venres, 3 de marzo de 2017

Variedade de libros (1)



Horizonte de sucesos. Anxo Fariña  nunha incursión  na literatura de adultos ou para a mocidade (fora da colección Fora de xogo) quere contarnos algo diferente que nos remite a historias como Os nenos numerados e mundos que poden estar aí, preto, sen que os vexamos.
O autor da serie Os Megatoxos e outras moitas obras infantís, incursiona neste mundo duro onde se xoga co horizonte de suceso, esa fronteira que existe ao lado dos buratos negros, traspasada a cal non se pode volver. 
Así comeza... “Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da migraña, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo".

Que pasa cando estás nun lugar misterioso e escuro no que se agachan moitas cousas da man dos poderes máis absolutos nos que as forzas vivas da cidade (e demais) che dan traballo ou non cho dan, che fan asinar uns papeis que semellan un código ético pero ao final é para a defensa deles mesmos e non deses seres botados fóra da sociedade, que pasa cando andas ao lado duns rapaces condenados xa de antemán... Que pasa? Que pasa cando ti cargas cunha enfermidade para a que non atopas remedio (despois de probar mil e un medicamento con moitos e perigosos efectos secundarios), no fondo ti tamén es un drogadicto que non podes vivir sen esa droga para enfrontarte e unha enfermidade que che incapacita; cando vés dunha familia probe (e por iso tes que traballar para pagarte a estancia na cidade)... Que pasa cos seres sensibles nun medio coma ese? 
Na capa o Xardín das Delicia, reinterpretado por Anxo Fariña, o autor ilustrador.  
"A esperanza necesaria, máis que o pan de cada día: "Descubrín que hai estrelas que mesmo son quen de fuxir do meirande pozo de negrura do espazo. Estrelas que son quen de variar o rumbo preestablecido e buscar unha nova ruta no inmenso ceo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario