luns, 5 de setembro de 2016

Lectura e relato



Nunha nova, que tiña a súa orixe nun país latinomericano, aparecía algo que nos pode facer pensar (se é que queremos). Dicía un escritor do que non lembro o nome, algo así como que a lectura non está só relacionada coa didáctica e o académico, que é o pilar fundamental da educación, e ademais, que a través da lectura e da literatura ensínase o relato da nación, cando se le a produción intelectual do país en diferentes épocas. 
Xa o dixera Teresa Colomer, cando escribía sobre o canon e o patrimonio cultural, pero está ben recuperalo, porque a través desa lectura progresan e camiñan ao paso debido os países... coas súas xentes. Só a educación, só a lectura nos permite falar de inclusión, só a escola constrúe cidadanía cando se empeña en facelo, en todo momento e lugar. 
O relato da nación. O relato da terra e de cada vida.   

xoves, 1 de setembro de 2016

Repasando...



Cando se fala de crear o hábito da lectura, todas as persoas expertas coinciden nas súas afirmacións.
   Que ha de ser unha atracción, non unha imposición.
   Que se ha de comezar léndolles, coma se foramos traballadores por conta allea. Como lerlles eses contos, como recitar esas poesías, como traballar a xestuailidade e os tonos de voz, como facela o máis expresiva posible, como ir contando con eles para que repitan determinadas frases ou nos apoien con determinados xestos... xa é outro cantar que irá desde a experiencia ata a asistencia a algún que outro obradoiro onde adquirir técnicas da narración oral.
   Que cando comezan a ler podemos facelo á par, compartindo diálogos ou alternando páxinas.
   Que temos que escoller os seus libros tendo en conta a istoria e a maneira de contala, as ilustracións e a tipografía.
   Que hai que preguntarlles para ir coñecendo os seus gustos e así ir reforzando o seu interese con novos libros que abunden nesa temática; logo trataremos de abrirlle portas, de ir ampliando o seu espectro.
   Tentaremos que asocien a lectura a gratificacións e bos momentos.

martes, 30 de agosto de 2016

De lectura e outras...

Ninguén nega que grazas á lectura se desenvolven a creatividade e a imaxinación, que aumenta a cultura e o léxico... que nos mantemos informadas. Polo tanto unha sociedade lectora conta cunhas condicións educativas, de benestar e saúde mellores.
Hai quen o di doutra maneira: permite vivir noutros mundos, constituíndose nunha maneira de viaxar a lugares imposibles de visitar doutra maneira e a tempos que non son este; mellora da expresión e o relato; convértenos en expertos naquilo que nos interesa; Mellora a ortografía, esa maneira de escribir sen manchas 
Por iso, é necesario que as Administracións leven a cabo políticas públicas e sociais que motiven e incentiven ás persoas a ler.

sábado, 27 de agosto de 2016

Hábito lector

Consellos para crear o hábito da lectura:
      Os expertos lembran que é importante axudar aos pequenos a organizar o seu tempo e a súa biblioteca, as visitas á biblioteca pública e á libraría.
     É interesante reservar un tempo para a lectura, unha hora de ler, un tempo de calidade que fala de sistematización, de constancia e de competencia lectora.
     Os adultos interesados en crear o hábito lector poden pedir consello na escola, nas bibliotecas, nas librarías... para tomar decisións acerca dos libros máis axeitados para cada idade e para neno ou nena, en particular. Por iso, o máis importante é atender aos seus comentarios, ás súas preguntas, para descubrir cales son os seus intereses, os seus gustos... É importante deixarlles a liberdade da escolla aínda que non podemos delegar no mundo comercial, xa só faltaba que no nome da liberdade sexa a publicidade quen nos gane. Nese xogo de propoñer, non impoñer, está a clave do éxito; que non vexan a lectura coma unha obriga.
     Aproveitar calquera situación para achegar un libro como agasallo, como apoio para tratar calquera tema, como obxecto cultural que ha de estar sempre a man.
     Só se ensina co exemplo, polo tanto só cando os adultos len, aproveitan toda oportunidade para facelo, disfrutan desa afición... convencerán aos e pequenas de que vale a pena facelo. A imitación é un gran aliado e o acompañamento as nosas armas; é necesario o apoio dos mediadores en todas as idades, para que o lector en crecemento non se sinta só, tampouco cada xa semella que se valen moi ben por si mesmos.  Compartiremos con el este marabilloso hábito.

xoves, 25 de agosto de 2016

Tonucci, a cidade e a educación

Tonucci, nunha entrevista de El País, falando da cidade da infancia, a educación, a necesidade de autonomía e dos cambios educativos, dos bos mestres e da súa experienica. Tamén fala de Pontevedra, e da lei Wert.

mércores, 24 de agosto de 2016

Premio Andersen para un escritor chino


Por primeira vez é un escritor chino o que recibe o premio Andersen.
Cao Wenxuan é catedrático da universidade e conta con libros traducidos a varios idiomas (como Bronce y girasol situada nunha aldea rural china na época da Revolución Cultural ou a serie Dingding Dangdang sobre dous irmáns con síndrome de Down que fuxen por separado da aldea buscando un ao outro ).
Ten 62 anos e é ben coñecido nos circulos literarios chinos. Cóntase que a súa infancia se viu marcada pola pobreza, véndose refletidas na súa obra as experiencias vividas nas décadas de 1950 e 1960.
Máis de 500 escritores e editores se deron cita en Nueva Zelanda esta semana para o trixésimoquinto Congreso da Organización Internacional do Libro Infantil, IBBY, onde se entregou este premio.

martes, 23 de agosto de 2016

Os avós e as avoas como mediadores de lectura

Por non dicilo coas nosas palabras, recollemos as dunha experta que aparece nos papeis.

"Os avós teñen un rol fundamental como mediadores de lectura por varios factores: o afecto, o tempo, a dedicación. Coma os nenos, eles adoitan apropiarse do tempo con maior liberdade, e cando ven aos seus netos bríndanse por completo ao encontro. Se nese espazo entra o libro, hai moitas posibilidades de inocular o gusto pola lectura", analiza María Luján Picabea, autora do recente libro Todo o que necesitas saber sobre literatura para a infancia (Paidós). Picabea conclúe: "Cando un neto e un avó falan, dialogan dúas visións do mundo, e a literatura pode tenderse como unha ponte entre as dúas miradas".