Monstro de ollos vermellos de R. J. Peralta Torres, con ilustracións de Blanca Millán, publicado por Galaxia.
En primeira persoa un neno, Anxo, di que ten medo do Monstro (así, con maiúsculas) porque vai disfrazado e cando te fías... ataca. Sente vergoña e non é quen de falar coa nai ou coa mestra acerca do que lle pasa. El vaise apegando á nai, tentando estar con ela sempre que pode, á beira. O Monstro díxolle que ninguén cre aos nenos que falan de monstros e el ten medo a que iso sexa verdade. Por outro lado, na escola dinlle que dicir a verdade é de valentes e quere facelo. Dubida e dubida ata que xa non pode máis e llo conta á nai, logo van ver a unha señora que "arrecende moi ben" (xa saben o que teñen que facer as psicólogas) e de aí á policía que fala con el sobre o Monstro. Por iso, ao final o Monstro marchou, o medo vai pasando porque sabe que pode falar de todo con mamá e papá que o abrazan e así, desa maneira, vanse todos os medos.
A través das ilustracións vaise mostrando a ese monstro como un ser escuro e peludo, ás veces con forma de lobo, ás veces como uns enormes ollos que vixían, pero sobre todo botando as redes nas que se enreda Anxo, unhas redes... nas que acaba caendo o propio monstro. Esa metáfora das redes nas que caen os peixiños, mantense ao longo do libro, porque ao neno gústalle ser mariñeiro, xoga con barcos de papel, envólvese en sabas de mar e pásao mal cando nos pesadelos ou na realidade cae nas redes do Monstro. Porque os monstros son artistas do disfrace, ocúltanse os lobos coa roupa da avoa, pasan por amigos cando non o son, e sempre hai que andar ollo avizor ou iso semella dicir a última ilustracións na que vemos a moita xente pescando, cos seus anzós.
Unhas van e outras veñen. Semella un libro marabilloso para tratar o abuso a nenos e nenas porque a roupa interior está moi presente nas imaxes, pero por outra banda dá un certo temor que os oequenos e pequenas comecen a ver monstros onde non os hai, é dicir, estamos ante un libro que se debe traballar cando se fala dese tema, pero igual non é o máis axeitado para que o collan eles sos, ou si? Eu, coma Anxo, dubido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario