luns, 25 de marzo de 2024

O Papagaio, o xornal da xente miúda

 

Nunca nos cansaremos de recomendalo. Se queda unha soa biblioteca escolar ou pública sen el teremos fallado en todos os sistemas de apoio á normalización lingüística.

O único xornal para rapazada en galego. O único, e aínda dirán que asoballamos a alguén facéndoo ler en galego. E os xornais, as revistas, son necesarias, porque elas coma as series tenden fíos de atan dalgunha maneira ás crianzas coa lectura. Igual que as series: se lle das uns personaxes que se repiten, unha historia que ten continuidade ou reitera un esquema, unhas coordenadas espazo temporais que xa coñecen... aí van lendo detrás delas. Porque os personaxes xa case son da familia, pensemos por exemplo nos Bolechas, hai nenos/as que non queren saír da casa sen unha desas historias, gústalles atopalos nun museo ou nunha librería, adoran recoñecelos... pois igual sucede coas revistes. Por iso son tan imprescindibles. E nós, en galego, só contamos con este Papagaio que mantén en pé Abraham Carreiro. Grazas por facelo, por darnos de ler!

sábado, 23 de marzo de 2024

De futbol e mulleres

Cando o fútbol de mulleres deu acadado a primeira plana dos xornais e a primeira nova dos telexornais, cando se demostrou que o mundo do deporte é discriminatorio, tal como sabiamos (o profesorado interesado na igualdade levaba estudando este ámbito dende os anos oitenta polo menos, Agustín Fernández Paz introducira este problema no libro de relatos Rapazas...) ou imaxinabamos claramente, pois os homes máis reacios á igualdade tiñan eses intereses de deporte e copas, bar e fútbol eran conexións ben perigosas para o mundo das mulleres.

Hai un tempiño apareceu en Fóra de xogo A pioneira de Héctor Pena. Presentábase así: "De Ester din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que dita a sociedade. Talvez é moito pedir para A Coruña de hai cen anos. Loitar contra todo e contra todos para facer realidade os seus soños é a súa razón de ser. Pero a Guerra Civil e a represión do fascismo poden ser un muro demasiado duro que superar. Ou non. Porque a "roja acérrima" que vían as autoridades convértese nunha pioneira e un exemplo para as mulleres de alto risco. Empacadoras, atadoras, pescantinas e proletarias da industria pesqueira que se botaron ás rúas para opoñerse ao novo Réxime do 18 de xullo. Un camiño de sororidade tecido a través dunha rede de protección fronte aos bechos, o frío, a fame e os inimigos da liberdade. E co balón nas cabeza, nos pés e nas mans da gardamallas." Agora aparece en banda deseñada A porteira de Xulia Pisón e Óscar Losada, da man da Universidade da Coruña co patrocinio da Xunta, o concello e Gadis. Preséntase así: "O de Irene González é un caso único no mundo. Na década dos vinte dioséculo pasado foi a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol, ao se converter na porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome: o Irene F.C. Esta é a historia dunha nena que levou a súa paixón máis alá dos límites establecidos para as mulleres da época e fixo realidade o seu soño." 
Un cómic ben claro no que se mostra un momento histórico, a historia dunha nena que cumpre os seus soños e morre por eles, un xornalista deportivo e unha autora de bd contándonos unha desas historias que non se deberían esquecer...

xoves, 21 de marzo de 2024

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Furia de María Reimóndez acadou o premio Jules Verne de literatura xuvenil e aparece publicado por Xerais no colección Fóra de xogo.

Da presentación editorial: "Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de dezaseis anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas a este deporte e a unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a confianza nas propias forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar seguro.
Furia non é só a historia dunha moza que se enfronta á perda e á dor, senón unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables."

Cando semella que non hai volta, cando a persoa coa que vives é unha tía avoa coa que non te entendes, aínda que é a persoa que che coida igual que coidou a túa nai ata a morte. Cando o historia se centra na adolescente e nesa muller maior que traballa sen parar e aguanta da furia da rapaza que non sabe que facer con tanta rabia. Cando a vida é unha tarefa difícil. Cando damos o curso por perdido aínda que ben poderiamos retomalo pero botamos de menos esa motivación necesaria. Cando nos sentimos traicionadas por calquera que se achega para facer un traballo en equipo, para falar, para que non se note tanto o acoso...

Varias voces: Cecilia a adolescente que camiña ante a maior das perdas e a peor das confusións; a avoa Remorso coa fala de Rianxo, M trasunto da autora e Blue a adolescente non binaria. Cinco partes: Asalto de sombras, Un - dous, Sparring, Manoplas e Furia. A perda da nai e o dó inmenso, no peor momento (a adolescencia dunha filla única de familia monoparental) e na situación máis precaria. A autora escolle as circunstanncias máis difíciles para a aparición do boxeo, esa táboa de salvación que a vai poñer en contacto cun mundo novo no que a todo se radicaliza.  Ficción cos propios sentimentos e entrada a un deporte descoñecido, rodeado de prexuízos, máis alá, sempre máis alá, por iso, a autora na ceremonia dos Xerais agradecía ao xurado a súa lectura libre de ideas preconcibidas. 

martes, 19 de marzo de 2024

Banda deseñada de mulleres e rural

Xaora é a novela gráfica de Ana Moreiras, unha profesora de física que realiza banda deseñada e leva publicados dous títulos a ter en conta: Madialeva e Xaora.

Así se presenta esta entrega: "Virxinia anda medio perdida. As súas dores físicas e máis as cicatrices emocionais tráena sen azos, buscando respostas para as grandes preguntas ás que se quere enfrontar como adulta. A visita da pantasma da súa avoa, vitalista, descarada, feliz por recuperar o vizo da mocidade, axudaraa a comprender que é o realmente valioso e auténtico.

Ana Moreiras amosa nesta novela gráfica os seus dotes para a narrativa. Unha historia chea de humor e reflexión sobre o noso tempo, sobre o noso país."

O uso de expresións mariñás (Marialeva, Xaora) son unha marca da casa para titular as obras, da mesma maneira que o son as protagonistas das historias: mulleres maiores do rural. Unha homenaxe e un campo que ficaba algo arredado da banda deseñada xuvenil. Unha cita de Herman Hesse achega información que supoñíamos actual: "A présa da vida moderna xa se apoderou das nosas poucas parcelas de lecer; a nosa forma de gozar e divertirnos non é menos nerviosa e acosada que o balbordo do traballo. "A maior cantidade posible e o máis axiña", é a consigna. A consecuencia é o aumento constante do pracer e a progresiva diminución da alegría. (...) O gozo saboreado é dobre gozo. E non descoides as pequenas alegrías."

Unha terapia de constelacións familiares, outra de ioga, unha dieta de xaxún intermitente, unha falla de comprensión da contorna e do pasado e... no medio de todo iso a avoa morta que se presenta e acompaña á protagonista. Unha situación de traballo na que dous compañeiros van ascendendo por entreguistas ao tempo que tentan ir de colegas (ela, moi de "cariño / querida" e terapias alternativas; el, un vello ligue); por medio desta conxuntura unha serie de reflexións de moito interese que dan para pensar e remoer. A visita aos pais e fillo da avoa, a volta desta á leira familiar, a familia arxentina coa que se garda un segredo, as diferenzas entre a filla e o pai en relación ao rural, a esperanza nun cambio político, a toma de decisións imprescindible e a esperanza, sempre a esperanza.

A obra situada en lugares coñecidos polo lectorado (prazas e rúas de Santiago, bares coñecidos), problemáticas actuais (a loita dos venres negros na TVG "peleles chupándolla ó gabinete de presidencia e falando un galego pentavocálico cos pronomes todos do revés") e a toma de postura persoal a todos os niveis.

Todo un luxo poder contar coas obras desta autora!

sábado, 16 de marzo de 2024

Bululú e Antela

Bululú presenta A cor dos sentidos (Un conto en branco e negro, a toda cor) de Gustavo Roldán, traducido por Xosé Duncan.

Así se presenta: "Poden as cores ser as protagonistas dun libro en branco e negro? A cor dos sentidos é unha reflexión moi imaxinativa e alegre sobre as cores que nos rodean. Só é preciso fechar os ollos para descubrir que podemos experimentalos doutro xeito, con outros sentidos diferentes á vista: azul é o son do mar; violeta, o recendo das flores; vermello, o calor dunha fogueira…Un álbum ilustrado e de textos moi líricos, que nos convida a observar o mundo a través das sensacións." 

Ese é o xogo: definir as cores por medio dos outros sentidos. Un xogo que abre a mente a outros noitos pois ese paso duns a outros sentidos pode multiplicarse. Un libro moi potente e iteresante dende o punto de vista do deseño gráfico e da historia. Minimalismo en estado puro. Escrito con maiúsculas.

Antela editorial, na colección Pitiños, presenta un libro de poesía no que os animais teñen un papel importante. Animalgama de Ramón Sánchez está ilustrado por Lucía Barros. Así se presenta: 

"Isto que tes nas mans non é un libro corrente,
é unha ANIMÁLGAMA!
E iso que é?
É un fantastilibro no que a poesía se volveu tola.
É «un gorila que baila ao son dunha gaita».
É «un verme en monopatín».
Ou incluso «unha medusa con tiracroios».
Se non mo cres, ábreo e verás!
Unha animálgama agarda por ti.
Seguro que che fai rir."

E así podemos entrar: 

"Se queres entrar, pois adiante, / o libro sempre está aberto, / dá igual que veñas ao trote / ou saltando coma un cervo, / ou facendo malabares / de acabalo dun cangrexo, / o importante é divertirse / con este feixe de versos."

Boa poesía e boas ilustracións. Poemas para  ir máis alá, para desmentir falsas verdades, para introducir o proceso da escrita, para percorrer o mundo animal e rematar a abrazos. Recomendo todos os poemas, pero especialmente aquel que leva a o nome de Acochadiños.

Ramón Sánchez, que se define como músico y poeta autodidacta.  disparatadas, hilarantes, y en muchos casos, irreverentes. n caracol montado en patinete corriendo mil peripecias para llegar a su cita con una limacha, hasta cuatro gallinas que sueñan con volar como águilas y harán todo lo posible para conseguirlo.

 

xoves, 14 de marzo de 2024

Novidades na colección Verdemar de Alvarellos

Traducións dende o polaco, da man de Ana Garrido con revisión do texto por parte de María Reimóndez.

Mamás e papás, Avoas e avós e Irmás e irmáns de Malgorzata Swedrowska e Joanna Bartosik

Preséntanse así:"Outra mirada sobre as familias nun conto para primeiras lecturas. O primeiro deles mostra, dun xeito divertido e vistos desde os ollos das fillas e fillos, o papel de mamás e papás nos fogares, rachando cos clixés tradicionais. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando, ilustrando, o día a día de pais e nais nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas." Ás veces hai dous papás ou dúas mamás, ás veces un de cada, o importante é que "mamás e papás crean un mundo para nós habitar" 

Texto da contracapa: "Mamá dálle a todo. Ás veces, crava puntas. / Papá dálle a todo. Ás veces, prepara o caldo. / Mamá faime rir. Papá é agarimoso. / Mamá compón. Papá canta./ Papá lembra. Mamá soña..."

Avoas e avós. O conto para primeiras lecturas que pousa outra mirada sobre os maiores da casa. Mostra, dun xeito divertido e rachando cos clixés tradicionais, o día a día de avós e avoas nos fogares, vistos desde os ollos dos seus netos e netas. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día de avoas e avós nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

TEXTO CONTRACAPA:  COA AVOA TODO É POSIBLE. / CO AVÓ TODO É POSIBLE. / ELA ATOPA TESOUROS NOS SEUS PETOS. / EL ADIVIÑA OS MEUS SOÑOS. / O AVÓ FALA CON TENRURA. / A AVOA ABRAZA CON DOZURA. / NA TERRA OU NAS ALTURAS / O SEU CARIÑO PERDURA

Irmás e irmáns. A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día entre irmáns e irmás. Ollados desde o seu propio punto de vista, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

TEXTO CONTRACAPA: O meu irmán parécese a min. / Entendémonos de marabilla. / A miña irmá é distinta a min. / Complementámonos perfectamente. / Co meu irmán salto sobre nubes. / Coa miña irmá sobrevoo montañas. / Tanto teñen as nosas diferenzas / A unión é a nosa forza.

martes, 12 de marzo de 2024

Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022

 

O Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022 recaeu en Raquel Castro e na súa obra Sobremesas sobre versos que aparece publicada na editorial Galaxia ilustrado por Diana Pastoriza.

Así se presenta:"Uxía e a súa avoa Sica elaboran sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade e infancia dunha anciá que comeza a despoboarse de saberes e recordos."

Unha muller de teatro que se anima a escribir narrativa e verso. Unha temática no medio do noso universo: as enfermidades da memoria, aquelas das que xa falou García Márquez en Cien años de soledad dunha maneira tan poética e máxica. Un premio para visibilizar o problema entre a rapazada engadindo textos aos que dende o principio están aí, pois como ben dicía Ana María Machado, só fai falla coñecer a produción. As ilustracións dunha especialista en mapas conceptuais ou como se lle chame neste momento a contar con imaxes o mesmo do que estamos falando con palabras; algo novidoso do que non sei moi ben que opinar porque por un lado é algo sinxelo e sen pretensións artísticas pero por outro na LIX sempre tentamos que a parte icónica tamén teña ese plus doutra manifestación artística.

Unha avoa e unha neta que nos conta a historia. A avoa vive na aldea e perde a memoria de forma que despois de ser o motor da casa e da familia, ha de ser atendida por unha muller que descansa as fins de semana cando a familia da filla se despraza. Pai, nai, neta e neto. A neta recupera á avoa a través das sobremesas que ela preparou toda a vida e deixou escritas nun recetario, a neta vai preparándoas buscando a súa colaboración e establécese un vínculo que a recupera cos sabores e as maneiras. Libro de cociña cos seus ingredientes e preparación. Novela na que se contan estas circunstancias contextualizadas no confinamento. Libro de poesía nos ingredientes e elaboración das sobremesas. Libro de relacións familiares, de maneiras nas que facerlle fronte ás dificultades, de diversidade sexual no personaxe do amigo da avoa que continúa ao seu lado décadas e décadas, de interxeracionalidade e memoria.