Revolución Detrito de Xosé de Cea (pseudónimo de Xosé García Rodríguez), publicado na colección Fóra de xogo de Xerais.
Un libro leva a outro... a min este lévame a outro libro situado, tamén, nunha favela As palabras poden matar. Un dos libros máis duros que nunca se escribiron para a mocidade, unha historia sen esperanza na que o ceo é escuro, a violencia total, a mafia omnipresente e omnisciente, e resulta que a única esperanza acaba sendo a maior crueldade, porque se pecha o círculo, como en Elipse de Méndez Ferrín.
Favela Torrada, separada da cidade Nova Ocidia por un gran muro que evitará que podan ver a miseria que mancha; alí, un pai que acaba de quedar ieivado na mina, unha nena que traballa no gran vertedoiro e un neno que o fai na mina, unha nai desaparecida da que o pai di que emigrou e á que lle escribe cartas cheas de faltas de ortografía que nunca saen da casa... Ticho, a pesar dese malvivir soña; un libro de contos marabillosos que súa irmá recolleu no lixo daranlle alas para plantar cada mañá unha faba agardando a que medren as plantas e poida subir por elas a buscar o tesouro. Un ditador, o Presidentialísimo, mal chamado Napialatón porque ten medio corpo feito de platino e goberna coa man máis dura que darse poda. A Resistencia anda polo medio mesturada con trasnos que non son tales e obxectos máxicos que tampouco o son, pero o neno despois dunha copiosa comida recibirá unha especie de chave á que algún día lle atopará pechadura, a nena recolle un robot no lixo e cando o rapaz é expulsado da mina e se vai traballar con ela todo casa, a chave será a batería dun autómata que busca metais (como único obxectivo) ata dar co home de platino e facilitar a revolta. Un aire latinoamericano, de novela de ditadura, de favela misérrima.
Unhas imaxes que case vemos debuxadas ou proxectadas... pola forza expresiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario