Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diversidade. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de maio de 2024

Novela xuvenil: Setestrelo

Setestrelo de Manuel Esteban está publicada en Fóra de Xogo de Xerais.

Así se presenta: "Xano está a piques de facer doce anos e sente que non encaixa en ningures. Que o seu reloxo interior xira en sentido oposto ao do resto da xente. Que non sabe como abrir a porta que conduce ao mundo dos adultos. A súa avoa Asteria deixoulle, antes de morrer, un misterioso agasallo de aniversario que o levará ata o centro mesmo da Vía Láctea. Alí descubrirá que posúe un don. Que ser diferente o converte, precisamente, nun Abreportas. Setestrelo é un libro de transición entre o mundo irreverente da nenez e o territorio sufocado da adolescencia. Un libro sobre a procura da identidade e a dificultade que teñen os adultos para aceptar todo o que se afaste do normativo. Un libro para lembrar que, malia todo, sempre é posible escoller quen somos."

Fantasía mesturada con informática. Mundos que nun momento determinado entran en contacto. Tres rapaces diferentes, tres seres acosados na escola, tres persoas dispostas a dar a batalla por salvar mundos. A casa da avoa. A nai e a irmá, unha adolescente gótica que só a ven para berrarlle; un pai desaparecido (xa empezan a verse demasiados, como se a república bananera o fose cada vez máis). A relación interxeracional de avós e netos achegando aquilo que se precisa. Un mundo de estraños seres ou estrelas (ou o que sexa) que pode lembrar algo as películas galácticas con esas tabernas nas que o difícil é atopar a alguén semellante a ti, pero aquí esaxerado a grao sumo. 

Unha lección: só nos poderán salvar os inocentes, os demais están noutra cousa... 

luns, 28 de agosto de 2023

Asperger e premio

Acaban de publicar o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2022, Teño un volcán dentro de María Canosa, ilustrado por Zaida Novoa.

O retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. O seguimento da súa vida e da relación coa familia e a escola, vista dende os ollos da irmá, uns anos máis vella. Vai contando, centrándose nos sentimentos, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións... que, a pesar de todo, de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo.

Así se presenta: 

"Miguel observa o mundo con ollos comúns, pero ten unha mirada diferente. A súa cabeza procesa as cores, os números e a música dun xeito especial. Quen o rodea é consciente do extraordinario do seu interior.
Miguel sente que baixo o peito algo estoupa.
Ten un volcán dentro."

Así comeza (ou case):"Miguel pasou, nese mesmo momento, a converterse no centro do meu universo. Nacera, o meu irmán, transformando a nosa vida para sempre. E eu souben, desde ese primeiro momento, que era un ser singular e inigualable. Non respondía só ao feito de que fose o meu irmán, nin de que se tratase dun ser indefenso, nin de que producira en min sensacións ata o momento descoñecidas. Como predicía a claridade do cuarto, Miguel era un ser dotado de brillo. Un ser de luz. Un faro. Por iso me atrapou desde o inicio.  

 

 

martes, 14 de marzo de 2023

Libros que acadan premio en castelán

Alma de elefante foi premio Anaya. Unha novela de Andrea Maceiras, ilustrada por Jordi Solano e publicada por Sopa de Libros en Xerais.

Da presentación editorial: "Suy e Lawen son dous irmáns xemelgos que viven na aldea de Sat Naapa, un remoto lugar do sureste asiático. As súas tranquilas vidas cambian o día no que a velliña Champey le as súas almas e lle di a Suy que el ten alma de bolboreta, mentres que a súa irmá Lawen posúe o espírito do elefante. A Suy parécelle imposible porque el é máis forte e sempre coidou da súa xemelga. Lawen é distinta das outras nenas: cústalle expresar os seus sentimentos e ponse nerviosa coas situacións descoñecidas. Así que Suy conta unha pequena mentira. Di que el é o elefante. O que non pode sospeitar Suy é que axiña se van cruzar con Tep, un elefante real que necesita desesperadamente a súa axuda e por quen emprenderán unha incrible aventura. E é que ás veces as cousas non son o que parecen.Ás veces os tesouros teñen catro patas. E só as bolboretas voan o suficientemente alto para atopalos."

Eu, recollería un fragmento "O feito de que Sat Naapa sexa un lugar tan bonito tamén ten as súas desvantaxes. Ás veces tallan zonas de bosque moi extensas. Outras, traen planos para levantar edificios e fábrias nos arredores, malia que aínda non construíron ningún. No pasado foi peor. Papá di que, hai anos, a xente de Sat Naapa vivía con moito medo de que viñesen para destruír todoou levar persoas. Por iso, durante a guerra, algunhas familias soterraron as súas posesións máis valiosas na selva. E sábese que non as recuperaron todas." Han quedar tesouros agachados que poden amañar a vida dunha familia." A responsabilidade dese neno que quere ser elefante e non bolboreta para coidar da súa irmá (esa que ten un corazón e unha cabeza que lle funcionan de forma diferente), as aventuras que corren os dous para salvar a un elefante ao que maltrataban convertíndoo en diversión para turistas (porque o turismo trae esas consecuencias), o encontro con xentes de todo tipo (a familia de estranxeiros que lles axuda ou a muller que os denuncia), os mahouts ou gardiáns de elefantes, a selva sempre a selva, Ru o lugar da utopía onde cada un pode sero que queira... 

 

"

martes, 15 de marzo de 2022

Novela xuvenil: Os metrosiderais

Os metrosiderais de Héctor Cajaraville, publicada en oqueleo.

Dise: "Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos". Continúa o resumo: "Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapazas e rapaces que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes veranse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade na que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí, configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigural deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos."

De novo, acudimos á rapazada con dificultades como sucedeu en O grupo de An Alfaya ou Plan de rescate de Antía Yáñez. Li é fillo dos chineses que teñen unha tenda, Kofu ten a imaxe dunha moza do manga ou otaku, Estela leva roupa grande que semela ocultar a súa figura, Tom comunícase con eles por medio dun caderno, a el sempre o acompaña un can; seguún din o grupo de acosadoras "Marimacho e os seus lacaios: Limonciño, a Gueixa e Mudiño"; a filla dun maltratador, a dun suicida, un rapaz que non fala sen que se sepa a razón, un inmigrante de segunda xeración... erros da natureza, di a acosadora, pero eles serán os que destapen o misterio. Unha caixa de música que resulta ser un astrolabio, un barco -o San Lesmes- que navegaba alá polo 1525, o Tratado de Tordesillas, Nova Zelandia, o capitán do barco, o metrosidero, os maorís, a Irmandade Filantrópica, María Pita, Teresa Herrera, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega Concepción Arenal, María Barbeito, Isabel Zendal, Francisca Herrera... Todos teñen o seu lugar nesta historia na que a fantasía se mestura coa realidade.