O soño da serpe de Antonio Seijas (un ilustrador que conseguiu o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao
da Deputación da Coruña).
A historia que se conta é a dunha moza de Redes, cunha estraña situación familiar (despois de perder a súa xemelga e a nai nun accidente e estar soa co pai que atravesa por unha etapa autodestrutiva). Na vida real está volvendo a Santiago para comezar o curso académico, pero nese mundo entra outra realidade con xente que é máis que xente e vén doutras realidades. Os pactos co demo, os mortos que acompañan nos soños; as serpes, os cans, as lobas e os osos que van máis alá da especie; linguas que xa non se falan; os xamáns, os nubeiros e as meigas; mulleres con pelo de lume e ollos de ceo...
O encontro coa imaxe da irmá no espello. A lenda dos Mariño, nunha nova versión. A medida desigual do tempo. E, esa mirada atrás, aos tempos anteriores ao cristianismo e a tumba do apóstolo, cando a transcendencia estaba nos lugares que permanecerán. A novela ten unha magníficas descricións, especialmente de Compostela (...esa gran peza de granito feita cidade, co son atávico da gaita e esa corrente de sangue viva que é a xente na zona vella, no ritual repetido e sempre novo de peregrinos, turistas e estudantes na contorna do gran templo) e varias historias que se atravesan como calzadas para formar un plano, algunha delas da que quedamos moi prendidas e que fala de portas que deberían ser cruzadas para seguir lendo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario