luns, 8 de abril de 2024

Un novo libro de An Alfaya: "O corazón das casas"

O corazón das casas de An Alfaya está ilustrado por Mario G. Alfaya e publicado na colección Árbore de Galaxia. Así se presenta: "Todas as casas teñen corazón e cada corazón agocha un segredo, sabíalo?Eli lembra a súa infancia cos seus pais, Marga e Telmo, que reformaban casas vellas, e vivían nelas mentres as reconstruían. Nunha delas, na casa da cerdeira, atopa un obxecto que a leva a descubrir a Mencía, unha misteriosa nena que se acanea nun bambán no xardín, cuxa presenza lle provoca sensacións que non é quen de entender. Os enigmáticos silencios do xardineiro Sebastián e a retranca da tendeira Candelaria provócanlle moitas preguntas e case ningunha resposta, mais a súa curiosidade é moita. Acompaña a Eli nesta emotiva viaxe por unha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario, e descubre da súa man o talismán da amizade."

Esta é unha desas novela infantís da autora que eu sempre recomendo porque son realistas pero ao tempo introduce un elemento fantástico que coloca o misterio, pero sen perder de vista a realidade, algo que tan ben fixera Xosé Miranda en A nena pálida. 

Historia contada dende a voz da filla. Pais construtores convertidos en empresa por situación de crise; unha idea luminosa que os leva a moverse por diferentes localidades e habitar diversas vivendas, pero a da cerdeira vai ser a que deixe unha forte impronta na nena. Esa cerdeira na que ve columpiarse unha nena da súa idade cando abre a caixa de música, e un misterio para resolver. De novo, a relación entre os maiores e as pequenas é algo a ter moi en conta, os dous vellos (tendeira e xardiñeiro) que viven sos e a rapaza que é quen de tecer fíos con eles. E unha verdade total: que casa non ten o seu corazón? que casa non garda nalgún sitio a súa esencia, iso que vai pasando duns a outras ao longo da súa existencia e que fai posible que as recoñezamos e nela a quen alí viviu?   

Ningún comentario:

Publicar un comentario