mércores, 3 de abril de 2024

Dous álbumes de Galaxia: a continuación dun novo formato

Os dez animais de Antón Cortizas Amado con ilustracións de Lidia Nokonoko está publicado na editorial Galaxia, xustamente na colección de álbum ilustrado de pastas blandas. As ilustracións son fantásticas, tal como nos ten acostumadas esta creadora, un luxo! Os textos, son unha enumeración de animais: un galo, dúas vacas, tres cabalos, catro ovellas, cinco cans, seis cabras, sete gatos, oito porcos, nove gansos e dez abellas; todos eles presentados a base de pareados e cunha historia que se entende ao final cando todo adquire sentido. Así se reume na contracuberta: "Cantos dedos tes nas mans? / Cóntaos ben e saberás./ E como é mellor contalos? / Coa axuda duns animais / que de camiño que os contas / un conto che contarán; / mais ten coidadiño ao final...

Quedades avisados!

O outro álbum é Lagarta, lagarta! de Elvira Riveiro ilustrado por Sofía Venzell. Anunciase así: "LECTURA ANVERSO/REVESO. A través dunhas impactantes imaxes, poderedes ler esta obra dende o principio ou o final, onde a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Unha proposta necesaria que, a través do talento de Elvira Ribeiro e Sofía Venzel, fai valer a voz e a liberdade feminina".

Unha fórmula que xa tiñamos atopado en obras como O robot que tiña medo dos nenos / O neno que tiña medo dos robots e algunha outra obra, e que acada sentido cando acae. Unha moza e unha lagarta. Hai quen lles chama lagarta a cada unha delas. Elas acaban preguntando "Lagarta?" para contestar "Noooon!:Lagarta, lagarta!" E dino a un tempo, elas, as bichas pouco mandadas. Xogando con poucas cores, a ilustradora fai un traballo ben interesante dende as cubertas, as gardas e todas as ilustracións cogando co verde, o negro e o amarelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario