Amosando publicacións coa etiqueta Premio Meiga Moira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Meiga Moira. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...

domingo, 7 de abril de 2024

Un premio Meiga Moira para unha obra de teatro

No ano 2006 resultara finalista do II Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil Carlos Labraña  por Os sons da buguina.

Agora, no 2022, Ánxela Gracián recibe o X Premio Meiga Moira por Donas de nós, unha obra de teatro que publica Baía nesta colección, na que se ve acompañada pola finalista citada, Tres mulleres do seu tempo de Heidi Kühn - Bode e Valentino Rufini e Akil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) de Roberto Salgueiro.

Donas de nós. Traxicomedia en tres actos e un happy end para un conto de fadas é unha historia que reolle a tradición do ciclo de Bretaña (os personaxes de Morgana e Merlín), algúns do camiño de Santiago e o medievo (Mendiña, Criado, Camarlengo), un saído directamente dos contos de fadas (Príncipe azul) e outros que recollen a idiosincrasia dos países e os seus reinos (Reis do Norte e Reis Provenzais). Estes últimos son, para o meu gusto, un dos acertos da obra, esas diferenzas culturais e xeitos de actuar duns e outros que producen comicidade. O título avanza a historia, o valor das mulleres e a necesidade dun cambio que deixe atrás os estereotipos tradicionais, a pasividade, rachando co que se agarda delas, cos valores que semellaban eternos. Unha xograresa decide non ser princesa, non casar co príncipe azul que daquela debe facelo con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa medieval. Van ter que facelo entre eles agora que as clases populares aeron na conta de que non vale a pena andar nesas liadas... pena que non caian noutros acertos que poderían cambiar a vida social, máis alá da persoal.    

O xurado valorou na obra:
A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o mago Merlín, a fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de
todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista

Nós, valoramos, tamén e moito, a decisión da autora de adoptar o texto teatral, por primeira vez nas súas obras.