, Iris, que non crea problema coa comida ou a roupa, atopa cun boneco que non é máis nin menos que unha mazá feita con retallos, e comeza a soñar con diferentes froitas.
É de destacar a presenza do galego na boca desa rapaza que é teimuda e actúa na súa defensa.
É de destacar a presenza do galego na boca desa rapaza que é teimuda e actúa na súa defensa.
Na presentación editorial podemos ler: "Un libro rebelde, que fala doutros xeitos de vivir desde o humor, a fantasía e a esperanza" e confirmámolo, un libro optimista para tempos que non o son!
Ningún comentario:
Publicar un comentario