Quokka Moka de María Solar con ilustracións de Víctor Rivas, publicado na colección Merlín de Xerais.
Quolla Mokka é así, tal como nolo contan, pero resulta estupendo asistir a ese relato pouco a pouco, vendo como ela vai facendo bromas que non son tales máis que para ela, como magoa aos demais semella que sen caer na conta de que senten e sofren... ela móvese por un mundo no que semella non darse conta do mal que fai e contesta daquela maneira que nos encanta (porque coñecemos xente así). Aínda nos peores momentos a quokka vai ao seu e nos acompañámola, polo Universo e a Antiuniverso, co mesmo sorriso que ela leva posto.
Unha proba:
"-Miña avoíña, dásme un bico para durmir?
-Non
-Anda, miña avoíña. non vou poder durmir sen un bico teu. Es a única persoíña que me queda sobre a faz da Terra. Dásme un biquiño? Non vou poder durmir sen el, avoíña, nunca xamais durmirei. Na vida! Pasarei a noite desvelada, sufrindo de pena. Por favor, miña avoíña, se non sinto a calor do teu bico na meixela non poderei estar tranquila. Foi un día terrible, só me pasaron cousas malas. Dásme un biquiño, miña avoíña? Si? Si?
-Que non! -aínda non rematara a frase e a avoa xa oíu a Quokka Moka roncar."
Así é ela e así a novela segundo a presentación editorial:
Os quokkas son os únicos animais do mundo que sempre sorrín. Unha especie australiana de marsupiais que está en perigo de extinción. Imaxinas un animal que sempre sorrí, pero que é realmente insoportable? Pois esa é a nosa Quokka Moka. Insoportable ata fartar. Un día, sen querer, extermina a súa especie e só sobreviven ela e mais a súa riseira avoa, que quedou moi enfadada. As dúas, coa axuda do espírito do sapo Roco, o seu mellor amigo, deberán ir ao Antiuniverso na procura dos quokkos para tentar recuperar a especie.Unha divertida aventura vivida entre o mundo do dereito e o mundo do revés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario