luns, 14 de novembro de 2022

Álbum espectacular

Rizos de ouro e os tres osos de Olivier Douzou, traducido por Xosé Ballesterose publicado por Kalandraka é unha pequena xoia. Un deses libros que che vai gustar ter, mirar e mirar, non desfacerte del proqeu se trata dunha "versión moderna e innovadora do conto clásico “Rizos de Ouro e os tres osos”, cargada de humor e creatividade". Sobre todo de orixinalidade. Unha maneira distinta de contar a historia e, sobre todo de ilustrala traballando unicamente con catro cores: negro, branco, vermello e amarelo; con figuras xeométricas e coa vangarda por bandeira. Repeticiñons en todos os códigos nun libro espectacular. Non o perdades!

 

 

mércores, 9 de novembro de 2022

Un libro solidario: "Soños de Cajamarca" de Antela editorial

Un libro solidario: "Soños de Cajamarca" de Antela editorial conta con textos dos seuintes autores e autoras: An Alfaya, Miguel Ángel Alonso, Rebeca Álvarez, Concha Blanco, María Canosa, Paula Carballeira, Ramón Caride, Xavier Estévez, Antonio M. Fraga, Antonio García Teijeiro, Carlos Labraña, Iria Misa, Pere Tobaruela e Antía Yáñez. A portada e o marcalecturas é de de Iván R. 

Dende a poesía de Miguel Ángel Alonso, Concha Blanco, Ramón Caride e Antonio García Teijeiro, o teatro de Carlos Labraña e as narracións dos demais que se moven maioritariamente no mundo da fantasía. 

Como mostra, un petisco de Caride:

"O libro

É un paralelepípedo 

-palabra ben rara, 

quen a inventaría?-

con mil follas brancas, 

unha riba doutra,

por elas camiñan

letras en rigleiras, 

coma formiguiñas 

carrexando historias."

Así se presenta: "Soños de Cajamarca reúne nun só volume catorce relatos de Literatura infantil e xuvenil obra de destacados autores do noso panorama nacional. A través das súas verbas coñeceremos historias fantásticas que farán voar a nosa imaxinación á vez que alentan as ilusións de centos de nenas e nenos que residen en apartadas rexións dos Andes, no Perú. Porque este proxecto colectivo nace con alma solidaria: apoiar o traballo que a ONG Aulas Abiertas está a levar a cabo no país andino a través da cesión de tódolos beneficios que os escritores participantes perciban por esta obra."

luns, 7 de novembro de 2022

De loitas silenciosas

O noso recuncho de Marina Núñez e Avi Ofer publicado en Triqueta Verde. Sobre unhas ilustracións de lapis e aguadas cóntase a historia dunha nena que observa o lugar de xogo e aventuras do barrio (de todos e ninguén) cheo das vellas experiencias, o sitio onde todo era posible. Saben que vai ser destruído, que vai ser tomado, mentres tanto xogan e unha nena planta sementes (ela soa), logo vanse apuntando máis que queren coidar do recuncho que bos momentos lles fixera pasar. Cando chegan as máquinas, eles permanecen e ao non atender a chamada das familias, elas veñen e únense, daquela o espírito do lugar e todas as historias xurdenn con forza, todos se poñen a coidalo e as máquinas han de irse desconcertadas. Ninguén os vai mover de aquí.

Así se presenta: "Hoxe no barrio acordaron cunha mala nova: o recuncho onde os nenos e as nenas brincan cada tarde vai desaparecer moi pronto. Onde continuarán todas as súas historias? Van poder facer algo para salvalo? 

Esta historia ocorre en lugar moi especial, un espazo verde onde todo é posible no medio dunha gran cidade. Cando os nenos e nenas descobren que este recuncho no que viviron tantas aventuras vai desaparecer, empezan a coidalo como nunca e a soñar en todo o que podería suceder alí se non fóra a chegar pronto o seu fin. Cando o día temido chega, deciden plantarlle cara ás máquinas que ameazan con acabar co espazo e únense para protexer o lugar no que tantos bos momentos pasaron. Só xuntos poderán salvar este recuncho tan especial, co apoio dos seus familiares e de toda a veciñanza.

Trátase dunha historia que ten lugar nun escenario moi próximo aos nenos e nenas, o lugar no que pasan as tardes xogando, inventando, imaxinando outros mundos. A historia móstranos un exemplo da forza que podemos chegar a ter cando traballamos xuntos. Cóntanos unha historia de loita polos espazos cheos de vida que quedan nas cidades e móstranos a importancia de lugares que sexan para as persoas que conforman a nosa comunidade. Consideramos que é un tema en grao sumo actual, xa que nestes tempos puidemos ver como especialmente as necesidades da infancia tíñanse totalmente esquecidas."

venres, 4 de novembro de 2022

Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só)

Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só) de María Reimóndez aparece na colección Seica de Xerais con ilustracións de Alicia Rocha

Preséntase así: "Por incrible que pareza, falar da menstruación segue sendo complicado e mesmo controvertido. Un proceso corporal e cultural que afecta nalgún momento da vida a máis da metade da poboación humana non debería ser un tema fundamental de reflexión? Cun enfoque desenfadado e co obxectivo de facernos reflexionar, Bárbaras! utiliza a menstruación como vía de entrada para achegarnos unha gran diversidade de temas: os corpos, o sexismo, a ecoloxía, o racismo, a transfobia. Porque, ao final, falar da regra é falar do mundo enteiro e, en particular, de tantas Bárbaras! que se negan a seguir os ditados e que, coa súa rebeldía, crean un mundo mellor para tantas outras."

A autora vai percorrendo unha presentación, o apartado Muller (corpos e reprodución, categorías e privilexios...), Do espectáculo ás fases da lúa (hormonas, saúde, dispositivos...), O sangue non mancha (xenitalidade, desexo, hixiene...) para rematar con Bárbaras. Todos e cada un dos textos busca a reflexión e a ruptura de prexuízos, o desenmascaramento das mentiras grandes e pequenas para ir atopando camiños máis conscientes. Xogando coas cores, as preguntas ao lectorado e as otas explicativas, Bárbaras vai resultar un texto necesario para o traballo con adolescente e adultas.

martes, 1 de novembro de 2022

Unha obra sobre a perda da lingua e unha novela xuvenil na colección Fóra de Xogo

Sangue no dron é unha novela xuvenil escrita por Ignacio Vidal Portabales e publicada por Xerais. Unha distopía, situada no noso mundo (esa Cidade das Campás que non deixa de ser unha Compostela descoñecida) e protagonizada por un mozo que deseña e manexa drons, que loita nun xogo inmundo con outros dous, que está namorado dunha moza e só acepta o xogo por salvala pero... a Ditadura Privilexiada Bélica non perdoa, non comprende, non está disposta a dar nin media oportunidade. Ela aproveita todo, incluso aos disidentes, como toda boa ditadura. 

O país da choiva, publicado por Antela editorial, está escrito por Miguel Anxo Alonso Diz e ilustrado por Xosé Tomás. Preséntase así: "Esta novela infantil/xuvenil ilustrada, fala da importancia do idioma, de usalo e conservalo, e de como a nosa lingua é parte da nosa herdanza cultural como galegos. De xeito delicado e con sensibilidade aborda a problemática da perda de falantes na nosa lingua." 

Un prólogo de Fran Alonso serve de pórtico á obra  apunta ideas como esta: "Ás veces dá a impresión que hai pobos que perden a memoria. Pode un pobo perder a memoria? Se esquece o seu pasado, pode. Se esquece cal é a súa cultura, pode. Hai pobos que perden o contacto coa historia. Que perden a súa lingua. E chega un momento que non saben o que son. Por que? Porque non saben o que foron." Cando un pobo perde a memoria, igual que unha avoa, acabas por non saber quen es, deixas de ser ti; di Fran. E tamén, afirma que a lingua forma parte da nosa memoria porque é unha boa parte do que fomos, do que somos e di que seremos.

Miguel Anxo cóntanos unha historia, a do pobo que mentres dorme nunha noite de chuvia perde a súa lingua, só aqueles que non durmiron a lembran, só eles cos súas bágoas son quen de devolver as palabras primixenias e xa non terán medo de pechar os oloos. Mentres tanto as ilustracións traerannos un mundo case submarino no que os peixes nadan as rúas: unha fermosa imaxe.

Conta con material didáctico sobre o libro, no seguinte enlace.

domingo, 30 de outubro de 2022

Libro silente

 

 

 

 

 

 

 

 


Verme de Fernández & González é un libro sen texto. Deses nos que les as imaxes e lle vas poñendo palabras, as palabras da túa lingua.

En verbas de Kalandraka (a editora), trátase dun "libro interactivo en formato acordeón que nos presenta un novidoso dispositivo mecánico dirixido por uns divertidos operarios, con el é posible viaxar ao centro da Terra. ¡Mira con atención e descobre todas as aventuras posibles"

Despois de Balea, aparece este outro artefacto. Un aparato perforador habitacional de grandes dimensións vén sendo a mellor maneira de viaxar ao centro da Terra. Imos vendo, por unha cara o interior do aparato e pola outra o exterior. Unhas chiscadelas fan que podamos observar as tumbas de Rosalía, Fridha e outros/as. Aparece baixo este nome en galego, castelán, euskera e catalán.

mércores, 26 de outubro de 2022

De Ánxel Fole a Xosé Tomás

Contos de seu de Xosé Tomás publicado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega é unha homenaxe e Fole, ao seu mundo, á súa maneira de contar. Un libro composto por dez contos e un epílogo ou varios cómics. O seu autor explica que "non é un libro sobre Ánxel Fole, nin unha versión en banda deseñada dos seus contos. Trátase, pola contra, dunha obra resultante dun pouso que queda tras a súa lectura. Son historias que beben do seu ambiente, do seu cheiro, da súa retranca e do seu misterio. (...) Falan de personaxes que resolven dende a idiosincrasia propia, que non miran a realidade dunha maneira plana, senón sempre de maneira poliédrica. Personaxes que responden á dureza da vida con humor, coa aceptación intelixente do inevitable, cunha atitude de supervivencia, no fondo, e de creatividade e enxeño. Falan tamén de ambientes, de costumes, de lugares, de maneiras de relacionarse, e duns tempos vitais moi diferentes das présas actuais. Un tempo de pouso, que permite feccionarse á lectura mentres as vacas pacen, solucionar un problema na espesura da noite, ou maquinar crimes dende a serenidade e a paciencia. Ese tempo sen tempo que esculpe o arácter na infancia, que resulta tan necesario para labrar persoas donas de si."

Ninguén o pode explicar mellor. Só hai que lelo, entrar en cada unha das historias e gozar deste privilexio de ter bos contadores en diferentes códigos pero cos pés na propia terra, alí onde é posible medrar.