Amosando publicacións coa etiqueta Autismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Autismo. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de abril de 2024

Libro ganador do Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión.

Palabras de pedra é o libro ganador do "Premio Asubío. Infancia e Mocidade pola inclusión". 

O premio de novela Fundación María José Jove (FMJJ) Infancia e Mocidade pola Inclusión é unha iniciativa de carácter bienal da FMJJ e de Hércules de Edicións que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que ten como obxectivos promover o fomento e a creación de obras literarias que aborden o tema da infancia e da mocidade en risco de exclusión social e que favorezan o coñecemento sobre este tema, nomeadamente entre a xente nova.

Así se presenta: "Palabras de pedra é a historia dunha decisión. O protagonista, un home con autismo de alto rendemento, decide realizar unha viaxe acompañado do seu fillo Guille —moito máis afectado—, o que suporá para el ter que tomar decisións en solitario, renunciando á seguridade de todos aqueles que sempre estiveran pendentes del (pais, irmáns, nai do neno e exmuller). A odisea que nos propón Palabras de pedra non é a viaxe en si, senón todas as vicisitudes que o personaxe principal debe sortear ata que chega o momento mesmo de atoparse fronte a ese mar (océano Atlántico) co seu fillo.

O relato está narrado en primeira persoa, o que obriga o lector a mirar tanto o contorno coma o resto de personaxes a través da pupila dun home con autismo, con todo o que iso supón: literalidade na linguaxe, problemas de socialización ou nivel baixo de empatía. Ao mesmo tempo, invítao a entender que o mundo pode ser visto e vivido doutras maneiras igualmente enriquecedoras.

Palabras de pedra pretende visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e das súas familias, nun mundo que non está deseñado para elas e ao cal deben adaptarse, ás veces dende a soidade máis absoluta e a pesar da incomprensión e mesmo do rexeitamento.

Trátase dunha novela acerca do autocoñecemento, da asunción das propias limitacións e de como é posible aceptar o risco que supón atreverse, a pesar delas, a soñar".

Unha boa novela, da que aprenderemos todo tipo de lectorado. A tradución é de María Fe Gonzñadez Fernández e aparece publicada dentro da colección sen fronteiras. A ilustración da cuberta de Marcos Viso. O seu autor Ginés Cruz. Cruz xa publicou anteriormente Rosas negras.

xoves, 24 de agosto de 2023

NEE BARROS e o V premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

Eu descubrín a Nee Barros nos vídeos de literatura galega que colgaba en Neumatiko. Un luxo, alguén adolescente contaba aos pares a historia da literatura, coas súas palabras, tal como a entendía e a divulgaba, algo marabilloso que nos facía lembrar a aquela xente do Seminario de Estudos Galegos estudando e divulgando.

Logo comezou a falar de obras particulares, foi dunha cousa a outra como algo natural. E rematou (por agora) falando de xénero e escribindo. Acabo de ler Nom estamos quebrades, publicado por Cuarto de inverno despois de ter recibido o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cóntase en primeira persoa o tempo dunha estudante de filoloxía, autista, e a súa busca de quen é: heterosexul, homosexual, bisexual, asexual ou...? Nesas estamos, en descubrir quen é e o que sente, como se relaciona cos demais nunha obra que profunda nesas interioridades que tamén son política e sociedade. Tal como se di na nota de prensa "en linguaxe non binaria e galego reintegrado, representa a a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden nas relación sociais. Non faltan nela unha morea de referentes do panorama galego a nivel musical e literario". Carmen Fouces declara "Unha temática que sempre estivera aí pero invisibilizada. É preciso escoitar e aprender do que a xente moza ten que contar. Penso que a obra vai ser referencial para o universo xuvenil e un espello para moita xente. ” Nee afirma: "Procuro representar realidades que vivo ou presencio a diario e que non están representadas, falo de modelos de relación que non coñecemos tanto, persoas racializadas, autistas, busco normalizar o uso do pronome elu e do xénero neutro, o galego reintegrado, etc.”

Un libro valente, sen dúbida!