Onde están todos? de Remy Charlip publicado en Lata de Sal (colección Vintage) é un deses libros que nos gana pola sinxeleza e a calidade. Vai presentando a historia elemento tras elemento, dende o branco total no ceo baleiro ata ir angadindo os personaxes. paxaro, sol (traendo a cor), montañas (que non se entende moi ben como poden ser presentadas "sobre o ceo" pero aceptamos que ao estar el baleiro debúxase), río, peixe, árbore, bosque, camiño, cervo, casa, home, rapaz, barco, nubeiro que vai avanzando (tapando o sol, comezando a chover e ocultando todos os elementos que continúan aí ata a derradeira páxina na que só podemos ver a chuvia e temos a pregunta na nosa cabeza).
O tempo foi avanzando, o sol movéndose e a chuvia aumentando. Coa única cor dese sol mentres está en escena... Cos recursos mínimos un relato completo en si mesmo e que abre múltiples fiestras porque poderemos imaxinar e comentar as historias de cada elemento debuxado e presentado.
Ónde está todo cando non o vemos, qué vida teñen cando non podemos seguilos... preguntas que nos fixemos dende sempre.
Así se presenta: "Cando sae o sol, a terra énchese de luz. O ceo ilumínase e os paxaros voan. Os ríos brillan e os peixes nadan. Os animais corren e as persoas saen das súas casas. Pero cando desaparece o sol, onde están todos? Un libro sinxelo e co ritmo singular que Remy Charlip imprime en cada páxina. Unha obra ilustrada nos anos 60 nunca antes publicada en galego nin en español, que sorprende pola súa beleza sinxela e clara."
Esta é unha nova historia de bruxas boas, Espertina e Esperpenta. Bruxas pasteleiras de Andrea García Martínez e Beatriz Castro publicada por Minicumio. Fan pasteis, son queridos pola veciñanza que agarda para poder comelos cada mañán e unha aventura. Espertenta (que é a lista e ten as receitas) desaparece unha mañá, súa irmá non é quen de descifrar a nota que deixou, un rapaz e unha rapaza deciden axudarlle a buscar a irmá que cren está secuestrada... e todo se resolve ben. Non podñia ser doutro xeito.
De verdade interesan tanto as historias de bruxas? De verdade ten sentido tanta colección centrada nelas? Outro misterio a resolver, sobre todo se temos en conta que poucas achegan esa gotiña de maxia que precisamos. Pero se as editoriais o fan é porque funciona e nós mostrarémolas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario