Neste caso trátase de O lado do que dormes de María Canosa, un libro que nos prende a pesar de tratarse case dun diario de nai.
Recollemos da presentación editorial: "Laura ten 37 anos, un home, dous fillos, unha hipoteca, un traballo e...
a vida por diante. Pero no seu traballo fanlle pagar caro o feito de
ser muller. Onde está a súa fortaleza? A fortaleza das mulleres non
sempre é igual. A unhas sáelle pola boca, polos brazos. A outras
méteselles dentro e móveas de maneira instintiva. Hai a quen lle custa
atopala, sacala á luz. Pero ao final sempre acaba por saír. Ás veces o
detonante é o simple feito de decidir o lado do que dormes. Ás veces hai
que deixar de resistir e require un cambio. Esta novela vaise
entretecendo coas dúbidas e seguridades dalgunhas mulleres. Mulleres que
se unen coma nunha arañeira, apertándose para protexérense. Mulleres
que loitan e, ás veces, gañan batallas. Non sempre."
Un libro que forma parte dese grupo que se vai entretecendo con títulos con Vida de nai de Gemma Sesar, Maternidade fóra de catálogo de Marga Tojo... ou xa no campo da poesía Oso, mamá, si? de Maria Lado, Feliz idade de Olga Novo...
A maternidade no mundo actual, a loita da igualdade da muller, a experiencia e a consciencia da desigualdade e sobre todo, os pensamentos e sentimentos que abordan as mulleres e nais actuais no traballo e na casa, na relación cos compañeiros e o resto da familia.
María Canosa sae moi airosa da súa incursión fóra da literatura infantil, nesta especie de desafogo dunha muller estresada na busca da conciliación familiar e o respecto por parte do mundo do traballo, unha baixada á depresión e unha volta á casa familiar da estirpe, aí onde se demostra a marabillosa pasta da que está feita esta escritora que afonda as raíces na leira propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario