Xelís, o guieiro das botellas de mar de Rosa Aneiros acadou o premio Merlín de literatura infantil deste ano, convocado pola editorial Xerais.
A autora está nun momento doce, próxima ao lectorado infantil, disposta a crear grandes historias para eles, con todo o respecto e compromiso, coa mellor lingua... a máis rica e vital na que podamos soñar. Por iso, este premio é ben merecido. Un premio que se honra a si mesmo e aos lectores e lectoras cando se lle entrega a Aneiros.
Un guieiro de botellas de mar nunha illa que pasa desapercibida, que se oculta no mapa mundi do planeta. Un guieiro cunha perna invisible despois dun accidente, unha perna coa que fala e que ten vida propia, Colérica é o seu nome (para que nos fagamos unha idea). Hai máis guieiros, todos eles nenos que ás veces pórtanse como nenos pero que tamén asumen a súa responsabilidade e ata lla fan asumir aos grandes, eses poboadores que descargaron neles a responsabilidade de coidar do mundo. Grandes empresas son as que se traen entre mans, acabar de rematar coa illa de plásticos que se agachaba no mar pero atísbase, despois da empresa ecolóxica unha pacifista, pois quen vai a loitar contra as armas se non son eles? Un neno nunha illa oculta superando un problema físico, unha nena lonxe, no norde, traballando co avó na construción de botrellas de mar para salvar o planeta... e nós? non imos facer nada por botarlles unha man?
Aneiros é desa caste de escritoras nas que a bondade loita por facer un mundo mellor, unha escritora que lembra aos primeiros creadores deste xénero que fuxían da literatura pola literatura para enfrontar a vileza. Aí a temos: "Mingüen as forzas e acougue o mundo!" nun berro no que Xurxo Souto semella acompañala tocando o corno agora que andamos a acordarnos de Nunca Máis, porque é novembro e cabe unha esperanza.
Andrés Meixide deseñador da colección, realiza unhas ilustracións que significan a creación dun mundo tamén especial, distinto, e que nos busca como aliados ata o punto de achegarnos unha guía para a construción dos personaxes. Quen dá máis?
Ningún comentario:
Publicar un comentario