Amosando publicacións coa etiqueta Toxosoutos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toxosoutos. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de agosto de 2025

Varios títulos

A meiga roubasoños de Pablo Nogueira está ilustrado por Manuel Uhía e publicado por Baía. As imaxes gardan a maxia deste artista  e as súas acuarelas para representar un mundo cheo de tenrura e boas vibracións, a bruxa é simplemente unha vella de aldea das de antes coas gafas para a presbicia, a rapazada é a de sempre habitando un mundo cheo de dozura. Imaxinades unha vila da que desaparece o sol e con el os soños das crianzas que non poden lembralos cando espertan? Tampouco conseguen durmir á primeira, adian a hora do descanso. Cando llo contan á mestra, esta pensa que pode ser cousa da bruxa Taparuxa e proponlles que deixen un libro no cuarto para que a meiga poda ler en vez de roubarlles os soños (porque ler non deixa de ser iso, encher de historias para soñar) e así conseguiron que  se alimentase das fantasías dos libros e superara esa enredante enfermidade. Dentro dese tipo de historias que tentan explicar a maldade nunha carencia e que pode ter remedio cando se lle achega o que precisa a persoa...

O mellor gato da vila de Susana Peix e Brenda Figueroa está publicado por Cumio, traducido por Iolanda Mato, na colección Lemos +6. Forma parte dunha colección moi didáctica que comeza cun consello (neste caso "Mostra sempre a túa mellor versión") e remata cun pequeno texto de autoaxuda "Para poder ser un mesmo é importante que non nos deixemos levar polo que se espera de nós. A felicidade e o benestar conséguense desde o interior de cadaquén" e tres etiquetas: apoderamento, enxeño e astucia. Polo medio a historia dun gato amigo dos ratos que cando lles escoita á ama que que se vai desfacer do gato porque ten a casa chea de ratos así que os convence para que se deixen pillar e desa maneira poder mostrarlle á humana que o fai ben pero cando estes desaparecen escóitaa falar de quer xa non precisa gato porque non ten ratos. 

Entre "Para que quero un gato? A casa está chea de ratos..." e "Para que quero un gato?Se xa non teño ratos..." anda o xogo.

Unha pequena historia: Candela e o espello máxico de Andrés Villar Murillo publicado por Toxosoutos. Un libro dedicado á súa neta no que semella que son del tanto o texto como as ilustracións. Candela é unha nena de oito aos que atopa un espello no lixo, pronto descubrirá que é máxico e o seu poder consiste en tragar todo o lixo e contaminación que hai nos arredores. O espello non reflicte a imaxe das persoas senón que fai desaparecer o que estorba. A historia desenvólvese en Noia, coa praia de Testal ou o río Traba na trama.

Esta é a primeira incursión na literatura infantil e de ficción deste noiés profesor e guía de alta montaña e alpinismo xa leva publicadas obras ao redor desta temática.  

luns, 18 de novembro de 2024

Varios e de varios tipos

O androide Simón de Alba Rozas e José Manuel Dopazo con Ilustracións de Iago Torres está publicado por Boadicea editora. Un libro trilingüe: galego, portugués e inglés. Así aparece a historia en cada páxina, cos tres idiomas. O androide que vive en Plutón anda na busca dun planeta para pasar as vacacións, ha de ser algo quente porque o seu fogaar é frío; vainos èrcorrendo todos ata quedar en Mercurio.

Drago. Aventura na montaña de Susana Peix e Seta Gimeno na colecciñón Lemos +6 de Edicións do Cumio. Na presentacións editorial: " A Draco gustáballe atravesar a grosa capa de nubes e voar por riba delas. Desde alí semellaban de algodón! Pero, unha mañá, non se decatou de que as nubes eran grises e, ao intentar atravesar a tormenta, mancou unha das súas ás... Conseguirá Draco regresar á súa cova?" Xa vos digo que si, non vos preocupedes, o castor vaille axudar e non lle faltan as patas para camiñar e seguir correndo aventuras. Sempre se aprende algo e Drago tamén o fai. Lembramos que aos libros desta colección sempre os relacionan con valores resultando bastantes didácticos no bo e no mal sentido: "Valores, que aparecerán de maneira transversal e normalizadora nuns libros que presentan todas as características de accesibilidade á lectura no que respecta ao formato, a tipografía, disposición do texto, contraste de cor e ilustracións." segundo a editora.

Favonio de Carmen Rey Núñez con ilustracións de Pura Villar está publicado por Toxosoutos. Así se presenta: "Favonio é un burriño que vive nunha granxa xestionada por un home moi malo que, cando algo lle sae mal, a emprende a golpes co becho que teña máis preto. E a nai de Favonio, por saber do cotián que lle agarda ao seu fillo, animouno a que fose na procura da Fraga Encantada, lugar onde ningún animal é maltratado. Malia ter que se enfrontar aos perigos do camiño, aló foi..." Acompáñao un paxariño que o guía; unha bruxa axúdao e ata a nai se vai animar a seguilo despois de que o dono o perseguise a el. Aventuras, perigos e chaegada á Fraga Encantada, a utopía á que hai que chegar e sempre se fai coa axuda dos bos seres coma esa veciña que polo camiño reencontra en forma de bruxa, coma ese merlo Chanteiro que vai con el.

domingo, 29 de setembro de 2024

Novo cómic, nova colección e novos autores: Píriz Calvo

Toxosoutos acaba de publicar unha banda deseñada de título Lug da autoría doas irmáns Píriz Calvo que lle dan nome ao estudio.

Así informa Tebeosfera: "Sempre se falou da maxia e das lendas do Castro da actual Baroña. Pero o que ninguén sabe é o que aconteceu realmente..."

Un home, Lug, un pobo, os celtas, un lugar, o castro de Baroña. Un encontro co ladrón e escrvista que lles roubou o metal e representa aos Brácaro e Bretóns... A historia semella que terá continuidade. Ese home bo que loita contra o mal, que defende pobo e débiles de calquera lugar.

venres, 16 de xuño de 2023

Varios títulos: Os Mug chegados dende a prehistoria á actualidade, A miña cadeliña e Fraga de Pasacorrendo

Os Mugs atrapados no móbil de Begoña Oro con ilustracións de Alejandro Villén, aparece publicado en S.M. Xerme. Pertence á serie dos Mugs, unha familia do Paleolítico que aparece na actualidade xunto co seu alicorno. Todo é novo para eles, un día atopan unha foto súa no móbil e cren que están atrapados aí dentro, deste e doutros malentendidos aliméntanse as súas historias.

Na páxina contan con fichas para realizar actividades ao redor da lectura.

A miña cadeliña de Francisco Rodríguez Iglesias con ilustracións de Estefanía Padulles está publicado por Hércules Edicións na colección Hércules e a Terra. A relación entre o avó e a neta, contada por ela mesma, narrando a historia desa cadela que o avó lle agasallou, de como lle pon o nome, como a coida, como debe desfacerse dela e como a recupera, como queda preñada e ten tres cadeliños, como o avó lle vai presentando as terras de seu coas árbores e cultivos ou plantas e como unha vaga de incendios acaba con todo ata cunha das crías da cadela. A veciñanza en plan solidario apoia que a cadela quede cos dous cadelos e coa súa axuda, vanse realizar actividades que promovan o respecto á natureza e o avó acaba por facer unha proposta: A educación debe comezar pola familia (os maiores han de informalos moi ben sobre a natureza para que a amen e a defendan sempre), esta educación debe continuar na escola (o profesorado debe seguir concienciándoos, a eles e á sociedade en xeral), esta educación tamén debe chegar ata os políticos que han de comprometerse e crear leis que eviten o abandono do campo e que protexan os usos da terra, esta educación debe estenderse a toda a sociedade que debe estar informada das gravísimas consecuencias dos incendios forestais e tamén deben estar preparados para facerlle fronte para que os danos sexan os menores posibles...

A fraga de Pasacorrendo de Carmen Pením ilustrado por Jessica Cidrás e publicado por Toxosoutos.  

Unha música que decide facer algo para rapazada, un audiocontos con cancións. Vainos contando...Un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e moitos personaxes máis cos que vivir as aventuras desta marabillosa fraga! Contos e poemas, música e cancións aos que acceder a través dun código QR, todo iso acompañado das músicas en pentagrama para poder acompañar as cancións coa voz ou un instrumento. Quen dá máis?

Benvida, Carmen, ao mundo infantil!