Amosando publicacións coa etiqueta LIXG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LIXG. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de decembro de 2023

Candidatura ao Premio Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) de FINA CASALDERREY, mestra, autora de literatura infantil e xuvenil, académica...

 


Con motivo da candidatura de Fina Casalderrey ao premio Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) lembramos que tamén está proposta ao Ándersen (considerado o Nobel da literatura infantoxuvenil) por parte da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil).

Enorgullécenos que a escritora de LIXG e membro numerario da Real Academia Galega (que tal como dixemos no seu momento, levou consigo a literatura infantil e a escola á casa grande da lingua) sexa recoñecida a nivel das catro seccións da OEPLI, porque iso significa que se nos ve nas librarías, bibliotecas e mans da rapazada española. Chegar aí, dende o galego é unha honra, porque sempre foi a lingua de escrita desta autora e demostra que se pode chegar ao máis alto dende o idioma propio dos galegos e galegas.

Queremos soñar con traer algún destes premios internacionais para Galicia, porque iso sería poñer esta esquina da vella Europa no centro dos mapas e a nosa lingua ocupando a palabra común.

Ogallá que o que soñamos se faga realidade para que as nosas crianzas vexan confirmado que o alimento de proximidade, que lles damos, é o mellor bocado. 

sábado, 11 de marzo de 2023

De inuits

 

Entre os LIG (libros infantís galegos) contamos con, polo menos, tres obras relacionadas cos inuit, os habitantes do Ártico. A serie de Nunavut de Xoán Abeleira (O nacemento de Nunavut, Un día de caza, O caribú namorado e Sedna, a deusa do mar), Akna. Os mariñeiros da terra de xeo publicado por Galaxia e o que agora se presenta.

A vida dos inuit, un libro informativo de Silvia Álvarez, publicado por Edicións do Cumio. Dividido en  apartados: O Ártico, A natureza, Así se alimentan, Caza e pesca, Traballos no fogar, Como se desprazan, As súas crenzas, A familia, Xogos tradicionais e música, A arte inuit, Algúns mitos ancestrais, Hoxe en día, Cambio climático e perigos e Exploradores do ártico. E un último capítulo: Sabías que?

Na capa do libro aparece a sua relación co ODS 15 Vida dos ecosistemas terrestres.

mércores, 18 de xaneiro de 2023

Miscelánea

O detective Gatlock en Ataque no país dos samugatorais de Sebastián Pérez e Benjamín Lacombe, publicado por Tambre. En formato pequeno unha historia ilustrada na que se xoga con diferentes formatos de ilustración, espazos moi aireados alternando con outros barrocos como con terror vacuo. Unha historia de panda de gatos, ven un gato que se repite, está quieto e move a man saudando aos transeúntes nos escaparates, cólleno e van indagar que lle sucede, será que está na sétima e última vida e por iso non fai máis que ese movemento? Percorren a cidade, pelexan cos samugatorais ata que acertan. Unha serie con personaxes definidos e axeitada para a lectura. A tradución é de Isabel Soto e está publicado en Tambre.

 

Camiño portugués de Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago. Da autoría de Noelia Muíños e Ramón Quintás, publicado por Hércules. Cada cidade á dereita en debuxo e á esquerda un poema a base de pareados. Di que busques e atopes personaxes célebres, festas tradicionais, gastronomía...  Un libro, tamén para xogar.

Lúa quere ir a... Marte de Celtia Figueiras, ilustrado por Marcelo P. Fernández e publicado por Guindastre. Un deses libros que responden á igualdade, ao dereito das femias (de calquera especie) a soñar o que queiran e logralo e a que os demais se fagan cargo dos coidados que semellaban ir destinados a elas. Celtia acaba de chegar de viaxar, conta a felicidade que lle produce e seu irmán dille que agora ela coidará da avoa, pero Celtia soña con facerse astronauta, vai ao parque e atopa o amigo gato que lle di que agora que xa viaxou poderá casar e formar unha familia; de volta á casa atopa ao amigo rato e cóntalle o seu proxecto profesional... el ve difícil logralo porque hai que estudar moito, pero ela está disposta a todo... Cando chega á casa a avoa entrégalle unha carta dirixida a ela que chega dende Gatanasa e xa se aclara todo, admitírona e todo se soluciona, o irmán coidará da avoa e ela traballará moito pero logrará viaxar á Lúa. Igual, por primeira vez aparece o tema dos coidados e o futuro de muller e nai claramente. Tal vez demasiado burdo pero real e a solución moi doada como se o irmán non tivera soños propios e a avoa só quixera cumprír os dos demais. Trátase deste álbumes grandes e case cadrados con pasta blanda e con ilustracións simplemente correctas. Vemos nos gatos o que podería ser complicado mostrar en humanos.