Brunilda e Brunildo de Ánxela Gracián, ilustrado por Jessica Mera está publicado por Edicións Fervenza.
Preséntase así: "Álbum ilustrado a toda cor e en tapa dura, no que os lectores descubrirán a importancia da adaptación, respecto e tolerancia."
Unha ra que ha de viaxar con súa nai a outra lagoa porque aquela na que vivían secou pola sede do sol. Bota de menos o bosque, a escola, os seus compañeiros e comoañeiras e, sobre todo a Bru, o seu mellor amigo. Como unha ladaíña sentimos a súa queixa detrás dunha expresión triste, unha e outra vez. O proceso de adaptación é difícil. Por moito que aanima a nai a buscar novas amizades na escola ou nos arredores da lagoa, nada lle resulta apetecible. Ela busca alguén que queira acomapañala a escoitar o canto dos paxaros, como facía Bru. Vai á fervenza e fala coas ras pero non consegue convencelas. Máis alá do muro alto que pecha a lagoa un día escoita un ruído, pregunta quen é e a resposta é Brunildo, falan e caen na conta de que coinciden en moitas cousas: case se chaman igual, en que lles gusta saltar, cales son os momentos do día preferidos, o que botan en falta... tamén se acaba de mudar. Son almas xemelgas e deciden coñecerse, como se recoñecerán cando se atopan no mesmo lado do muro? os dous son verdes e teñen as patas moi longos, candose atopan levan unha sorpresa, descobren que non son iguais pero poden seguir compartindo os seus gustos: o paseo e a escoita do canto dos paxaros.
O libro está dedicado aos seus fillos que tamén deixaron atrás un lugar para vir vivir a outro coa carga da saudade e a necesidade de adaptación. Un libro auténtico, sentido e que pode servir de desculpa para tratar estes procesos de cambio, porque a rapazada múdase por razóns poderosas, non porque queiran facelo e han de atopar as redes de afecto que as unan aos novos lugares e amizades, á nova familia e á escola. O que atopan nunca é o mesmo, pero tamén é válido e co tempo descubrirán que foi a mellor opción que había nese momento. A rabia ante o afastamento, o que senten como inxustiza pola perda do que era familiar, transformarase no pracer de atopar almas xemelgas vaian onde vaian, porque os seres vivos temos moito en común e, sobre todo, a capacidade de adaptarnos a novas situacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario