O superlibro das profesións. Do pirata á muller bala de Mike Basfield e Franziska Hölbacher está publicado en Cumio.
Profesións disparatadas e presenza sorprendente (ou non) da muller en certos oficios. Organizada por capítulos baixo títulos como En movemento, Co corpo, Soñadas, Arriscadas, Extraordinarias, Conpetitivas, Artísticas, Desagradables, Pequenos grandes erros, A túa profesión perfecta...
Comeza parabenizando a quen le por ter conseguido o impostantísimo posto de lector ou lectora xefe. Continúa coa historia de cada unha delas tratada con moito humor, coa información nunha páxina e os datos abraiantes na outra. No test final vas avanzando en base ás respostas que escolles e que che van remitindo ás paxinas nas que tes información sobre ese campo.
Diferentes tipografías, moitas cores, formatos diferentes... buscando a atención.
Da presentación editorial:"Mensaxeiros incas correndo polos Andes, bufóns que facían rir a reis e raíñas, recolledores de excrementos, dobres de corpo... a historia está chea de oficios tan raros como sorprendentes! Nas súas páxinas descubrirás personaxes incribles como Bessie Coleman, a primeira piloto negra de acrobacias; Zazel, a primeira muller canón; o gran Houdini, mestre do escapismo; ou Marie Tussaud, que converteu a cera en arte. E non só iso: tamén atoparás animais que traballaban en misións asombrosas, como sapos ao servizo de estafadores médicos, ratas que localizaban minas ou cans que salvaban vidas advertindo de ataques con gas velenoso na Primeira Guerra Mundial. As ilustracións, cheas de cor e humor, converten cada historia nunha pequena aventura: algunhas páxinas semellan un cómic, outras un álbum ilustrado, sempre reflectindo a personalidade dos personaxes... e mesmo os animais contan a súa historia. Un percorrido sorprendente, divertido e cheo de anécdotas que fará rir tanto a pequenos como a maiores. E,para rematar, un test final moi especial axudarache a descubrir que profesión estraña sería a túa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario