venres, 31 de decembro de 2021

A nena lectora, un novo libro da colección "A pequena memoria"

A nena lectora de Manuel Rivas é o segundo libro da colección "A pequena memoria" que comezou con A lavandeira de San Simón. Garda coa primeira o formato de libro grande con pastas duras e ilustracións abondosas, tamén un texto informativo ao final onde se relaciona o relato coa Historia dos tempos nos que está situada e as imaxes de fotografías daquel tempo nas gardas. 

Recuperar a memoria é necesario, por iso, despois da historia anterior relacionada co campo de concentración na illa de San Simón nos tempos de guerra e posguerra, acaía este ano (no que celebramos o centenario da morte de Emilia Pardo Bazán) recalar na Coruña que se reflicte no seu libro A tribuna. Son os tempos retratados, unha familia de pai trapeiro e nai misteira, cun irmá maior que lles le e ha de fuxir, despois de protestar contra a guerra de Marrocos. Cando el se vai a nena acude á escola de Antorcha Galaica disfrazada de neno para aprender a ler, porque nas lecturas están os soños, as vidas que vivimos fóra da nosa, está tamén o valor da cultura e da aprendizaxe ou por facer posible un mundo mellor. No medio dos trapos o pai trae tesouros para a casa, restos que alguén tirou ao lixo e que eles aproveitan como eses espellos deformes ou unha medio autómata coa maquinaria á vista. E... esa nena que lle le á nai na enfermidade e, posteriormente, ás mulleres da fábrica, mentres traballan, é unha luz que as fai soñar e tamén unha esperanza porque é muller e le, porque é pobre e sabe.

As ilustracións son de Susana Suniaga, quen ganou o concurso de carteis do Salón do Libro o ano dedicado ao humor.

mércores, 29 de decembro de 2021

Para tempo de Nadal, algún libro con esta temática e algún álbum

Xa doutros tempos pero falanndo de Papá Noel e de como se esqueceu de pedirlle o que máis quería: Tento e mailo Nadal de Ricardo Alcántara e Gusti. En Tambre.
 A
s caras da miña choiva de Kristine Sabaite. O libro dunha ilustradora que nos introduce no tipo de chuvias. Un libro orixinal que hai que xiralo, que se le nun sentido non convencional. A avoa di que a chuvia ten moitas caras que só as persoas quer quedan quietas poden ver, e van aparecendo os nomes: bauxa, cebra, arroiada, mera, trebón, xistra... En Galaxia

En Tambre, O desexo do coello de Ramona Bâdescu e Delphine Durand. O coello ten un desexo que non chega a ver claramente, mentres tanto aparece o esquío que ten o desexo de merendar con el e parolar, o oso formigueiro que trae pasteis e ten o desexo de comelos compartindo con eles... de pronto, o coello descubre cal é o seu desexo, méteos no coche e emprende o camiño cara ese anceio.

A receita do queixo lunar de Paloma de Toro, con ilustracións de Nuria Díaz e publicado por Galaxia. Porque Petroski, a queixeira, vivía na lúa soíña, pero un día aparece unha astronauta terráquea que se asusta cando a descobre. Ela dende a lúa e a outra dende a Terra, chegan a  atoparse a través da lente de sendos telecopios e descobren  que non hai que asustarse da outra, que poden ser amigas... Un libro no que igual atopamos moito texto para o que conta...

martes, 28 de decembro de 2021

Un novo libro de Ramón Caride

As músicas viaxeiras de Ramón Caride con ilustracións de Dani Padrón, publicado na colección Merlín de Xerais. Dise na presentación editorial que "En tempos remotos, as princesas vivían fechadas en torres mentres agardaban a chegada de príncipes con sangue azul. As pandeireteiras, pola contra, tiñan que buscar a vida polos camiños... Con todo, nin moitas das mulleres se resignaban ao seu destino nin todas as princesas se conformaban con non poder ver o mundo cos seus propios ollos. Aínda que daquela había homes ruíns nas encrucilladas e nas tabernas, ou en pazos; tamén había mozas que loitaban para poderen ser elas en liberdade. Esta é unha historia que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban." Si, a historia sitúase nun mundo afastado no que os convencionalismos mandan, as princesas e os príncipes han casar con quen decidan seus pais pero hai algúns rebeldes que fuxen para non facelo, incluso un deles vaise vestir de muller e andar entre elas. Buscan a liberdade das músicas ambulantes, das que van de lugar en lugar cantando para sobrevivir e facer máis agradable a vida dos demais. O mellor de todo é cando se atopa o príncipe que racha roles e estereotipos (un príncipe trans) coa princesa coa que estaba prometido, ambos fuxidos dos palacios, pero nin se lles pasa pola cabeza volver e obedecer aos pais, así de aditiva é a liberdade.  Contado ao modo dos vellos contos, dándolle a volta e introducindo novos valores. A historia de cada unha delas (María Farrapeira, Frida do Norte, o príncipe e a princesa que fuxiron escapando do/a outro/a) remítenos, de novo, ás promesas que deben cumprirse para non recibir castigo, contar os segredos para non perder o amor aínda que iso che leve á peor das pobrezas, os contos dos avós, as probas ás que son sometidos os irmáns para saber quen gana o "tesouro" ou aos malos tratos e a violencia de xénero xogando as cartas do destino e do demo. Unha versión de Baba Azul na que as mulleres se salvan a si mesmas, sen preocuparse de facelo con aqueles que queren que as mulleres os obedezan. 

Unha e outra vez, as mozas demostran o seu valor e intelixencia, porque grazas a iso poden vivir libremente, naqueles tempos nos que poucas o conseguían e... agora mesmo.

luns, 27 de decembro de 2021

Sobre un diplodoco

Icía e o diplococo caguiñas de Antonio Yáñez vainos falar das dificultades dun animal temeroso, sobre todo cando carga a cantidade de quilos deste e un tamaño descomunal.

Que pode pasar cando acolles un dinosaurio? Porque está calro que non o podes adoptar, pero acollelo ata os seis meses en que se debe facer autónomo... é outro cantar. Moi difícil de levar a convicencia, pero moi divertida tamén. Menos mal que está o grupo de amigas (as Demo) que colaboran; menos mal que os pais son comprensivos e que os veciños tampouco teñen mal. 

As ilustracións de Teresa Novoa acompañan moi ben a historia ata o puto de continuarse a si mesmas cando se ve esa necesidade para poder recoller no encadre todo o que non debemos perder.

venres, 24 de decembro de 2021

Un novo libro de Oli

Estamos acostumadas a atopar a Oli nos álbumes de Kalandraka, especialmente nos dos ratiños, pero esta vez chega da man de oqueleo para contarnos un relato de elefantes.

O elefante que perdeu a memoria é unha historia narrada polo neto dese elefante que perdeu a memoria. El vai contando como era a casa dos avós, o que facía o avó cada día (limpar os camiños, ), quen son os seus amigos (por exemplo o hipopótamo) e con quen non se leva ben (xirafas, rinoceronte...) e todo o que pode ser (elefante - chafariz, elefante - aeroporto, elefante - trampolín, elefante - elevador...).  O avó é un elefante servicial que gusta de facer ben, de axudar aos demais a ser un pouco máis felices, ata o punto de que pode crear arcos da vella para que a rapazada os vexa. Por iso se cabrea coas xirafas porque comen todas as follas e ramas tenras sen pensar nos demais, ou porque non axudan aos paxariños que caen do niño. Un bo día o elefantes despístase, confúndese, non sabe que fai ou onde está, esquece ata volver á casa cando cae a noite, non recoñece á familia... perdeu a memoria! O que máis lle interesa é a música así que goza cantando e ensinándolle cancións aos netos que as aprenden deseguida. Un día colleu a senda dos elefantes e non volveron saber del. Tempo despois atoparon un caderno onde apuntara as cousas que lle importaban para lembralas cando xa non puidera, e nel estaban as fotos, unha pequena biografía; todo aquilo que temía esquecer para sempre. 

Moi ben contado, como  de corrido. Moi ben descrita esa realidade das enfermidades da memoria. A nós quédanos a pena de saber se alguén se fixo cargo dos traballos do avó elefante, desas cousiñas que el facía mellor ca ninguén e que tanta alegría espertaban ao redor.  

As ilustracións son de Chus Rojo, moi expresivas, con cores planas, nalgún caso semellantes a planas de cómic. Axeitadas para as idades recomendadas, a partir de seis anos.

mércores, 22 de decembro de 2021

Libros que falan do que repetimos e da morte


O NONicornio  de Mark Uwe Kling e Astrid Henn pubblicado por Picarona. Esta ser nace dun ovo (algo raro, non?) e a toda proposta contesta cun NON, atopa ao mapache que sempre di QUE e pasa a ser mapaQUE, o canE que se chama así porque sempre di E... van xuntos para Ningunlugar (aquí cambio o sentido da lectura pasado á vertical). Atopan unha princesa nunha torre, quere que a rescaten, ela é a pinceSIña porque sempre di SI. Farano, porque é difícil negarse aos desexos de alguén que sempre afirma. E alá se van, a princeSIña quere montar ao NOnicornio pero el só llo permitirá despois de que elao leve ao carrelo, e así... ata que nos propoñen continuar a historia cunha serie de personaxes que nos apuntan. Un libro para completar coa lectura e seguir escribindo.

Chora, corazón, pero endexamais raches de Glenn Pingtuad e Charlotte Pard e publicado por Galaxia. Un libro sobre a morte, porque ela chega á cabana na que viven os catro netos e a avoa que está enferma. Os cativos entreteñen a morte dándolle café pero cando lle piden que non leve a avoa ela cóntalles a historia de dous irmáns (Desconsolo e Pesar) que viven no alto da montaña e sempre levan a cabeza baixa non poden ver ás dúas irmás (Alegría e Ledicia), cando se atopan namóranse e viven xuntos ata que chega a morte e se van xuntos, a morte di que da mesma maneira a Vida non pode vivir sen a morte, asi que morre a avoa e a morte di a frase que lle dá título ao libro.

luns, 20 de decembro de 2021

Un libro disco, un texto cunhas imaxes e a múscia que acompaña. Lingua guapa.

Lingua guapa. Cantos que contan... é un libro cd, un libro de poesías de Fina Casalderrey ao que acompañan as ilustracións de Lucía Cobo e as composicións musicais de Néstor Blanco. 

Moitas mans, moitas voces, unidas para celebrar a lingua guapa, alumnado dos centros de ensino (CEIP Álvarez Limeses, a EEI Fina Casalderrey, o CEP Marcos da Portela e o CEIP A Xunqueira, o IES Luís Seoane e o Valle Inclán), ou dos coros, a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra; coreografías e gravacións.

Os poemas cancións son introducidos por unha serie de citas (maiormente estrofas ou versos de poetas galegos) que abren boca ao redor do tema que se vai tratar no poema, así ata catorce veces. Unhas ilustracións moi coidadas, nas que se busca a imaxe máis acaídas sen aforrar esforzos, rodeando de debuxos os versos e de cores a cancións.

Unha obra coral.