Amosando publicacións coa etiqueta Marcelo Simonetti. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marcelo Simonetti. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de novembro de 2023

Os migrantes en Kalandraka

Un novo libro para a colección MareMar de Kalandraka, con texto de Marcelo Simonetti, ilustracións de María Girón e tradución de Iago Nicolás.

Os migrantes. Que son os migrantes? esa é a pregunta que se fan os dous irmáns. El cóntanolo todo, estaban a piques de saír e a profesora Alicia dilles que van ter na clase dous migrantes, pasan a tarde e a noite dándolles volta ao que serán os migrantes: un tipo de pasteis, unhas mascotas (ourizos cachos, concretamente, deses que se converten en boliñas e rodan igual que pelotas), palíndromos... pola noite chegan os malos pensamentos (coa escuridade): e se son espíritos malos? Dormen mal e van con medo para a escola, cando entran fano collidos da man, dispostos a todo; cando entran na aula só hai dous novos co pelo moi rizado e os dentes moi brancos, sentados, cóntanlles como era a súa vida lonxe, fanse amigos e andan tan abstraídos que se esquecen dos migrantes que non apareceron pero se o fan non haberá perigo, agora son un equipo de catro imposible de derrotar.

Pauli, a irmá, para pensar mellor ponse na postura da famosa estatua O pensador ou colócase coa cabeza para abaixo... Cando falan dos palíndromos crean algún máis que non deixan de sorprendernos. En fin, unha marabillosa historia, moi ben contada e ilustrada con lapises de cores en estilo realista, un relato que, no medio do terror nos abre a mirada á natureza ("mirei o ceo e convencinme de que, polo menos, era un día moi bonito para morrer")

A presentación editorial, inmellorable: "Unha proposta orixinal que aborda o encontro co diferente con humor e intelixencia, a través da mirada curiosa e inocente da infancia."