Alén e o dragón de Olaia Sendón resultou ganadora do II Certame Jaime Olmedo Limeses.
Da presentación editorial: "Alén nunca imaxinou que a súa vida en Sardiruña agochase nada extraordinario. Pero todo cambia cando un dragón comeza a aparecer nos seus soños e esperta preguntas ás que nin a súa nai, Emma, nin o seu irmán Xoel parecen poder responder. Só Mamamucha, unha enigmática anciá, semella saber máis do que conta. Porque, ás veces, os segredos dunha familia non desaparecen. Simplemente agardan o momento axeitado para regresar."
Dous irmáns, un pai músico que anda en concerto en concerto (e polo tanto desaparecido), unha nai que exerce de traballadora social e aguanta como pode dos adolescentes e a súa fame infinita. Un traballo escolar sobre a familia levará ao pequeno a investigar no faiado, no álbum de fotos e na aldea na que viviu a nai algúns anos.
A historia, contada en terceira persoa, xira ao redor do menor dos irmáns que comeza a sentir rarezas como visións ou capacidades que se desenvolven a moita velocidade. Unha amiga (a rapaza lista e aventureira que está aparecendo ao lado de moitos protagonistas rapaces neste tempo) que o acompaña máis alá de onde el quere ir e acaba amaestrando galiñas. Alén semella ir para superheroe e nese camiño ten a Emma disposta a non perder a oportunidade de asistir á transformación. A bisavoa (de máis de cen anos e disposta a todo) vaino entrenar pero o que el quere é entender que é o que lle pasa.
As preguntas andan polo aire: que teñen de especial os da familia Migallas?, que lle pasa á bisavoa para conservarse así de ben?, por que a nai non quere saber nada da Mamamucha?, de onde saca esta tantos cartos?, como poden transformarse outros animais en dragóns?, por que hai dúas clases de dragóns?, cal é a diferenza entre uns e outros?, que ten en común a nai coa amiga á que chaman tía?, por que non se nos conta case nada dos avós dos rapaces?, por que chove tanto no lugar onde viven?...
As ilustracións de Víctor Rivas móstrannos uns personaxes, tan ben caracterizados, que nos parece velos pola rúa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario