domingo, 24 de agosto de 2025

Varios títulos

A meiga roubasoños de Pablo Nogueira está ilustrado por Manuel Uhía e publicado por Baía. As imaxes gardan a maxia deste artista  e as súas acuarelas para representar un mundo cheo de tenrura e boas vibracións, a bruxa é simplemente unha vella de aldea das de antes coas gafas para a presbicia, a rapazada é a de sempre habitando un mundo cheo de dozura. Imaxinades unha vila da que desaparece o sol e con el os soños das crianzas que non poden lembralos cando espertan? Tampouco conseguen durmir á primeira, adian a hora do descanso. Cando llo contan á mestra, esta pensa que pode ser cousa da bruxa Taparuxa e proponlles que deixen un libro no cuarto para que a meiga poda ler en vez de roubarlles os soños (porque ler non deixa de ser iso, encher de historias para soñar) e así conseguiron que  se alimentase das fantasías dos libros e superara esa enredante enfermidade. Dentro dese tipo de historias que tentan explicar a maldade nunha carencia e que pode ter remedio cando se lle achega o que precisa a persoa...

O mellor gato da vila de Susana Peix e Brenda Figueroa está publicado por Cumio, traducido por Iolanda Mato, na colección Lemos +6. Forma parte dunha colección moi didáctica que comeza cun consello (neste caso "Mostra sempre a túa mellor versión") e remata cun pequeno texto de autoaxuda "Para poder ser un mesmo é importante que non nos deixemos levar polo que se espera de nós. A felicidade e o benestar conséguense desde o interior de cadaquén" e tres etiquetas: apoderamento, enxeño e astucia. Polo medio a historia dun gato amigo dos ratos que cando lles escoita á ama que que se vai desfacer do gato porque ten a casa chea de ratos así que os convence para que se deixen pillar e desa maneira poder mostrarlle á humana que o fai ben pero cando estes desaparecen escóitaa falar de quer xa non precisa gato porque non ten ratos. 

Entre "Para que quero un gato? A casa está chea de ratos..." e "Para que quero un gato?Se xa non teño ratos..." anda o xogo.

Unha pequena historia: Candela e o espello máxico de Andrés Villar Murillo publicado por Toxosoutos. Un libro dedicado á súa neta no que semella que son del tanto o texto como as ilustracións. Candela é unha nena de oito aos que atopa un espello no lixo, pronto descubrirá que é máxico e o seu poder consiste en tragar todo o lixo e contaminación que hai nos arredores. O espello non reflicte a imaxe das persoas senón que fai desaparecer o que estorba. A historia desenvólvese en Noia, coa praia de Testal ou o río Traba na trama.

Esta é a primeira incursión na literatura infantil e de ficción deste noiés profesor e guía de alta montaña e alpinismo xa leva publicadas obras ao redor desta temática.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario