Amosando publicacións coa etiqueta Héctor Cajaraville. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Héctor Cajaraville. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...

martes, 22 de agosto de 2023

Os libros das Letras

Aquí está Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro da man de Héctor Cajaraville. Este autor xa leva realizado as correspondentes aproximacións aos anteriores homenaxeados: Antonio Fraguas, Carvallo Calero e Delgado Gurriarán. Un verdadeiro experto nos ilustres.

Neste caso, faille fronte á figura de Fernández del Riego a través dunha biografía que vai salpicada de cartas que, en momentos determinados este lle escribe a diferentes persoas: Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas e o propio autor. A continuación realiza unha cronoloxía recollendo a relación da biografía con cada un dos anos vividos e algún feito histórico de relevancia. Continúa cun listado de obra publicada nos diferentes xéneros: ensaio, narrativa, edicións, antoloxías e traducións. Recolle tamén os recoñecementos que recibiu don Paco e, para finalizar, a bibliografía utilizada tanto en papel como dixital.

O legado silandeiro é un bo título, porque del Riego foi un home silencioso que non se fixo ver a pesar de traballar moito e ben. Ademais dos seus estudos sobre o país, a literatura galega, os diferentes escritores e artistas, as cidades e provincias... hai que ter en conta as edicións de obras e as escolmas que divulgaron a obra dos escritores e tamén a narrativa de creación. Pero, ademais de estudoso, del Riego foi un home "de relación" que puxo a escribir a moitos autores que sen o seu apoio non o farían, axudou á publicación das súas obras... polo tanto fixo posible unha literatura máis rica. Creou as bases para posibilitala por medio da creación da editorial Galaxia e os estudos a través da revista Grial. Puxo en pé e mantivo a Fundación Penzol nesa Casa da Cultura Galega en Vigo onde el mesmo deixou os seus arquivos, biblioteca e colección de arte. Un home da literatura e do xornalismo, un pensador e activista galego a favor da identidade, un home de acción que fixo pola RAG en catro anos o que outros non conseguiran, un activista que levou a cabo o seu proxecto dentro do exilio interior. Un home de ben!

venres, 12 de maio de 2023

Un libro de páxinas duras e pareados sobre froitas

Quizás porque nas escolas sirvan froita, quizás porque a alimentación san é imprescindible, tal vez porque os nosos escritores están mirando cara aos máis novos... aparece este título Moita froita de Héctor Cajaraville, con fotografías de 123RF, publicado por Edicións Xerais de Galicia

Estamos na escola e as protagonistas son as profesoras e as froitas porque comezamos con "A profe Lola / trouxo froita á escola", seguimos con A profe Violeta / baixouna da furgoneta" e seguimos así con cada unha delas, coas rapazas "Para Ana / unha banana", "Para Tareixa... dúas cereixas", "Para Ramón.../ un limón" para rematar "E na hora do recreo, / coa profe Antonia... / macedonia!"

Todo escrito con letras maiúsculas e en cada páxina a tradución do nome da froita ao portugués, castelán, inglés e francés. Quen dixo que non eramos plurilingües?

A comer froita e a ler imaxes e texto. A aprender pareados!!!