luns, 24 de xuño de 2019

Traducións e máis traducións



Xa tiñamos falado de libros como A rapaza de tinta e estrelas de Kiran Millwood Hargrave publicada por Sushi books. Unha novela que fala de cartografía e cartógrafos, da importancia de situar e debuxar o mundo para comprendelo e facelo máis noso. Unha nena á que a nai lle deixou un mapa e vivindo cun pai que os debuxa, nunha illa (de onde non se pode saír) baixo o goberno dun ditador... pero as nenas é o que teñen, que se fan amigas de calquera, incluso da filla inconsciente dese tirano e esa amizade levaraas a ambas a unha aventura perigosa e liberadora. Unha fantasía que se alimenta da creación dun mundo propio.
Outro imaxinario persoal é o de Unha cidade chamada perfecta de Helena Duggan publicado pola mesma editorial, Sushi books. Unha cidade distópica gobernada por dous irmáns que desterran á Terra de Ninguén a aqueles aos que non poden manipular mentres deixan sen memoria nin imaxinación aos cidadáns perfectos que só poden ver o mundo a través dunhas lentes de cor rosa e beben un té que terá o seu sabor preferido pero os deixará cegos. Só os nenos poden acabar con ese horror, eles, os abandonados no orfanato da Terra de Ninguén poden enfrontarse ao poder máis absoluto porque xogan e non teñen nada que perder fóra do pranto nocturno no que choran os abrazos perdidos e os pais que xa non os lembran. Cando non vemos o mundo que está no noso ou en paralelo, cando semella que non hai saída... debemos mirar aos máis valentes que poden chorar de medo e semellar débiles pero son a esperanza. "(...) sabede que loitamos de forma enérxica e sincera polo dereito a sermos diferentes, como homes e mulleres libres, non por un, senón por todos."  
Dous libros con mapa ou plano propio. 
De lonxe chega A revolución vertical (ou por que os seres humanos camiñan ergueitos). Unha obra de Ngûgî wa Thiong´o (escrito así máis ou menos). As ilustracións (cun certo primitivismo) son de Agustín Comotto, un arxentino que cambia totalmente o seu estilo para aproximarse á África do autor. O relato foi escrito en kikuyu e traducido ao inglés polo mesmo autor, de onde procede a tradución de Xosé Álvarez Alonso. Tal e como se nos di na introdución, trátase dunha fábula africana na que este intelectual -que se declara ao servizo do seu pobo- nos explica que cada un sabe facer cousas distintas e todos/a somos necesarias e complementarias; do mesmo xeito, defende o pacifismo, o feminismo, o antiimperialismo, a loita contra o racismo e o neoescravismo poderían actuar un único movemento global que puidera desprazar o centro de poder e redistribuílo entre países e persoas. O libro recolle o texto en galego e kibuyu, o que lle engade un valor de respecto pola diversidade. Cando compiten as mans cos pés chegan a unha conclusión: "Para previr que no futuro se volvese producir un desafío como o daquela vez, e para evitar que brazos e pernas se estorbasen, os órganos acordaron que a partir dese momento o corpo camiñaría ergueito, cos pés firmemente ancorados no chan e os brazos pendurando do aire. O corpo congratulouse da decisión que se tomara, pero permitiu que os nenos seguisen camiñando de poutelas para non esquecer as orixes dos humanos."
Bótase de menos saber quen escribe a introdución e o epílogo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario