Lúa en Ningures de Beatriz Maceda con ilustracións de Laura Veleiro publicada na colección Merlín de Xerais, fala diso, dunha nena que ten que fuxir do seu país cos pais.
Hai libros cos que choras, moito, pouco a pouco, lentamente como a mirada da nena que semella pararse máis no camiño que nas cousas que mira. Lúa en Ningures vaiche facer chorar pero está ben que sexa así; algunha vez hai que facelo para lavar os ollos e para poñerse no lugar dos outros.
Lúa ha de abandonar o seu mundo, ao seu avó que é o ser co que mellor se entende, o que lle le O Principiño e lle ensina con afecto todo o que ela quere aprender como os mitos que hai detrás das constelacións. Só poderá levar tres cousas con elas e unha delas (o avó) vaille quedar atrás e para sempre. Chega a un campo de refuxiados, inmenso, coma o mar pero distribuído como unha tableta de chocolate, un lugar onde podes perderte (porque semella un labirinto) pero cando o fas será a oportunidade de velo desde arriba e facerte unha idea de inmensidade do abandono.
Aínda nos momentos máis duros e nos non lugares haberá sempre algo que facer... e os libros poden formar parte da esperanza: unha editora, unha biblioteca, unha maneira de comunicarse a través do debuxo. As ONG e os voluntarios e voluntarias, a esperanza e os amigos, as perdas e a vida que flúe agardando a que alguén, moitos alguén poña as cousas no seu sitio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario