Amosando publicacións coa etiqueta Olaya Naveira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olaya Naveira. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de novembro de 2024

Álbums de lobos e caranguexos

O lobo feliz de Miguel Guido e Olaya Naveira está publicado na editorial Cabo Norte.

Así o presentan: "Había unha vez un lobo grande e negro que vivía moi lonxe da xente e moi triste, porque ninguén o quería cerca. As historias do temido lobo feroz asustaban a xente que o xulgaba sen coñecelo. E el só quería SER FELIZ, así que lle preguntou a outros animais do bosque como facían para seren felices. Mais as receitas dos demais non valían para el, ata que a sabia curuxa deulle un consello que cambiaría a súa vida..."

Lobo grande e negro, de día non sae e si de noite. Vive só porque lle teñen medo. Ás veces era bo e ás veces malo (coma todos). Anda preguntando como ser feliz. Dinlle que sorría. Chñámanlle feroz e el quere ser feliz. A curuxa dille que ser feliz depende dun non dos demais e menos dos humanos. En vez de baixar á aldea sube ao monte e cántalle á lúa a súa felicidade. Humor. Xogo co conto da avoa. Interesante o deseño e a tipografía.  

O tesouro do caranguexo de Alba Rosa e J. M Dopazo con ilustracións de Iago Torres, publicado por Boadicea.

Preséntano así:"O caranguexo da pinza de ouro é o dono dun gran tesouro feito de cunchas. Non obstante, fáltanlle sete para que estea completo. Por iso falará coa ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexillón. Queres saber como son as súas cunchas e se logrou completar o caranguexo o seu tesouro? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas."

Para coñecer algo máis aos habitantes do mar...

martes, 14 de maio de 2024

De BD e de poesía

Plus ultra. Transición ao futuro é unha banda deseñada de Alberto Varela Ferreiro publicada por Xerais. Podemos considerar que forma parte dun grupo de novelas gráficas que este autor está publicando, cada unha delas ambientada nun tempo determinado: Wolfram. Espías, nazis e maquis na II Guerra Mundial, Ulf de Jacobsland nas viaxes dos viquingos a Galicia e este últimona transición democrática, a emigración e o esoterismo, pasando polas mareas negras, as loitas das Encrobas e Baldaio, os extraterrestres, un futuro distópico a nivel ecolóxico, o rei galego dos xíbaros (Alfonso Graña), a conquista de América con feitos coma a morte de Atahualpa, amañadores de corpos que herdan o don... Demasiado contido, demasiado... que se completa cunha "Cronoloxía da transición", un Glosario ou os mapas de Galicia oa evolución dos incendios ou os vertidos nucleares. 

No bico do vento de Charo Golmar con ilustracións de Olaya Naveira publicado por Bolanda. Un libro agasallo, de gran tamaño, no que as ilustracións van tomando as páxinas (dun papel de gran calidade) para envolver os versos. A obra percorre cinco ámbitos: O tempo, A vida, A natureza, Enredos e Sentires.  A última estrofa do último poema serve de cata tanto a nivel de texto como de imaxe (que sentimos non poder achegar):

Amor (a Antonio)

Coa miña man na túa,   

co teu paso no meu paso,     

xuntos nos contratempos;    

arremuiñamos follas   

e construímos niños  

no bico mol do vento

martes, 18 de xullo de 2023

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna

 

Amar, a mar. Un poemario de Xosé Luna ilustrado por Olaya Naveira en Bolanda editorial. Un libro enorme cunhas imaxes en azul, que envolven os poemas xogando do deseño. 

A mar, en feminino. Case sempre. Un poema para abrir boca...

Mar que chora

      triste patera

      noite escura

      arela acesa.

Mar que chora   

        fusca travesía   

        medo mouro   

        parda agonía.

Mar que chora   

        cruel miseria  

        soños crebados   

        lúa negra.

 Mar que chora   

        bágoas molladas  

        cicatrices eternas 

        vidas roubadas.