Do primeiro caso que nos imos ocupar non é exactamente unha serie senón traducións ao galego de libros que veñen de fóra. Ben é certo que aparecen versionados en castelán e catalán, tamén. Se nos centramos na colección Lemos +6 aparecen varios títulos diferentes nos que coincide a autora Susana Peix en varios ilustradores/as diferentes, na de +8 atopámonos coa suma doutro ou outra creadora á permanente (Susana Peix) e, tamén diferentes ilustradores/as. Algo é común a todos eles, o tipo de papel forte, case cartón, os textos en tipografía caligráfica e un texto final do ripo: "Para ser un mesmo é importante que non nos deixemos levar polo que se espera de nós. A felicidade e o benestar conséguense desde o interior de cadaquén) e as palabras clave como (neste mesmo caso) empoderamento, enxeño, astucia. Edicións do Cumio tráenos estes títulos traducidos por Iolanda Mato.
Cada vez van aparecendo máis este tipo de libros que non buscan a excelencia senón a venta rápida, a produción en cadea e que seguramente responden a creadores/as que queren vivir directamente da escrita (o que a nivel xeral conseguiron moi poucos e unicamente despois de ter demostrado a súa valía con premios que atravesaban fronteiras). Igual é que non nos gusta que non se trate co mesmo respecto a literatura infantil porque esta pode ser outra maneira de discriminala, porque non todo vale para eles por moitos valores que semelle defender porque o primeiro debe ser sempre a calidade, porque pode ser outra maneira de perverter o valor das series (eses textos que os van fidelizando)...
Así a presentan "colección creada para fomentar e gozar da lectura por pracer, a través de historias frescas que teñen un transfondo cheo de valores: solidariedade, amizade, honestidade, perseveranza… Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións. Características pensadas e deseñadas desde a súa orixe para facilitar o acceso á lectura a todos os nenos e a todas as nenas".
Os cotrosos de Patricia García - Rojo con ilustracións de Alejandro Villén e traducida por Isabel Soto, están publicados por SM en O barco de vapor, dirixidos aos primeiros e primeiras lectoras. Por agora conta con dous títulos Un roubo moi esvaradío e Os cotrosos atacan de novo. Diminutas criaturas que viven entre o lixo e odian a auga e o xabón, o que máis lles gusta é a sucidade, o lixo e todo o que el contén. Os cotrosos son o rei (ao que lle gusta mandar máis que nada), Graxa, borro, Mofo e Mancha; fronte a eles loitan Ro (un cotroso ao que lle encanta a limpeza, lavarse e arrecender a colonia, pero que ademais coñece a fala de todos os animais e cando toca a un ser humano pode empequenecelo) e Tina, unha nena que é a súa mellor amiga. Dúas aventuras que semellan ter continuidade. A autora ten varios premios Gran Angular e xa escribiu outra serie (neste caso na chamada serie Laranxa desta mesma colección).
Libros doadamente escritos e "pensados para", tal como aparece na presentación editorial baixo as etiquetas que non se molestan en traducir: literatura fantástica, reciclaxe, natureza, protección do medio ambiente, imaxinación, amizade, literatura de humor, resolución de conflitos, lixo, lingua galega e literatura (materia).
Alégranos que se active O Barco de Vapor e SM en galego, mais teríanos gustado que escolleran autores e autoras galegas (como teñen feito noutros casos) para facelo. Semella que imos contar con presenza en editoriais foráneas pero deste tipo, e ben que o sentimos.



Ningún comentario:
Publicar un comentario