mércores, 16 de novembro de 2016

Lembrar algunha obras, por exemplo Oxalá estiveses aquí


Oxalá estiveses aquí de Charo Pita, ilustrado por Dani Padrón e publicado na colección Árbore de Galaxia. Para lectores a partir dos 10 anos. 
Unhas ilustracións sinxelas pero cheas de personalidade e unidade, expresivas, que falan de sentimentos... xustamente do que vai o texto, de sentimentos e expectativas, de desexos e misións na vida, das grandes ideas que nos rondan a cabeza convertidas en cousas pequeniñas, do currículum oculto que ás veces poñemos en pé decididos a tomalo nas mans. 
Volve Charo aos libros como Os tres amigos ou Pequeno oso pequeno tigre, ás cousas sinxelas que non o son, a iso que contamos sen máis pero que leva moito simbolismo impreso. Neste caso, a lebre escoita algo diferente no río: é unha botella que contén unha mensaxe, que neste caso ha de conseguir sacala do río, ha de conseguir sacar o papel da botella e só o logrará cando reúnan forzas e mañas Cangrexo, Lagarta e o Vento Norberto. Daquela len a mensaxe “Oxalá estiveses aquí”. Non se sabe quen a envía nin desde onde, pero a lebre está disposta a buscalo así que sae río arriba cara ás Terras de Alén cos agasallos dos seus amigos (unha pinza do cangrexo –non súa, claro!- un líquido da lagarta para volverse da cor do que a rodea, unha buguina do vento –que tamén lle dá un consello “cando estés nunha situación difícil, respira profundamente porque airearse sempre axuda"- e un pouco de mel da abella). Vai subindo, río arriba ata rematar a Pradaría onde se encontra con Teixo (o garda da fronteira) e despois de contestar as súas súas interesantes preguntas entérase de que outra lebre cruzara a fronteira antes ca ela. Na noite atopa a un gato salvaxe (un dos seus inimigos) que lle pide axuda porque ten unha espiña cravada nunha pata, quítalla coa pata de cangrexo, durmen xuntos e acaba regalándolla por se volve cravarse unha espiña. Logo coñece a Salmón que vai río arriba, teñen unha conversa interesante acerca de se xa está “aquí”, do que saben e non saben, de como fan o que outros –peixes e lebres non fan- e despídense sabendo que son diferentes pero tamén moi parecidos... rachando prexuízos. Despois, ha de continuar por terras ermas onde os paxaros negros a sguen desde o ceo agardando a comer lebre, ese semella o seu destin, pero cando a lebre desfallece e a buguina do vento roda...
Cos recuros da narración, coa sinxeleza e a maxia da oralidade; as repeticións, a reiteracións, as verbas ben buscadas porque son o abracalabra que pode abrir unha porta, e ben ditas porque separarndo ou unindo de diferente maneira por ter distintos significados. Con valores coma o misterio (recibir unha mensaxe), o atrevemento (ser quen de buscar), a axuda dos amigos, xuntar forzas e mañas para facer as cousas entre todos, a narración ben contada, os agasallos que sempre han de servir para algo (tamén para regalalos de novo a aqueles que o precisen), as palabras con significado especial, a temeridade dos que non queren coñecer nada novo (que pode haber fermoso alén da Pradaría?), un tesouro pode ser calquera cousa, agradecer cando alguén fai algo por nós aínda que non sirva, para algúns todo o que rompa a rutina é un problema mentres que para outro é un aliciente, os consellos dos amigos ou o que eles nos contan, o xogo coas palabras, o valor da imaxinación (a distacia entre os catro puntos cardinais é o horizonte), incluso os máis perigosos teñen medo a algo, incluso os maís perigosos poden ser amigos (durme apoiada no gato salvaxe e dá bo durmir), a cadea de favores, diferentes e iguais pois temos cousas que nos diferencian e cousas que nos unen, qué sabemos e qué non sabemos?, cómo imos seguindo misterios, os paxaros negros ou as ameazas que sempre penden sobre nós agardando a nosa debilidade para podernos, aínda cando atopes un bo lugar podes querer continuar buscando: uns quedan aí e outros continúan, estar soa no medio do paraíso, o que pode provocar unha mensaxe ou unha frase tan suxestiva como “oxalá estiveses aquí”, os pequenos e débiles podemos inventar algo para que non no ataquen (paxaros ou peixes que se xuntan para semellar un grande, rato que xoga coa súa sobra e o ruído con eco para asustar), contar con que todos asustamos a todos, o despiste de algún que nos informa con toda seguridade coma o morcego coa dereita e a esquerda, os cambios rápidos de algúns (bolboreta) e o non facer nada persoalmente sen que o saiban as demais (formigas), pódese enviar unha nova mensaxe nunha espiral e nin siquera hai que estar alí para recibir aos que cheguen porque tartaruga estará durante moito tempo, e a despedida: “oxalá nos volvamos ver” que podería servir para un novo relato... ás veces o agasallo que levas ao final da viaxe é o que podes contar ou ensinar.

PACTOS POLA EDUCACIÓN?


Recollido dos medios (TeleMadrid.es):
O portavoz do Grupo Socialista na Asamblea de Madrid, Angel Gabilondo, solicitou á presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, un procedemento "aberto á participación non só parlamentaria" e "pactado con todos os grupos da Asamblea" para conseguir o acordo pola transformación educativa.
Así mesmo, na súa intervención no Pleno, Gabilondo manifestou a vontade dos socialistas "de participar cun acordo ambicioso e de alcance", pero advertiu á presidenta que "se buscan unha ratificación do modelo" non avanzarán.
Podemos estar máis perto?

martes, 15 de novembro de 2016

Por facer boca... Pactos pola educación


Recollido da prensa:
L'HOSPITALET DE LLOBREGAT (BARCELONA), 4 (EUROPA PRESS)
Máis dun cento de grupos políticos, centros educativos, asociacións de pais e nais de alumnado, sindicatos, entidades veciñais e sociais asinaron o Pacto Local pola Educación de L'Hospitalet de Llobregat, un documento que recolle 155 propostas de actuación para afrontar os retos que ten o municipio no ámbito da educación.
O texto contou co apoio de 50 centros educativos, que suman cerca de 20.000 alumnos, unha corentena de entidades do mundo da educación, como a Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos/as de Catalunya (Fapac), os sindicatos CC.OO. e UGT, o goberno municipal e os grupos políticos do PSC, ERC e Convergència-PDECAT.
Segundo informou o consistorio, o pacto recolle que a educación pública é "un servizo esencial da comunidade, destinado a facer que a educación sexa accesible para todos, sen distinción de ningunha clase, en condicións de igualdade de oportunidades".
A alcaldesa de L'Hospitalet, Núria Marín, que fixo do Pacto Local pola Educación un dos seus compromisos de investidura, afirmou que "todos os que deron apoio a este documento comparten o convencemento de que a educación é a mellor garantía para conquerir unha sociedade cohesionada e con igualdade de oportunidades".

luns, 14 de novembro de 2016

Libros no metro de Londres, de parte de Hermione.


Emma Watson, a actriz que se fixo famosa no papel de Hermione na saga de Harry Potter, resultou ser unha activista da lectura e o feminismo.
Dise na prensa que co fin de sorprender aos seus seguidores, utilizou a súa conta de Instagram para anunciar que agachou en distintos lugares da rede do metro de Londres, exemplares do libro Mom& Me& Mom, o sétimo e último volume da serie de autobiografías de Maya Angelous. Este libro foi recomendado por Our Shared Shlef, o club de lectura feminista promovido pola actriz. 
Emma Watson pídelle aos que atopen o libro que o coiden e, unha vez lido, volvan a deixalo no metro para que outra persoa poida lelo, de novo.
Semella certo que non se pasa inmunemente por un libro.
De calquera maneira, o metro é un bo lugar para que calquera practique o bookcrossing.

venres, 11 de novembro de 2016

The White Ravens, 2015 e 2016





 
No ano 2015 o premio Compostela de álbum ilustrado Ícaro, de Federico Delicado e publicado por Kalandraka, entrou nesa prestixiosa listaxe seleccionada pola Internationale Jugendbibliothek de Munich.
No ano 2016 faino, o libro de coñecemento, Teño un pés perfectos de María Solar, foi esollido entre 200 obras de 60 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís. Con este recoñecemento, o galego é unha das 42 linguas representadas en The White Ravens 2016, cuxo comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”.



xoves, 10 de novembro de 2016

Premio Meiga Moura



Na súa 7ª edición, o premio Meiga Moura de literatura infantil e xuvenil 2016, recaeu en Héctor Cajaraville.
Este premio de baía edicións, dotado con 2.500 € e publicado pola editora convocante, premiou a obra presentada baixo o lema "Briolanxa" que leva o título de Denébola a RoxaDe e vai dirixido a lectores a partir de doce anos.
Desta autor lembramos un moi bo libro, publicado na colección Merlín de Xerais titulado Quen dá a quenda? e De remate, premio Xerais dese mesmo ano.


venres, 4 de novembro de 2016

Novembro: mes da ciencia en galego nas bibliotecas


                      Guía de lecturas de Ciencias en galego do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños
Novembro, mes da ciencia . Manifesto 2016
“So o que sabe é libre, e o que máis sabe é máis libre”. Miguel de Unamuno
Encántame a definición da ciencia como un sistema de coñecementos ordenados. Cando os nenos preguntan insistentemente, e ás veces fastidiosamente, “por que?”, están establecendo as bases dos seus coñecementos. Amplialos e ordenalos será unha tarefa que poderá enriquecelos ao longo da súa vida. Porque unha das marabillas do pracer de aprender é que nunca se termina de aprender.
Penso que todos nós deberiamos de ser conscientes de que construír un futuro para o noso país é construír un futuro para o mundo, e esa construción haberá de basearse na sabedoría daqueles que nos precederon, pero tamén na daqueles que están a traballar, a investigar e a descubrir todos os días.
Os coñecementos científicos marcan a historia da humanidade no seu sentido máis amplo, xa que esta non podería entenderse se non o fose dende o desenvolvemento da tecnoloxía baseada sempre na ciencia: dende a agricultura á máquina de vapor e aos voos espaciais.
Ao tempo, os humanos temos un instrumento único para á transmisión do coñecemento: a linguaxe. Unha linguaxe diversa e rica ao longo do mundo e que para os galegos é especialmente vantaxosa, xa que, unida ao noso irmán o portugués, podémonos entender con 280 millóns de habitantes, e aínda máis, cos 400 millóns que falan español. Somos ricos en número, está claro, pero ademais somos ricos en matices, en xiros, en sutilezas. Esta riqueza da nosa lingua estou certa de que nos axuda a ver o mundo dende a reflexión e a dúbida. Non é acaso esta actitude a clave para nos aproximar ao coñecemento?
A globalización na que vivimos é tamén outra enorme vantaxe para achegarnos ao coñecemento. Un coñecemento que está recollido basicamente na inxente bagaxe das nosas bibliotecas, a día de hoxe moitas delas públicas, e tamén, e cada vez máis, dende a facilidade das comunicacións informáticas. Hoxe vivimos en Galicia, e dende Galicia vivimos no mundo.

                                                                                                   Isabel Aguirre