martes, 18 de xuño de 2019

Álbumes ilustrados (II)

O pirata valente de Ricardo Alcántara, con ilustracións de Gusti e tradución de Xosé Ballesteres, publicado por Kalandraka. 
A vida cotiá semella non rimar moito coa fantasía. Imaxinarse sendo pirata e percorrendo mares e cando a aventura está no momento máis álxido a nai empéñase en que merende. Acábase a épica para entrar na rutina. Un conto rimado en pareados sobre cartón duro con debuxos expresivos de áxiles trazos.  Ata o pirata máis feroz ten unha nai que o fai baixar a terra. A realidade sempre está aí, agardando para cortar a fantasía.
Distinta, con texto de Beto Valencia , ilustracións de Sozapato e tradución de Manuela Rodríguez. Ela séntese distinta, mentres os demais viven no cotiá entre o malhumor e o aburrimento, ela xoga con todo, divírtese, fantasea e fai que a vida teña un plus de marabilla. Basta mirar doutra maneira para transformar a realidade, daquela o mundo énchese de cores e a poesía percorre o día. Todo é fermoso no libro... ata as gardas. Cando o que ves non che gusta, ponte a soñar!





Ningún comentario:

Publicar un comentario