domingo, 13 de agosto de 2017

Beneficios da lectura (unha vez máis)


Distintos estudios comprobaron que a lectura non ó serve para mellorar o nivel cultural senón que tamén produce bens saudables, por exemplo... 
Favorece a concentración e aumenta a materia gris do cerebro
Axuda á memoria cun adestramento frecuente
Reduce o tensión, facilita a relaxación e diminúe a depresión
Entretén a mente
Reduce o alzheimer ao incrementar a forza do tecidos do cerebro
Ademais...
Aumenta o vocabulario
Mellora a oratoria (seica Cicerón afirmaba que a falar non se aprende falando senón lendo) 
Ccontribúe ao desenvolvemento da obxectividade e a toma de decisións
Axuda a atopar emprego
Favorece o éxito profesional, etc. 
E incluso poderiamos achegar que o fomento da lectura é o camiño máis rápido cara á cultura.
Hai quen dea máis?

venres, 11 de agosto de 2017

A diferenza na literatura infantil



En Latinoamérica, literatura infantil contra a homofobia.
Sombras en el arco iris de Mónica B. Brozon é o primeiro libro onde aparece esta temática na editorial Fondo de Cultura Económica (FCE). Esta escritora mexicana conta que foi a raíz dunha nova sobre Ricki Martin e os seus fillos ao ver os comentarios dos lectores os que aparecían moitas mensaxes de odio e homofobia. Conta:  “Pareceume horrible; doume vergonza vivir nun país como este".
Constanza, a protagonista, é unha nena que sabe que seu irmán maior en un mozo, e que ambos decidiron contarlle á familia que están namorados.
A historia deixa claro que a homosexualidade non é un problema, pero a homofobia sí.
Quería que as novas xeracións viran con naturalidade algo que está aí desde sempre e "a mellor forma de facelo, é a través dunha historia, porque se ti como autor encariñas ao lector cun personaxe e lle mostras as consecuencias que ten o prexuízo, estás provocando sentimentos, e os sentimentos son máis formativos que a información"
Socorro Venegas, Coordinadora de Obras para a Infancia do FCE, opina que  “Falar aos nenos do respecto á diversidade sexual é quizás máis urxente nun mundo no que estamos tan expostos aos medios de comunicación e ás redes sociais”l.
Porque "os libros son importantes xa que constitúen o espazo simbólico no que os nenos van entendendo as representacións sociais e culturais do seu país, sociedade, escola. Se sempre se mostra a heteronormatividade, tradúcese en que iso é o deber ser. E se un neno non ten una familia como as que aparecen na revistas ou nos libros, entón algo está pasando mal comigo”, comenta un profesor universitario e activista.
Non só a homosexualidade, non só os diferentes pos de familia, tamén os desaparecidos,... todo iso está a aparecer nesta literatura que presenta situacións e modelos para todos e todas.
Noticia recollida de Verne.

xoves, 10 de agosto de 2017

mércores, 9 de agosto de 2017

Libros e lecturas



















Kibuko de Xavier Estévez na colección Oqueleo de Obradoiro.
Dous mudos contactando entre si:  real e un de ficción,no medio unha nena deprimida pola morte do pai e un tesouro que abre portas, unha cámara de fotos, e o encargo de facer cinco fotos: o edificio máis bonito da cidade, as figuriñas do xardín do veciño, a súa irmá, a súa nai e ela mesma. Do outro lado, o universo de Kibuko está a desaparecer a pasos axigantados e el debe facer algo por impedilo. Farao e conseguirá que a filla continúe a soñar co imaxinario do pai.mentres observa como as demais van soportando a dor da perda de maneira digna e solidaria.
Da mesma colección pero, neste caso, para lectores a partir do doce anos, é O Bosque Pálido de Jaureguizar. Con humor, cóntanos Lidia a súa historia.Filla de Adam e Eva, anda bailan dun a outro extremo, do músico case marxinal á muller convencional,cada un buscando o mellor para a filla e discutindo entre eles. Decidín enviala a unha illa a aprender inglés. Na costa recóllea un mariñeiro que semella pirata e lévaa a un lugar sinistro. Alí todos e todas visten á moda de hai séculos, viven de noite, dedícanse á rapiña facendo naufragar os barcos ou despistándoos por medio dos radares e internet. Sobrevive así un grupo de albinos, chupándolles a enerxía -a base de abrazos- a aqueles que conseguen levar á illa... pero, no medio de todo iso, Lidia namórase dun destes rapaces e consegue fuxir con el levándoo á súa casa. E si, hai un bosque pálido con sepulturas...
Haberá que ler e entrar na mellor narrativa de Jaureguizar. 
O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville. Así o presenta o autor no seu blogue:
"David acaba de facer dezaoito anos e é o único fillo dunha parella de emigrantes galegos en Nova Jersey. No verán previo ao seu ingreso na universidade viaxa a Galicia, onde só estivera ao pouco de nacer, co fin de asinar os documentos para a venda da casa que os Formoso, a súa familia materna, herdaron na localidade costeira de Faramontáns.
A súa intención inicial é regresar de inmediato, pero axiña van aparecendo razóns polas que prolongar a visita: unha Galicia que pouco ten que ver coa idea que el traía na cabeza, unha familia coa que nunca ata entón tivera contacto, un misterio arredor da «casa de Formoso» que enterra as súas raíces na guerra civil... E o amor, que xorde de súpeto polo lado máis imprevisible.
Unha historia de sentimentos, pescudas, confidencias e revelacións que desemboca no achado máis transcendental: o que nos dá as claves para descubrirnos a nós mesmos".
Ese pé en New Jersey con todos os nosos emigrantes, en Newark ou Bayonne. Os pais traballando no que poden, o rapaz entrando na universidade pública, a máis barata pero non  mellor, os seus amigos nunha mostra de diversidade, o seu tempo coincidindo coa presidencia de Obama...
O outro pé en Galicia, Santiago e o concello de Céltigos, o tío rico e ostentoso, as tías da aldea tranquilas e familiares, a prima avogada empoderada e a adolescente buscando sr foco de atención; a outra rama familiar cun avó que debe ser un dos personaxes máis duros e breves da nosa literatura,  unha avoa que resiste e unha tía enferma... unha casa fráxil e cruel da que sae fuxindo... pero é na outra póla onde vai descubrir a cara do horror, un avó con fama de exemplar que denunciara a un veciño nos tempos do Golpe de Estado e se queda coas súas propiedades deixándoo morrer na cadea. Non ten problema Cajaraville en mostrar o mellor e peor da condición humana e facelo cunha narración áxil, con diálogos engaiolantes... xogando a mostrar  e suxerir.
Un bo relato para a mocidade.


luns, 7 de agosto de 2017

Oxalá estiveses aquí


Oxalá estiveses aquí, é un deses libros imprescindibles. Só o seu título, xa nos di moitas cousas, deixa un regusto de suxestións, de pensamento volátil que dá voltas arredor da vida... cantas veces lle dixemos iso a alguén, quen nolo dixo, onde deberiamos estar...
O seu ton, lémbranos os libros de Heine cando anda con tres amigos ás voltas ou os de Janosh cando xunta ao pequeno oso e pequeno tigre. Si, vai de amizade, pero non só diso. Vai da vida e dos seus retos, das dificultades e agasallos, de como debemos poñernos en marcha na busca das utopías -aínda cando vivamos no paraíso- ou botar unha man incluso a aqueles que potencialmente poderían ser inimigos. É unha obra e aprendizaxe, porque toca aprender... aprender que hai mundo máis alá da Gran Pradaira, que o camiño non remata ata facelo de todo, e aínda así... podemos continualo e repetir... e darlle unha volta máis.
Unha mensaxe chega polo río, váinola anunciando un novo son. Só poderemos sacala da botella cando colaboren todos os amigos. Unha vez lida xorde a dúbida: onde é "aquí" (ou é que "aquí" é sempre onde ti estás?"), quen a escribe, debemos ir a algún lado? Case teriamos desexado non recibir nunca ese tesouro que nos confunde, ata o momento no que Lebre se pon en marcha contra a opinión dos amigos. Vai río arriba cos agasallos que eles lle fixeron, na busca de aventuras... porque alguén escribiu "oxalá estiveses aquí".
Un libro que garda os recursos da narradora oral que é Charo Pita. E tamén as ensinanzas e a tenrura. 
Unha fábula para non esquecer!
As ilustracións de Dani Padrón, estupendas; coas liñas mínimas pero coa unidade que achega o estilo propio.

domingo, 6 de agosto de 2017

Paula e os animais: "Bruxa e familia"



En primeira persoa, unha moza, que se considera bruxa, vainos contando onde e como vive, e cal é a súa relación cos animais cos que comparte a casa de pedra preto do río. Estas mascotas -ás que ela lles fai compañía- son Isis e Nefertiti -dúas gatas-, un caracol de baño de nome Prisciliano, unha araña con sete patas á que chama Sétima e a pequena Catrovecesdúas, a mosca inmortal Cornucopia, un milpés bailarín chamado Pérfida Escolopendra, o rato Caruso, a curuxa Carmila e a toupa Altamira. Non vive con ela, pero visítaa, cada día, o merlo Tristán que se estampa contra o cristal, e non só o fai por rimar. Vén de visita, tamén, o Monstro do Tellado que debe ser seu irmán, un lobishome, digno descendente do pai, que é o sétimo fillo dun sétimo fillo. O pai,  grazas aos medicamentos que lle dosifica súa nai, nunca chega a transformarse en animal de todo.
Ademais deses animais que sempre están con ela, ten máis compañía. Neste caso, trátase daqueles que van e veñen, sen quedarse. Por un lado a nena Rosaura que desconfía dela,  porque ser bruxa é o que ten... hai demasiados contos falando de que comen nenos ou envelenan mazáns. Por outro, está o lobishome que se sube ao seu tellado... e que igual é da familia.  
Onomástica, que é o nome desta moza bruxa, cando celebra o aniversario faino con tres festas, por que será?
Paula co seu rexistro de narradora, co seu humor sempre presente, cos seus pensamentos... acompaña a nosas lecturas, agora con esta Bruxa e familia, que se publica na colección Oqueleo
Un bocadiño:
“Desde que Rosaura marchou aprendín que hai dúas clases de soidade: a que sempre está e a que vai e ven. A que sempre esa é unha soidade doce, amable. Cando consegues vivir con ela, descobres os nomes propios dos animais e das plantas que te acompañan. A soidade que vai e vén é peor, porque se agocha detrás das persoas e soamente no momento en que esas persoas marchan, a soidade asoma, e ti sentes que o peito se afunde co peso da tristeza. Ese é o momento de cantar alto e forte”
Miremos en detalle as ilustracións de Lucía Cobo.
 

sábado, 5 de agosto de 2017

Declaracións de Manuel Rivas

Nunha entrevista arredor da súa participación na Feira do Libro d´A Coruña e da súa obra Os libros arden mal en La Voz de Galicia, declara...
"(...) A xente que ordena a queima dos libros non é xente inculta, non son bárbaros; son xustamente persoas que saben moito dos libros. Saben cales hai que queimar e cales non. Danlles moito poder e por iso loitan contra determinados títulos." 
Un aviso a navegantes, por se había dúbidas...
O libro que ten como protagonista a cidade, segue aí, vixente dando unha lección acerca de como teremos que manter os catálogos abertos e non estar dispostos a cambiar continuamente indo detrás da última publicación, esquecendo o que saiu á luz onte ou antonte.