mércores, 17 de abril de 2024

Novela xuvenil sobre meigas

Este é a título: Meigas de Esteban Folgar Brea. A primeira novela deste profesor de Secundaria que está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece. As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras. Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas!"

En terceira persoa cóntasenos o que sucede cando as meigas se reúnen para cubrir as prazas que lles quedaron libres (han de ser sempre 52) por medio dunha serie de probas a respecto das cales non todas están de acordo. Despois poderán facer o aquelarre.  As diferenzas entre unhas e outras, os lugares e especialidades de cada unha delas, as mestras que preparan ás novas e o traballo en común para enfrontar os problemas que poden xurdir coma ese trasno ou demo que foi invocado e do que semella vai ser moi difícil mandar de novo ao seu lugar. O mundo actual, esa realidade paralela ao que vemos todos os días, o pasado e o presente (ou máis ben a ficción e a actualidade) uníndose e todo sucedendo ao longo e ancho da nosa xeografía que tanto se percorre en coche como en basoira, as novas meigas facéndose amigas a pesar da competitividade e as malas mañas... 

Seguramente nos sentiremos algo máis seguras sabendo que ese cento de meigas andan a ocuparse do noso pequeno mundo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario