Amosando publicacións coa etiqueta Galaxia.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galaxia.. Amosar todas as publicacións

mércores, 26 de xuño de 2024

Álbum ilustrado e libro arredor de Ben Cho Shey

Quen espertou o Kraken? de Lucía Belarte e David Rodríguez Lorenzo publicado por Antela. Unhas magníficas ilustracións acompañadas duns pequenos textos: catro versos con rima asonante nos pares. As imaxes reproducen o mar co monstro e os personaxes que lle poden ser propios: navegantes, xente do litoral, viaxeiros/as, piratas, mariñeiros/as, pescadores/as, ... os personaxes mitolóxicos correspondentes (Neptuno, sereas, Leviatán), barcos de pesa ou de pasaxe, galeóns, o mundo subterráneo e os portos están presentes nas ilustracións que teen moi en conta a muller.

Aparece deste xeito:

"O kraken está anoxado
porque non descansa ben.
Axúdasnos a aclarar
quen o espertou esta vez?
O Kraken está alporizado, cal pode ser a razón? Un Neptuno despistado, unhas sereas desafinadas... Os cativos gozarán dunha historia divertida escrita en verso, mergullando a súa imaxinación ata descubrir o misterio." 

Os segredos do bosque de Ben Cho Shey está escrito por Francisco López Barxas, ilustrado por Acisclo Manzano e publicado por Galaxia.

Preséntase así: "Que segredos oculta o bosque de Ben-Cho-Shey nun día de néboa? Por que ten ese nome tan raro? A quen lle gusta xogar á billarda? En que falan os afiadores de navallas, tesoiras e coitelos? De que lugar saíron para percorrer o mundo detrás dunha roda? Que trasgos se agochan debaixo dun maio feito con musgo, flores e carrabouxos para non ser descubertos?
O bosque de Ben-Cho-Shey esconde segredos que ninguén coñece. Pero, cales son? Os segredos non se contan; descóbrense nestas páxinas, seguindo os pasos de Loaira e Lislé, dous dos protagonistas desta historia."

Ourensanía. O artista Acisclo Manzano. Unha historia de escola, cando a profesora dialoga co alumnado sobre o que foi profesor e inspector Ben Cho Shey (ao que case ninguén lembra co verdadeiro nome Xosé Ramón Fernández Oxea) o seu catón,  Enrique Gómez Pato, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Benito Jerónimo Feijoo, Bernardo González del Valle, Cachamuíña... Un bosque, os maior e as lembranzas.

venres, 19 de abril de 2024

Dende o punto de vista dunha árbore

O outeiro do amieiro de Anjel Lertxundi, traducido por María Ramos Salgado e publicado en Costa Oeste de Galaxia.

Preséntase así: "O protagonista desta novela quere coñecer o mundo, viaxar dun lado cara a outro, gozar das paisaxes e cidades máis fermosas. E non é que sexa moi raro, moitos libros falan disto. Pero o protagonista desta novela non é unha persoa coma ti ou coma min. Non é nin sequera un rato ou un golfiño. Trátase dun amieiro, unha simple árbore. E unha árbore teno moi complicado para ir polo mundo adiante, aínda que sexa o carballo máis ergueito.
Mais a árbore desta novela sempre quixo deixar o lugar onde naceu. Sempre quixo moverse, camiñar dun lado ao outro, coñecer sitios novos.
E, daquela, a natureza ofreceulle unha apaixonante aventura. E aquí a tes, a narración do amieiro que quixo coñecer o mundo e o seu percorrido. Cada páxina é unha porta, e a chave para abrilas todas é a lectura."

É o que ten recibir visitas, apoiado no amieiro un rapaz le en voz alta novelas de aventuras (As aventuras de Tom Sawyer, A illa do tesouro...), unha muller aproveita a súa sombra para cantarlle ao bebé, un namorado grava un corazón con dúas iniciais, a xente fala de cidades afastadas... e a árbore ponse a soñar. Non lle chega co que ve dende a súa atalaia no outeiro. Quere máis. Na súa cabeza están os mares, os mundos das narracións, os afectos das anainas e aínda que non pode facer nada por moverse da terra na que están clavadas as súas raíces ponse feliz cando medran as augas e o levan con elas, daquelas  mostra toda a súa solidariedade salvando a quen pode (sexa animal ou surfista)... tamén el é axudado (as mulleres semellan ser as máis ecoloxistas) a vivir unha nova vida na que seguirá botando de menos navegar polo mar.   

O narrador en terceira persoa está atento aos sentimentos e emocións do amieiro. Cóntao todo para que nos fagamos idea de como o ve a árbore. As augas asolagan o val e as expectativas deseser vexetal as páxinas do libro.