Amosando publicacións coa etiqueta libro de non ficción. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libro de non ficción. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de decembro de 2025

Libro informativo: O Hotel Cerebro

Libro informativo: O Hotel Cerebro de Marja Baseler &Annemarie van den Brink. Logo do éxito de Parque de atraccións A fábrica da caca, chega O hotel Cerebro. Ven ao hotel Cerebro o hotel máis listo do mundo! Aquí vas atopar os mellores segredos do cerebro e os mellores consellos para mantelo en excelente forma. Sube connosco a esta viaxe ao cerebro e descubre o que se che dá ben. Investiga no piso de arriba como funciona o cerebro. Que rexión se encarga da memoria? Que parte do teu xenial cerebro te advirte do perigo? Que tal xestionas as emocións? De 2019 e esta edición de 2015 De Hércules ediciones. Nas gardas a árbore xeneolóxica da familia Stein que é a que se vai instalar no hotel, seguindo os seus pasos aprenderemos, buscando o segredo e seguindo as pistas atoparemos o mapa do sistema nervioso, o cerebro dende arriba, de lado e por dentro, os cuartos da esquerda e da dereita

de paso, a aplicación: como exercitar o teu cerebro, centos de recomendacións 

A necesidade das preguntas para desenvovler a curiosidade e sobre todo descubrir o que non sabemos, o poder da imaxinación, a aprendizaxe dos erros; as pausas necesarias, airearo cerebro, relaxar, soñar, imaxinar, o traballo en equipo, a substancia do cariño (oxitocina), o text do talento (es activa ou reflexiva?, a intelixencia emocional, como utilizas o cerebro?)  

venres, 22 de agosto de 2025

Lanterna de Aristóteles


Lanterna de Artistóteles é o nome que se lle dá ao aparato masticador dos ourizos de mar, unha estrutura singular O filósofo grego descubriuno, de aí o seu nome. Cando o dicimos vennos á cabeza A lingua das bolboretas, unha lingua tamén ben especial que lle dou nome ao conto de Manuel Rivas e a película de José Luís Cuerda.

Lanterna de Aristóteles tamén denomina a colección de divulgación científica que `puxo en marcha Galaxia  que publicou A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández,  Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luisa Martínez Lorenzo (dedicada á divulgación científica como responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e coautora tamén de Que teñen que ver as vacas co cambio climático? publicado por Hércules) quen asume a dirección da colección. Apareceron algúns outros títulos como  Viches iso?Un singular percorrido pola vida das aves invisibles de José Arcas e agora faino Un mar de preguntas de Javier García Galdo moi ben ilustrado por Roque Araújo Rey. Por que califico a ilustración? Realmente seméllame moi interesante, sintética, case xeométrica ou minimalista tremendamente clara e didáctica.

Ben é certo que o libro non é o álbum ilustrado que moitas veces buscamos neste tipo de publicacións, pero achéganos respostas a preguntas que estaban aí, na traseira do noso cerebro. Vexamos: por que o mar é azul? por que é salado? que é o mar de ardora? que é a marea vermella? cales son as diferenzas entre o peixe branco e o peixe azul? en que sentido xiran as correntes no mar? de onde veñen as ondas? clmose forman as praias? que é un afloramento costeiro? cal é a diferenza entre os peixes de auga doce e os de auga salada? por que soben e baixan as mareas? que significa marusía? e un longo etcétera. Dividido en catro partes, agrupa en cada apartado as explicacións: A auga e o océano, Os habitantes do azul, O contorno costeiro e Nós e o mar.   

Da presentación editorial: "Para que serve una balea? canta forza ten o mar? cantas especies habitan os océanos? porque soben e baixan as mareas? estas e moitas outras preguntas teñen resposta neste libro sobre o mundo mariño, con ilustracións que espertarán a túa imaxinación e explicacións claras e sorprendentes baseadas no rigor da ciencia e do que hoxe coñecemos do mar. en cada páxina aprenderás algo sobre os misterios do grande azul e comprenderás por que debemos coidalo. empápate coas súas páxinas para poder coñecer, amar e conservar os nosos mares." 

Di o autor que quixo responder as preguntas que lle facían os seus fillos, e faino da maneira máis doada posible. Trátase de coñecer e entender, de saber o que hai e os perigos que se corre para poder aplicar a mirada ecolóxica e facer intentos por mellorar, de forma que non deixemos o planeta nunhas condicións imposibles para o futuro. Xusto López  Carril, no prólogo relata a historia dos seres vivos dunha maneira ben interesante: "En realidade todo comezou cando unha célula toleirana se puxo a danzar dentrpo sde certa alga no fondo do mar. Esta bailarina estivo soa durante millóns e millóns de anos buscando unha parella acuática e, grazasao azar cósmico, un día atopouna. Estón abrazáronse de fomra intensamente química e así naceron os primeiros seres pluricelulares. Os nosos antepasados lograron reptar ata a terra, pero nós aínda levamos moito marno noso interior. Por exemplo, os músculos e os nervios que nos capacitan para falar e xantar desenvolvéronse no mar. Con algúns escualos compartimos a mesma estrutura dos camiños das neuronas que saen do cerebro. Os riles e a parte interior dos oídos son herdanza do noso pasado naauga. E os brazos e as pernas foron medrando a partir das aletas dos peixes." E outra afirmacións como "Hoxe en día o mar cobre máis do 70 por cento da superficie do planeta, Se cadra o futuro da humanidade está escrito no libro do mar, o clima da Tera depende da saúde dos planetas... Porque unha das cousas que define a humanidade é a súa curiosidade e interese por coñecer o descoñecido este libro tentar colaborar nese estudo, en palabras do autor, porque igual o planeta en lugar de chamarse Terra tiña que terse chamado Mar.   


mércores, 18 de decembro de 2024

Historias fascinantes da ciencia en Galicia

Historias fascinantes da ciencia en Galicia está escrito por Eduardo Rolland e Manuel Rey, ilustrado por Andrea López Álvarez e publicado por edicións Embora.

Da presentación editorial: "Sabías que un galego inventou a máquina multiplicadora? E que nos montes de Lugo habitaron mamuts? E que outro galego, de Cotobade, deseñou en 1865 un trebello que adiantaba o fenómeno da voz sintética e as “máquinas que falan”?

A historia da ciencia, dos inventos, do estudo da natureza e da realidade está chea de pequenos fitos –curiosos uns, abraiantes outros, fantásticos (ou sexa, magníficos) sempre-, que alumean o camiño cara o descoñecido.

Neste libro atoparás 40 historias galegas sobre o que Aristóteles chamaba “o desexo humano de saber”."

Eduardo Rolland codirixe a páxina de ciencia en galego: Gciencia, polo tanto estamos ante un especialista neste campo e tamén no da comunicación. 

Algunhas destas historias xiran ao redor da fervenza do Ézaro, unha praia negra en Galicia, a relación entre Newton e o tesouro da batalla de Rande, como funciona o botafumeiro da catedral, cando chove estrelas, o ouro da Gallaecia que sostivo a Roma, o mapa que colocou Galicia como centro do mundo, fogos fatuos e Santa Compaña, dromedarios na muralla de Lugo, o navío galego que se perdeu na Antártida, un meridiano para Galicia, unha engurra na Terra de 500 millóns de anos, cando o tigre campaba por Galicia...

mércores, 4 de decembro de 2024

O bosque é a nosa casa


O bosque é a nosa casa de Sara Fernández e Sonia Roig con ilustracións de Jesús Ortiz e traducido por Eugenia Sanmartín para Hércules de ediciones.

Da presentación editorial: "Sabes, de verdade verdadeira, como é que funcionan os bosques? Nun bosque todo está conectado. Pero ademais, todas as persoas estamos tamén conectadas cos bosques. E é que, sen dúbida, o bosque é a nosa casa. Entra neste libro e descubrirás unha chea tan grande de cousas alucinantes (e que moi pouca xente sabe) que te converterás en especialista en bosques. Garantido!"

Confesan as autoras que este é o libro que lles gustaría ter cando eran pequenas, por iso o escriben agora e encárganlle a unha personaxe, Silvia (unha nena) que sexa a guía ao longo daa páxinas, porque ela é unha apaixonada polos bosques, tamén é unha científica porque cuestiona as cousas, observa, experimenta e saca conslucións. Imos percorrendo o libro seguindo os títulos de cada un dos capítulos: 365 días para estar no bosque (as estacións), (Case) todos os bosques do mundo (diferente tipoloxía segundo a situación no planeta), Todas árbores, todas diferentes, A historia dos bosques (dende o principio dos tempos), Cando as árbores si te deixan ver o bosque (dende macro a micropaisaxe), Cos pés no chan (o solo), Como é que funciona un bosque?, Silvia e a fábrica prodixiosa, Que foi antes, a semente ou a árbore?, Sabes todo o que che conta a madeira?, Non só de árbores se vive no bosque, O bosque que nos coida, O bosque na cidade e a cidade no bosque, Bosques en perigo, Lume!, Como é que se coida dun bosque?, Novos bosques que non é pouco, Que podes facer ti polos bosques?, Algunhas cousiñas máis (con índices de vexetais, animais, materiais tecnolóxicos e personaxes famosos que pasean polo libro).  

xoves, 16 de maio de 2024

A tradución dun libro de non ficción publicada por Baía edicións

Unha nova tradución dun libro de non ficción publicado por Baía edicións. Trátase de A linguaxe das plantas. Os seres máis fascinantes do planeta de Darya Beklemesheva e Helena Harastová e traducido por María Reimóndez.

Preséntase así: "Que pasaría se as plantas tivesen súper poderes dos que nada sabemos? Podería ser que as plantas sexan as donas do mundo? Cando miras para as plantas e as árbores seguramente dirás: moi bonitas, pero un pouquiño aburridas. As plantas nin andan nin falan e aínda por riba non fan nada cando as arrincamos, cortamos e cando lles prendemos lume. Pero sabemos o que facemos? Hai moitos científicos recentes que poñen patas arriba a nosa percepción tradicional das plantas e das árbores. Agora non só sabemos que se interesan polo mundo que as rodea, senón que reaccionan ante el. Ademais, comunícanse de xeitos que quen nos dera aos humanos!"

Un traballo moi interesante no que se recollen os resultados de investigacións que nos fan reflexionar sobre o mundo vexetal: os seus recursos, intelixencia natural, maneira de adaptarse ao medio ou de defenderse dos perigos, a memoria que pode gardar no tempo ou como utilizan o que nós entendemos por sentidos... Imaxe e textos magnificamente combinados para achegar toda a información posible, de forma amena e razoada. Un glosario final axuda á compresión e as traducións deste tipo de libros da man de Reimóndez enriquecen o produto e o saber.

luns, 2 de outubro de 2023

Divulgación científica. Neuroloxía.

A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de non ficción, de información, de coñecemento, de divulgación... Está escrito por Paula Rivas Ramírez, unha neurocientífica, e ilustrado por Iago Araújo, publicado na colección Seica de Xerais.

Así se presenta: "A medio camiño entre a ficción e a divulgación, A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano é un libro de contidos científicos para aprender gozando da lectura. Durante unha excursión a un instituto de investigación en neurociencia, a protagonista desta historia pérdese dos seus compañeiros e coñece uns ratiños científicos que lle explican como funcionan o cerebro e o sistema nervioso, e tamén que son as neuronas e como percibimos as cousas a través dos sentidos. Pouco a pouco, Antía vai descubrindo que detrás dos ratiños hai nomes de científicos famosos (Santiago Ramón y Cajal, Alois Alzheimer, James Parkinson e Margarita Salas) e vive unha experiencia extraordinaria." Todo isto mentres o seu grupo se está entrevistando con Xurxo Mariño. Personaxes de verdade na ficción, científicos convertidos en ratiños... E a dúbida: vai máis alá dunha boa lección nun libro de ciencias? é suficiente ou este tipo de libros deben dar outro salto máis?

Agradecemos a Xerais que publique estes libros tan necesarios en galego e animamos a continuar por este camiño.

domingo, 10 de setembro de 2023

Aumentan os títulos da serie "Crías de animais"

 

Aumentan os títulos da colección "Crías de animais" cos títulos Asia. Quen son? e Terras Polares. Quen son? de Tándem Seceda (Chema Heras, Isabel Pelayo, Pilar Martínez e Xulio Gutiérrez) con Ester García nas imaxes.

O oso panda, o macaco xaponés, o dromedario, a raposa voadora, o tigre, o orangután, a cacatúa filipina por Asia. O maior continente do mundo, onde se atopan as montañas máis altas. os desertos máis áridos e as selvas máis impenetrables e onde viven a maioría dos seres humanos, tal como se conta na páxina final, pero tamén se di que a contaminación, a corta masiva dos bosques e a caza ilegal poñen en perigo a fauna... Descrición do animal, adiviña a respecto de algo que o caracteriza e unha mensaxe final relacionada co continente e a ecoloxía.

O oso polar, a morsa, o pingüín emperador, o reno, a foca de Groenlandia, o bufo nival e o raposo ártico. Do Polo Norte ou da Antártida, territorios áridos e xélidos, cos animais que viven en condicións moi duras protexéndose do frío. Teremos que protexelos porque están ameazados pola emerxencia climática.

luns, 31 de xullo de 2023

O sono animal

Sempre nos preocupou saber a razón pola que temos que durmir e xa non digamos, saber como dormen os diferentes animais, como o fan cando andan atravesando océanos, cando corren perigo, cando voan ou nadan, cando pasan o inverno durmindo... Pois ben, agora temos o libro que nos resolve todas as dúbidas. O seu título é O sono animal, está escrito por Silvia Lazzaribo Binelli e ilustrado por María José Arce Letelier; a tradución ao galego é de Iago Nicolás  e publicado por Kaladraka.

Preséntase así: "Un libro informativo rigoroso e sorprendente para descubrir as curiosas e variadas formas de durmir que se dan na natureza. En “O sono animal” poderás coñecer as insospeitadas formas de descanso de máis dunha trintena de animais, tan diversas como a mesma natureza. Un paxaro que apaga a metade do cerebro mentres voa, unha mosca que adormece sobre a súa flor favorita e un peixe que se recosta na súa cama de burbullas... Uns dormen escasos minutos, mentres que outros o fan durante longas tempadas. A algúns gústalles permanecer enterrados e, a outros, apiñados no alto dunha árbore para que os depredadores non os alcancen. Unha obra cuxo minucioso contido científico se complementa cunhas elocuentes e detalladas ilustracións a acuarela".