A última novela de Paula Carballeira aparece en oqueleo. Arquivo de voces en casas abandonadas.
Preséntase así: "Cando Navia desaparece, a irmá pequena, Xere, descobre unhas gravacións que demostran o contacto que a maior mantivo co «Outro Mundo». A través deses arquivos, a nena afondará nos sucesos que rodean a inquietante Casa do Alto."
A irmá pequena (Exeria ou Xere) conta e a maior (Navia) grava. Ela escoita voces, ve pantasmas, vive un pouco aquí e outro pouco alá, viste daquela maneira (de negro e roupa moi ancha), anda triste... A pequena observa e cando desaparece vaina buscar porque ela sabe algo. Como se pode vivir vendo o que ninguén ve, esocitando o que ninguén escoita...? Como se pode resistir tanta dor cando a única alternativa semella ser a psicoloxía e a farmacia? Coñecemos casos de desaparecidos, de carteis con fotos de persoas ás que se busca, sabemos que non todas aparecen, sabemos que non somos quen de comprender todo o que existe e o misterio visítanos,
Neste caso, Paula, atopa o ton para introducirnos nunha historia na que os espazos en branco, as elipses e o silencio crean o espazo do misterio, do que non está na nosa capacidade entender e a dúbida de se hai máis mundos que os que habitamos e como funcionan. Unha de pantasmas para ler coa mesma sensación de cando asistes a unha película de medo. "Encher os ocos da historia", di Navia "porque é incrible a nosa capacidade para fabular, para crear ficcións que se volven máis reais canto máis se contan" e porque esas historias poden beber da tradición coma a do Porviso do que fala Sonia que se nos pousa no peito e nos rouba os soños ou as lendas urbanas acerca dos aparecidos que se negan a marchan mentres non se descobre o que hai detrás da súa morte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario