domingo, 8 de abril de 2018

Constelacións literarias II. As "Rapazas" e o seu mundo.




Poucos libros de ficción, como este de AFP, conseguiron mostrar tan ben o mundo das adolescentes e as discriminacións de xénero a que se ven sometidas. De aí que comece por el, en xeral, e por cada un dos seus relatos (en particular) para elaborar unha constelación literaria que podería chamarse "As rapazas e o seu mundo".
Vou escollendo as claves que definen o volume:
Mulleres protagonistas absolutas de todos e cada dos conto. Neste sentido podemos constelar coa maioría das obras de AFP: Trece anos de Branca, As flores radioactivas,...
Libros de relatos: Contos por palabras; Amor dos quince anos, Marilyn; Tres pasos polo misterio; O único que queda é o amor... todos de Agustín Fernández Paz.
E as claves que definen cada un dos contos:
"A última meta". O mundo do deporte: Corredora de María Reimóndez... Un loto na neve de Gonzalo Moure, Lume de biqueira de Vázquez Pintor, Déixao medrar de Silvestre Gómez Xurxo, "O partido de Reis" en Madomna e outros contos de inverno de Manuel Rivas.
"Querida avoa", os prexuízos ante o "outro" (a avoa trátase a respecto dos africanos que venden na rúa). O meu nome é Skywalker, Lúa do Senegal de AFP, "Pan con chocolate" de María Victoria Moreno, A lagoa das nenas mudas ou A pomba e o degolado de Fina Casalderrey, Salitre de Jaureguizar.
"Unha pedra na area", a superación dun problema (a vergonza de ver os seus sentimentos ao descuberto). A Pomba e o Degolado; Asústate, Merche de Fina Casalderrey.
"Visitante das estrelas". Ciencia ficción e extraterrestres: A serie de Said e Sheila de Ramón Caride,  Proxecto Pomba Dourada de Miguel Vázquez Freire, Moncho e Dríar de María G. Yáñez, as obras de Bradbury Crónicas marcianas ou Fahrenheit 451. Ecoloxía: As flores radiactivas de AFP, a serie de Said e Sheila de Ramón Caride, O rescate do peneireiro de Marilar Aleixandre, A Terra de Anna de Jostein Gaarder e Sementes de Sonia García Vidal. 
Diglosia: Made en Galiza de Séchu Sende, Comedia bífida e Menú de enganos de Núñez Singala.
"Un curso con Ana" Feminismo: O segredo da Pedra Figueira de Mª Xosé Queizán; A expedición do Pacífico, Rúa Carbón, A filla do Minotauro, A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre; Usha, Volvo! O regreso de Usha, Corredora, O club da calceta de María Reimóndez, Marta e a píntega de Eli Ríos.
"Dúas rosas murchas", a morte e o misterio: Tres pasos polo misterio, Cartas de inverno, Aire negro, Noite de voraces sombras, Corredores de sombra, As fronteiras do medo, A neve interminable de AFP

venres, 6 de abril de 2018

Catálogo do mellor da LIX do 2017, publicado pola OEPLI

A OEPLI ven de publicar, por primeira vez, un catálogo do que se consideran as mellores publicacións de LIX do ano 2017 nas diferentes linguas oficiais do Estado.
Con motivo desta selección, caemos na conta de que o número de publicacións deste tipo en galego foi menor que en euskera nese ano. Algo que asusta e nos compromete (a todos e todas) a facer algo, o que sexa!
Dos 200 libros que compoñen o catálogo, pola produción en galego corresponderíannos 11 títulos en galego fronte aos 13 do euskera. Isto fala moito da falta de apoios institucionais á publicación en galego de literatura infantil e xuvenil, fala moito do papel das editoriais, e ata dos mediadores. Que nos está a pasar? É que imos desaparecer sen unha queixa?
Ao final, en plan solidario, aceptouse na OEPLI (e co acordo de todas as súas seccións: GALIX, Clijcat, Consejo General del Libro e Galtzagorri) que houbera 10 títulos de partida e cada lingua, para engadir, a continuación, os que corresponden por produción. Desa maneira contamos con 21 títulos en galego.
Aquí, neste enlace,  pódese acceder ao catálogo.

mércores, 4 de abril de 2018

RECURSOS PARA A IGUALDADE NA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA


A modo de resumo, recóllense unha serie de entradas deste blog, que acollen recursos relacionados coa LIXG que poden ser utilizados no traballo coa igualdade de homes e mulleres.
Baixo a etiqueta de LIXG están os libros escritos orixinariamente en galego e aqueles outros que ao estar traducidos á nosa lingua, xa forman parte do seu sistema literario. 

luns, 2 de abril de 2018

A mensaxe e o cartel do Día do Libro Infantil


Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for  Young People) promove a celebración do 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen. 
Como símbolo de unión entre os pobos do mundo, cada ano un país membro do IBBY é o encargado de seleccionar un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para que redacten a mensaxe e deseñen o cartaz para todos os nenos e nenas do mundo.
No 2018, o país encargado é Letonia: a mensaxe é unha creación da escritora e editora Inese Zandere e o cartaz, do recoñecido ilustrador Reinis Petersons.

venres, 30 de marzo de 2018

Unha nova distopía (escrita por unha muller): "O cidadán perfecto"

O cidadán perfecto é unha novela de ciencia ficción, na que se desenvolve unha distopía." O cidadán perfecto" é un concurso de televisión que acostuman ver os habitantes de Biotrés, a cidade do Continente na que hai barrios que son case decorados para crear ambiente. Unha sociedade moi estratificada, na que debaixo dos membros de dereito do Biopoder están os membros do Consello ou conselleiros do Biopoder e, máis abaixo, o vulgo en xeral.  
O Xefe de Escrutinio da Autoridade Social vai recibindo aos escrutadores, especialmente aos xx pois tense demostrado que teñen máis facilidade que os xy. A sociedade vese, non só escrutada cando hai a mínima dúbida pairando sobre eles, senón programada de forma que a reprodución ou a crianza, as relacións entre a poboación ou os sentimentos e vocacións forman parte dun programa que non deixa nada fóra do seu dominio. Unha sociedade na que non se envellece, para iso realízanse operacións pero tamén se usan máscaras absolutamente axustadas coa imaxe do que fostes. Estabilizadores, inhaladores e inhibidores fan que non se sufra pero tampouco se goce. Non existirá dependencia pero tampouco amor e, sempre sempre, haberá que estar atentos aos que poden sabotear tanta felicidade, neste caso o movemento chámase Diferenza (fronte a tanta igualdade).
Corre o ano tres mil e pico, uns escrutadores vixían a outros e ás veces o xefe é quen tende as trampas facéndose pasar directamente por un disidente. Semella que son as mulleres, ás que retiran unha temporada para procrear, as que poñen en marcha a disidencia. Polo medio vanse contando as historias desa cidade no Continente, dos Confíns, das Illas... doutros mundos artellados doutras maneiras que se poden mesturar con este e provocar chispas, aínda que todo remata nun traspaso que semella decidido por cada un dos suicidas involuntarios que deixan as súas mensaxes de despedida, sen decatarse.    
Para cando o noso mundo semella xa unha distopía de desencontros e incapacidade de acordos que nos dignifiquen, ven Raquel Ricart a meternos medo con outro lobo que aínda pode ser máis fero.

mércores, 28 de marzo de 2018

Catálogo de Bolonia 2018

 
O catálogo "Libros Infantís e Xuvenís de Galicia 2018" que todos os anos elabora GALIX cos títulos publicados en Galicia no ano anterior, xa está disponñible na páxina.
Pódese descargar neste enlace, na páxina de recursos do blog de GÁLIX (http://www.galix.org). 
A ilustración de Victor Rivas cun guiño a Escarlatina - Esmeraldina, é unha boa porta de entrada a un ano de literatura infantil e xuvenil galega.

luns, 26 de marzo de 2018

Mulleres dramaturgas

Antes de rematar este mes de marzo (Marzo de Mulleres) celebramos o día mundial do teatro, recoñecendo a labor das dramaturgas galegas que escriben para a infancia como Pura e Dora Vázquez, Anisia Miranda, Ana María FernándezPaula CarballeiraGloria Sánchez, An Alfaya, Chus Pereiro, Teresa González, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Carmen Domech, Magdalena de Rojas...