Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade funcional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade funcional. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de marzo de 2024

Para a inclusión

 

Entre os materiais que van aparecendo para facilitar a inclusiónde todas das diversidades funcionais, sempre botamos de menos a presenza de máis audiolibros. Pois ben, esta vez demos con algún... Trátase de varios contos que nos son narrados por Pepe Sendón e que pertencen ao arquivo da SELIC (a Semana do Libro de Compostela).

Aquí van, para goce de todas e todos, porque como ben di Tonucci, cando traballamos a favor da rapazada, dos anciáns, dos que teñen algunha diversidade funcional, tamén o facemos para o público, porque están ao noso alcance, ao de tod@s!

Dentro do festival da lectura, o programa Liñas paralelas, que se presenta así:

"Por iniciativa da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, e en colaboración coa Radio Galega, presentamos aquí a versión audio dalgúns dos relatos contidos na colección Liñas Paralelas, editados pola SELIC, na interpretación de Pepe Sendón e coa ambientación sonora de Marcos Teira, á guitarra, Nenoescuro (Rafa Xaneiro), á electrónica e Suso Alonso, ao piano. Gravación de voz, mestura, edición e masterización final realizadas por Antonio Vázquez.

Relatos: O vello terrible, de H. P. Lovecraf;  Un calendario vivo, de Anton Chejov; O mariñeiro de Amsterdam de Guillaume Apollinaire; Calor de agosto, de W. F. Harvey; Unha noite de verán, de Ambrose Bierce; Cyril Tourneur, de Marcel Schwob; A historia dunha hora, de Kate Chopin; Un fratricidio, de Franz Kafka; Sredni Vashtar, de Saki; Lembranza, de Marcel Proust.

A escoitar... 

luns, 28 de agosto de 2023

Asperger e premio

Acaban de publicar o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2022, Teño un volcán dentro de María Canosa, ilustrado por Zaida Novoa.

O retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. O seguimento da súa vida e da relación coa familia e a escola, vista dende os ollos da irmá, uns anos máis vella. Vai contando, centrándose nos sentimentos, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións... que, a pesar de todo, de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo.

Así se presenta: 

"Miguel observa o mundo con ollos comúns, pero ten unha mirada diferente. A súa cabeza procesa as cores, os números e a música dun xeito especial. Quen o rodea é consciente do extraordinario do seu interior.
Miguel sente que baixo o peito algo estoupa.
Ten un volcán dentro."

Así comeza (ou case):"Miguel pasou, nese mesmo momento, a converterse no centro do meu universo. Nacera, o meu irmán, transformando a nosa vida para sempre. E eu souben, desde ese primeiro momento, que era un ser singular e inigualable. Non respondía só ao feito de que fose o meu irmán, nin de que se tratase dun ser indefenso, nin de que producira en min sensacións ata o momento descoñecidas. Como predicía a claridade do cuarto, Miguel era un ser dotado de brillo. Un ser de luz. Un faro. Por iso me atrapou desde o inicio.