luns, 24 de agosto de 2026

BD dende Galaxia


Operación Morcego de Mara Méndez está publicado en Galaxia.

Preséntase así:

"O noivo da súa irmá é un vampiro!  Ester teno claro e non pensa quedar cos brazos cruzados.Xunto á súa cuadrilla e o seu inseparable gato, Millo, emprende unha misión ultra secreta. Cos petos cheos de allos e auga bendita, este grupo de “expertos” tratará de destapar a verdade. 

Acompaña a Ester e Millo nesta divertida e entolecida aventura. Logrará pararlle os pés antes de que merende a toda a familia?"  

A protagonista preséntase e preséntanos os personaxes e a situación. É a irmá pequena, a maior está comezando a saír cun rapaz. Entre a rabia de ter que compartir a irmá con alguén máis, o nome do mozo Vlad e que se semella á imaxe do suposto asasino que se distribúe nos medios de comunicación... Esther acaba convencida de que é un vampiro e quere defender á irmá dese perigo. Ela acompañada do seu gato Millo e dos amigos Sabela e Breixo investigan para descubriur a verdade e pode mostrarlla (e demostrarlla) aos pais porque a irmá non a cre. 

Un debuxo sinxelo, unha historia interesante e clara aínda que co seu misterio, uns personaxes moi ben definidos e unha azarosa aventura onde as casualidades son (ou non son) o que parecen.  Polo medio o samaín con todos difrazados e os diferentes métodos para acabar cos vampiros a toda proba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario