"Candorcas e unicornios é unha fábula marabillosa, en todos os
sentidos da palabra, onde o mar, a natureza e a fantasía van da man
nunha historia que, ademais de entreternos, vai facernos pensar…"
Un dos últimos títulos de María Canosa, unha autora tan prolífica que sempre anda a sorprendernos cunha nova obra por iso non podemos asegurar cal é a máis fresca.
Publicada na colección Árbore de Galaxia, no tramo a partir dos 12 anos, ilustrado por Iago Torres París cunhas imaxes especiais con liñas e o azul dese mundo da imaxinación e a tristeza que tan ben lle acae; quizás o que menos me guste sexan as expresións nalgún dos casos, deixando para as panorámicas o mellor do estilo.
Unha historia triste, unha nena que chega de África coa nai que vén a morrer e unha parella que a vai coidar. A situación dos tres na Costa da Morte vese reflectida na dor e illamento da rapaza e na agresividade coa que un compañeiro os ataca por ser distintos (eles negros e ela de pelo roxo, xente que vén de fóra...). Esa é a parte social que se resolve coa colaboración da nai do rapaz que actúa de maneira exemplar (que importante é a familia e a súa comprensión dos feitos máis alá do afecto que senten polos seus).
María coloca no centro da novela os sentimentos de Ana, esa necesidade de comunicarse con animais reais ou mitolóxicos cando non pode facelo cos iguais. Esas carreiras de Ana ata o cantil para tocar a ser tocada pola candorca ou para erguerse sobre o lombo do unicornio semellan dun grande perigo pero son tamén a maneira de liberarse da carga que leva consigo. Unha nai médica que chega a Kenia embarazada, que traballa como cooperante e enferma volve á súa terra cun par de africanos que dende sempre coidan da súa pequena. O mundo interior e a imaxinación como canal de saída da aflición, o enfrontamento entre o rapaz e a rapaza posibilitando a descarga obrigándoos a falar do que levan gardado no gran baúl da pena, o doado que debe ser o entendemento e o difícil que é conseguilo e... o amor e os coidados dos máis pequenos como centro do universo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario